Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
A chuvia, o tempo desapacible, e a deficiente acústica que a organziación instalou na Praza da Quintana, non impediron que miles de persoas celebrasen onte en Compostela ‘Polo dereito a vivirmos en galego’, lema da manifestación organizada pola Mesa para a Normalización Lingüística con motivo do Día das Letras. Marcada polo labirinto dos colectivos asistentes –desde os distintos reintegracionismos ás novas organizacións de base, entre elas a emerxente Isca!–, a manifestación deixou claro –con todo– que a defensa do idioma segue a mobilizar un amplo abano da sociedade e que a belixerancia da dereita española contra os usos do galego están a provocar o renacemento da resistencia combativa.
Foron arredor de dez mil persoas –oito mil segundo a policía e 25.00 segundo a Mesa– as que secundaron o chamamento da Mesa, moitas delas con cara de domingo pola mañá. Gaitas e bombos animaron un paseo que se estendeu varios quilómetros ao longo da cidade, acompañado por proclamas máis ou menos enxeñosas sobre a precaria situación do idioma –"Do médico ao notario, en galego a diario"– e unha presenza maioritaria de cidadáns comprometidos co galeguismo por riba das siglas partidarias.
Con todo, sobranceaban as pancartas do Bloque Nacionalista Galego (BNG), un dato que, en por si, non bota luz sobre a verdadeira esencia dos asistentes, xa que o BNG –a pesar de poñer o seu líder e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nunha das pancartas da manifestación– foi en realidade o máis afectado polos ataques iconográficos: Quintana foi equiparado con Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Núñez Feijóo (PP) nas parodías que exhibiron algúns dos participantes, e mesmo se encheu de pintura e se lle puxo unha lingua de vaca á porta da sede de Vicepresidencia, na Casa da Parra.
Na Praza da Quintana, onde concluíu unha marcha iniciada na Alameda ás doce do mediodía, o protagonista absoluto foi o presidente da Mesa, Carlos Callón, que interveu despois da lectura do manifesto, realizada pola xuíza Ana López-Suevos, o cineasta Ignacio Villar, Xesús da Torre e o mestre Eduardo Álvarez, todos eles afectados directamente na súa vida laboral por falar galego. Pero a diferenza deste últimos, que interviron cando a Quinatan estaba mediada, o presidente da Mesa pronunciou o seu discurso –inaudible en boa parte da praza por problemas de amplificación– coa praza chea.
Callón defendeu o "dereito colectivo básico e elemental" que supón utilizar o galego con "normalidade" en calquera ámbito e insistiu na reclamación aos poderes públicos para que "garantan" ese dereito.
Do mesmo modo, explicou que o galego é a "lingua natural" de Galicia e lembroulles aos asistentes que a frase "o castelán é tan galego como o galego" provén da época franquista e criticou o "cinismo" daqueles que queren que a lingua galega se converta nunha "reliquia".
"Son críticas en sentido positivo"
O vicepresidente da Xunta e líder do BNG, Anxo Quintana, interpretou a manifestación como unha mostra de que a cidadanía "defende o galego como lingua natural de Galicia". Ademais, explicou que esta manifestación non é "dos que falan galego contra os que falan castelán", senón que "é dos que queren ben o galego".A Administración pública, engadiu, debe "tomar medidas de apoio para a pervivencia, potenciación, uso e normalización da lingua" sen imposición. Respecto das críticas da Mesa contra a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en mans do PSdeG, Quintana asumiu que "hai que escoitar as críticas en sentido positivo", posto que os representantes políticos deben escoitar "democraticamente".
Á manifestación tamén acudiu a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, así como o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera.
Emocionante Bernardino Graña
Unha das máis emocionantes presenzas da manifestación de onte foi a do poeta e novelista Bernardino Graña, que deasafiou as inclemencias do clima para estar en Compostela. A pesar do seu estado de saúde e da escasa mobilidade que posúe, Bernardino Graña estivo durante todo o percorrido até a Quintana. Á convocatoria tamén acudiu Manolo Rivas, que a semana pasada apoiou explicitamente xunto a Avelino Pousa Antelo a campaña da Mesa para lograr máis socios.Os "reintegratas" en primeira fila
Aínda que a manifestación da Mesa estaba convocada para a defensa do idioma, algúns colectivos aproveitaron a manifestación para corear proclamas de "independencia", máis claras en canto á amplificación da Praza da Quintana –disposta pola organización– se amosou insuficiente para escoitar as intervencións. Varios colectivos reintegracionistas acadaron certo protagonismo na marcha, algúns con pancartas como "Os bos e generosos a nosa voz entendem".