Xoves 29.07.2010  | Actualizado 18.52      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

creación

A dor do exilio interior

17.07.2008 María Lado explora no seu poemario "Nove" o sentimento de pertenza a un país pequeno, "mínimo", como unha illa na que a supervivencia se pode tornar difícil e desacougante

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. DOPICO . SANTIAGO

‘Nove’ é, para a súa autora, un proxecto moi persoal
‘Nove’ é, para a súa autora, un proxecto moi persoal

Unha dor íntima e fonda. A do sentimento de perda, de ausencia. A dor da soidade, do illamento, do exilio interior. É o celme de Nove, o poemario de María Lado que, tras ser galardoado co X Premio de Poesía Avelina Valladares, acaba de publicar Edicións Fervenza. A autora realizará a primeira presentación desta obra o sábado, día 19, ás 21:00 horas na Biblioteca de Muxía, nun acto organizado pola asociación Pedra dos Corvos.

Nove, -forma abreviada de Novembro, a illa que protagoniza este poemario-, é un libro "un pouco escuro", tal como explica a súa creadora. Unha obra que recrea unha atmósfera neboenta, nunha paisaxe densa e dotada, se cadra, para o lector, de certo misterio. Dunha aura que transmite sensacións de angustia e desacougo.

Porque Nove agromou da experiencia da catástrofe do Prestige, tal como a viviu unha persoa tan ligada ao mar como María Lado, nada en Cee. "Comecei a escribir o libro hai uns anos. Tiña algún poema, un ambiente, uns relatos que finalmente non incluín, uns personaxes... Os primeiros poemas teñen xa case cinco anos. Co tempo funo traballando máis, ata que tiven abondo para mandalo ao Avelina Valladares. Así, na historia do libro, a xénese é o Prestige. Pero despois é unha metáfora de dúas ideas: o exilio interior e a dor", comentou.

"Unha dor punzante, relacionada co abandono. A illa é unha balea que navega como un paria, sen vontade de navegar, entre a néboa. Interesábame introducir a idea de nación, do sentimento de pertenza, de exilio, de sentirse apartado e non encaixar en ningún sitio, que é o que leva a vivir nunha illa. A dor axuda a que te separes do resto. A illa é un sitio pechado, arisco, case sen relacións sociais.... Á illa, a xente chega voluntariamente, pero despois ve que é é moi difícil vivir alí, por moito que se esforce", engadiu.

O mar está moi presente neste poemario. Pero non é un mar amable. "Noutros poemas teño un mar máis tranquilo, de fábula. O de Nove non é un mar paradisíaco, senón todo o contrario: ponse en contra da xente, é como un animal vivo e fero. Quería romper coa idea do mar de postal, prácido, para achegarme, se cadra, máis á realidade: a da violencia do mar, un mar segador e vingativo. Por iso utilizo imaxes coma a dos afogados, que son unha parte da realidade do mar, ou a dos percebes que morden, os fardos arrastrados pola auga ou os barcos fracasados ao naufragar, ou a dos coitelos e os cortes", apuntou.

A illa chámase Novembro porque "foi o mes do Prestige, e é un mes frío, escuro. Ademais, é unha palabra moi sonora", sinalou. Na illa, as mulleres teñen o poder da palabra, lembran e transmiten a historia. "As mulleres gardan o galego, a primeira lingua, nun momento de crise. O saber dos homes é máis empírico: abren a balea...", contou.

CONEXIÓNS

A trama arrinca doutras obras

"No meu anterior libro, Berlín, o último poema falaba da illa de Nove. Hai unha trama, que en Nove só se intúe, que xurdiu dunha radionovela na que traballei. A illa, antes de selo, estivo pegada á terra. Era unha balea que os homes feriran e sepultaran. Un día a balea esperta e marcha, e así faise illa. Berlín era un libro de amor. En Nove hai ao final uns poemas sobre un amor relacionado co exilio, e o tema aparece tamén diluído nos primeiros poemas", dixo.

CLAVES

A experiencia do "Prestige"

Nove é, tamén, unha reivindicación da memoria. Abre e pecha o libro un mesmo poema que, segundo aclara a autora, "parece un poema de amor, pero refírese á memoria. O que máis doe é a ausencia do recordo, que todo se esqueza. O "Prestige" desapareceu, pero non podemos esquecelo como se non tivese pasado nada".

O libro, prologado por Suso Bahamonde, e cuxa portada foi deseñada por David Rubín, busca a expresión poética coas imaxes e o tratamento dos temas, pero cunha linguaxe sinxela e cotiá.

Acceso libre e doado

Nove poderase ler en internet, como Berlín. "Xa hai un vídeo en Youtube. Estamos preparando un audiolibro, e ao mellor facemos un espectáculo... A idea é que a xente teña un acceso libre e fácil. A poesía non debe ser algo distante, senón próximo, unha parte da vida", cre a autora. "Gústame reescribir e ver os proxectos cara a atrás.... A xente dime que este é o meu poemario máis sólido, máis denso e compacto. É o máis traballado, por iso ten certo barroquismo... É distinto aos outros que publiquei", pensa.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS