Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
O presidente da Mesa para a Normalización Lingüística de Galicia, Carlos Callón, acusa directamente ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de ser o responsable de que o galego estea no "peor momento da súa historia", en alusión ás estatísticas que recollen un marcado descenso no uso espontáneo do idioma e na súa transmisión entre os máis novos. Callón, que onte presentou a manifestación do vindeiro 18 de maio en Compostela polo "dereito a vivirmos en galego", asegura que Touriño presiona directamente á Consellería de Educación para impedir que se execute o Decreto do galego no Ensino e que tutela á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, nunha xestión que, ao seu ver, "non se diferencia da que desenvolveu o Partido Popular".
De momento, son xa setenta os colectivos que apoian a manifestación do día 18, convocada pola Mesa para convertela nunha "marcha histórica en canto a número de asistentes" e amosarlle así á Administración autonómica o descontento xeral ante a política lingüística da Xunta. O Concello de Ferrol, gobernado por socialistas e Esquerda Unida, xa se adheriu ao manifesto da marcha e a organización prevé que nos próximos días se sumen as principais cidades do país.
A Mesa repartirá uns 20.000 carteis, 10.000 adhesivos e 10.000 folletos co lema da manifestación, que se celebrará só 24 horas despois do Día das Letras Galegas. Na portada dos folletos aparecen unha moza ou un mozo cunha piruleta azul e a lingua pintada da mesma cor, co obxectivo de apelar a todas as persoas que perciben "a discriminación" dos galegofalantes a participar na convocatoria.
Méndez Romeu como caso paradigmático
Callón, que estivo acompañado polo responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, criticou especialmente a postura "hipócrita" de algúns departamentos da Xunta, en concreto a Consellería de Presidencia e o seu titular, Xosé Luís Méndez Romeu, que "seguramente o sábado 17 de maio irá poñerlle flores á tumba de Blázquez Alvárez (o escritor ao que se homenaxea este ano) "os programas informáticos do seu departamento non permiten escribir en galego, nin sequera os topónimos. Iso non pasa en ningunha comunidade do estado español con lingua propia". As críticas a Méndez Romeu esténdese a propiciar situacións que agora se están a producir en Galicia e que "deberiamos remontarnos moitísimos anos atrás para encontrar un precedente semellante, como repartir nos xulgados a lexislación en castelán. Iso non o facía nin sequera Fraga Iribarne".
Outro departamento ao que responsabiliza da deterioración da situación é a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dirixida por Marisol López "baixo a tutela de Touriño". Callón retou os cidadáns a "buscar as sete diferenzas entre o traballo dos gobernos do PP e o actual, se exceptuamos o nome do seu titular e a súa denominación".
O Partido Popular (PP) non sae indemne das críticas do presidente da Mesa, que acusa á formación de Alberto Núñez Feijóo de basear a súa estratexia -"cínica e hipócrita"- soamente na mentira. "Non podemos esquecer", lembra, " que a maior perda de falantes da historia foi durante os gobernos con Manuel Fraga".
A estratexia da "mentira" do Partido Popular
O Partido Popular, ademais, "está promovendo asociacións de defensa do castelán como táctica de crear confrontación electoral. Non sabemos se iso vai cambiar no próximo congreso pero está claro que é unha liña nidiamente deseñada. O problema é que o PP critica agora medidas que eles mesmo desenvolveron cando estaban no goberno, como o Plan de Normalización Lingüística, ou manteñen actitudes incoherentes segundo as comunidades".
Un exemplo destas incoherencias, subliña, é a oposición de Núñez Feijóo a Lei do Comercio, un texto promovido pola Consellería de Industria que equipara os dereitos lingüísticos dos galegos cos cataláns e cos baleares no ámbito comercial. "O PP gobernou en Baleares e non derrogou esa lei, aprobada polo Goberno socialista. En cataluña, aínda que non votou a favor da lei, tampuco presentou ningún recurso".
O que non se pode permitir, engade, " é que se bote á xente das das empresas por falar en Galego, sexan por traballadores ou clientes, como ocorreu recentemente en Ferrol, cando un pai de familia foi expulsado dun establecemento de McDonalds por falar en galego. Dixéronlle que alí non se entendía ese idioma. Contra esas actitudes faise a lei".
"Nin frustración nin ataque ao bipartito"
Carlos Callón nega que poda existir un sentimento de "frustración" entre os votantes do BNG ao comprobar que a chegada dun partido nacionalista ao Goberno da Xunta coincide co "peor momento" do galego "na súa historia". Para o presidente da Mesa, "hai departamentos nos que se está traballando moi ben e debemos recoñecer, neste sentido, os programas de xestión e o día a día da Dirección Xeral de Xuventude . As galescolas son un paso importante e a Lei de Comercio era necesaria. Todos estes departamentos son do BNG e felicitámolos, pero non porque sexan do BNG senón porque consideramos que o fan ben. No seu día tamén felicitamos o paso adiante da Consellería de Educación, en mans socialistas, polo Decreto do Ensino e hoxe lamentamos que non se estea a aplicar: a conselleira faltou á súa palabra e cedeu ás presións de Touriño para que o Decreto non se aplique".
Iso non quita que as críticas directas da Mesa ás consellerías socialistas, e a mesma convocatoria da manifestación, poidan ser vistas polo PSdeG como un ataque indirecto dos seus socios de goberno. Carlos Callón non o cre así: "Non atacamos o bipartito, nin é unha manifestación contra a política lingüística da Xunta, senón a prol da política lingüística necesaria para o país. Só esiximos que se cumpra a lexislación e, de feito, manifestámonos para se cumpran as promesas dos socialista e do BNG nos acordos do bipartito. Debemos ver claro que nin sequera se avanzou en cuestións como a creación do Instituto Rosalía de Castro, que ía no programa do PSdeG, nin botou a andar o Consorcio de Planificación, tantas veces prometido por Marisol López nas súas comparecencias".