Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Murado presenta a súa obra hoxe na Feira do Libro de Santiago |
"A violencia é como unha relixión, un estado mental, e os seus crentes atribúenlle o poder de cambiar o mundo. Nisto non eran moi diferentes os solitarios mártires de Hamas, rapaces tímidos que se facían voar en autobuses, e os militares que os combatían". O escritor Miguel Anxo Murado condensa en frases coma estas a lembranza dos seus cinco anos de traballo como xornalista en Palestina no libro Fin de século en Palestina, que hoxe, ás 20.00 horas, a editorial Galaxia presenta na XXVII Feira do Libro de Santiago.
"Nunca antes escribira un relato autobiográfico. Esta non é unha obra xornalística, nin un ensaio, senón literatura de non ficción. Só quería contar o que vivín, desde a miña óptica como estranxeiro en Palestina. Achegar unha mirada desde fóra, a mirada do outro, que pode ver certas cousas con máis lucidez", explicou o autor.
"Alí sempre te sentes como un estranxeiro. Nun lugar no que a identidade constrúe tanto a sociedade, se non pertences nin á comunidade israelí nin á palestina, pertences a outra. Neste libro, quixen tomar certa distancia, como escritor. O obxectivo non era facer un relato militante, poñerme dun lado, porque iso é innecesario e non é o meu traballo. Só quería falar, o máis honradamente posible, do que recordaba", engadiu.
E, entre as lembranzas, Fin de século en Palestina recrea a sensación de absurdo que a Murado lle produciu a súa estancia en Xerusalén. "É unha cidade que non está á altura do seu mito. Está enferma dunha solemnidade falsa que ten consecuencias tráxicas. Unha cidade na que hai distintos estratos que se superpoñen: o mundo bíblico, o das cruzadas, a política actual, e iso é unha fonte de ironía tráxica. Onde sucede unha traxedia, antes sucederon outras. Quixen poñer o lector ante o contrario da imaxe mítica, que é a realidade dun país pequeno, pobre e oprimido", salientou.
O escritor debulla no libro un retrato das sociedades israelí e palestina que atende aos conflitos internos en cada unha delas. "No xornalismo é inevitable simplificar, porque tes que facer algo comprensible para unha masa de xente, o tempo aprema, tamén estás condicionado polo público...", afirmou.
"Cando vives en Xerusalén, decátaste de que dun barrio a outro cambia o universo mental. Podes ver isto como diversidade, e ao mesmo tempo como un identaritarismo irritante... Hai moito descoñecemento entre israelís e palestinos, e sobre todo da parte israelí. O que pasa nos territorios ocupados é unha realidade oculta para a maioría dos israelís. A información da radio e da televisión é moi propagandística. E moita xente non quere saber, porque teñen medo de verse a si mesmos como culpables. Inventan eufemismos para falar da ocupación... ", matizou.
"A Israel ninguén lle pon freno"
Murado amósase crítico coa actitude da comunidade internacional ante o conflito. "Despois do 11 de setembro, Israel recibiu un cheque en branco. Mesmo a nosa sociedade se israeliza no sentido de que moitos políticos aceptan o Estado semipolicial. Os israelís aproveitaron a Intifada para cambiar o statu quo. O problema é que a Israel ninguén lle pon freo, e non o que fagan os palestinos, que non teñen capacidade para mudar a súa situación", cre.
"O problema é a cotidianeidade"
O libro reflexiona sobre a violencia, rexeitando tanto a palestina como a israelí. "A sangue e a morte inmediata non é, en realidade, o elemento fundamental para os palestinos. É o que mostra a televisión, porque busca as imaxes espectaculares, e tamén a imaxe que a Israel lle interesa proxectar. A violencia máis grave que viven os palestinos está instalada na cotidianeidade, é a que sufren todos os días, de modo sistemático, e que se traduce por exemplo na falta de liberdade de movementos", subliña.
"A violencia é só un dos síntomas dun conflito que nace da política, da desposesión dos palestinos. A violencia é non só horrible, senón tamén inútil. Non lles serve nin aos israelíes para construír a sociedade que queren, nin aos palestinos -e non todos os palestinos usan a violencia, senón certos grupos- para acadar o respeto aos seus dereitos. É como unha ideoloxía que comparten os dous bandos. Non se trata de ver cal é peor. No fondo, a violencia que exercen ambos lados é a mesma", conclúe.