Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Iria Taibo, pola esquerda, Carlos Callón, Fran Rei e Susana Romero onte no Club Internacional de Prensa |
A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou onte os actos que teñen previsto organizar para o Día das Letras Galegas, que terán como punto central unha manifestación que se celebrará o vindeiro 18 de maio en Compostela. Baixo o lema"Polo dereito a vivirmos en galego, a Mesa chamou a sociedade galega para "mobilizarse masivamente".
O presidente da asociación, Carlos Callón, sinalou que os obxectivos fundamentais desta convocatoria son "lembrarlles aos poderes públicos que teñen obriga de cumprir e facer cumprir a lexislación en materia lingüística" e "demandar que o galego sexa lingua cooficial na realidade, e non só no papel", así como "recordar que o galego é o único idioma natural de Galiza, o que o Estatuto denomina lingua propia do país".
A manifestación sairá ás doce do mediodía da Alameda compostelá, e rematará na Praza da Quintana, onde se lerá o manifesto, cuxa redacción definitiva se aprobará na Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, que se celebrará este sábado, 29 de xaneiro, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela.
Fran Rei, coordenador de Zonas da Mesa, sinalou que se trata dunha convocatoria "aberta a toda a sociedade sen distinción, unha mobilización cidadá plural" e explicou que a asociación se vai dirixir "ao conxunto do tecido asociativo, entre eles aos centros de ensino, asociacións de pais e nais, equipos de normalización lingüística e imos facer un especial esforzo para convocar os diferentes concellos do país".
Para Susana Romero, membro da directiva da asociación, "é a situación actual da lingua o que nos leva a saír á rúa". Pola súa banda, Carlos Callón, presidente da Mesa, salientou que, ao longo da historia da asociación, creada hai xa 22 anos e con máis de 3.300 socios, foron varias as mobilizacións convocadas coa defensa da lingua galega como bandeira. Para Callón, "de nós depende que o galego teña futuro", subliñou.
"Discurso cínico amparado polo PP"
Carlos Callón cualificou onte de "discurso cínico amparado polo PP" o que manteñen asociacións como Galicia Bilingüe sobre "imposicións" do galego. Callón convidou a quen crea que hai unha "imposición" do galego a que intenten vivir 48 horas neste idioma e traten, por exemplo, de pagar recibos en galego. Afirmou que "non hai ningún ámbito no que se garanta nin sequera o 50 por cento do uso do galego". Ademais, criticou o PP por manter un discurso "grave" e unha "escandalera cínica" respecto diso que "atenta" contra principios básicos de convivencia e "rompe consensos" de defensa do galego. "O PP sempre votou a favor de leis, plans e proxectos en defensa do galego cunha condición: que non se levasen práctica", aseverou.
Callón apuntou que, mentres que en Galicia o PP "monta unha escandalera" co decreto que regula o ensino en galego, en Baleares aprobou unha norma "practicamente idéntica" e, en Valencia, o catalán é "lingua vehicular" en moitos institutos.