Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xosé Manuel Beiras preside na actualidade a Fundación Galiza Sempre |
Van alá 24 anos pero Xosé Manuel Beiras segue a manter os seus principios inalterables. O presidente da Fundación Galiza Sempre, acompañado do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, presenta mañá na Feira do Libro da Coruña a reedición de Por unha Galiza liberada e novos ensaios en Economía e Política, que tira do prelo Espiral Maior. Trátase dunha revisión ampliada da obra -que lle dedica ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín- e na que decidiu conservar o seu prólogo e epílogo, Adro e Retrouso, xa que, segundo explica, representan os "dous elementos identitarios nos que me integraba totalmente: o da cosmovisión do país, dende un punto de vista ideolóxico, polo tanto, a miña visión socialista, e ao mesmo tempo, nacionalista", dun lado, e doutro, "unha reafirmación no optimismo da vontade" sobre o futuro do idioma galego. Referencias ao seu papel fundacional no Partido Socialista Galego na clandestinidade (1963) e no Bloque Nacionalista Galego (1982) pero tamén á súa loita comprometida "dende sempre" coa lingua.
O político compostelán que cada fin de semana dende hai tres anos deita os seus pensamentos nas páxinas de opinión de GALICIA HOXE, inclúe en Por unha Galiza libre textos novos como os ensaios sobre Alfredo Brañas e Alexandre Bóveda, as dúas partes do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que escribiu e presentou pero que nunca chegou a ler, logo de renunciar ao seu escano en protesta pola postura cómplice da RAG coa impugnación da Lei de Normalización Lingüística ante o Tribunal Constitucional; ou a súa achega ao proceso de elaboración dun informe sobre a Cidade da Cultura realizado, a iniciativa do concello de Santiago, por un conxunto de persoas da cultura e das artes.
O libro é unha reedición ampliada doutro publicado, baixo o mesmo título, en 1984. Conserva os dous textos, o inicial, Adro e o final, Retrouso, ¿con que intención?
Ao facer esta reedición ampliada, a parte de reestruturar o contido dunha forma distinta a como estaba, incluso por suposto os ensaios que xa formaban parte do libro que editara Xerais, Por unha Galiza liberada, eu decidín manter ao comezo e ao final os dous textos, Adro e Retrouso. Fan algo así como un encadramento de dous elementos identitarios nos que eu me integraba totalmente: o da cosmovisión do país, dende o punto de vista ideolóxico, polo tanto, a miña visión socialista, e ao mesmo tempo, nacionalista e de aí vén o título de Os socialistas galegos somos nós.
Por outra banda, o Retrouso, fala do idioma. No momento da primeira edición dos ensaios había dúas circunstancias que lle daban un significado singular na contextualización destes dous textos: por unha banda estaba, respecto do idioma, que se acababa de producir o recurso contra a lei de normalización lingüística, pero, por outra banda, estabamos ao final da transición, ao comezo da autonomía en Galicia e eu que fora un dos fundadores e dirixente do Partido Socialista Galego na clandestinidade e sabemos o que pasara con ese partido fronte ao PSOE e como montara o de PSdeG, que incluso dera lugar a reclamacións por parte dos membros do Partido Socialista Galego. E incluso o que ocorrera naquel momento no sector piñeirista, o propio Ramón Piñeiro integrouse nas listas do PSdeG-PSOE na primeira lexislatura do Parlamento galego. O feito de reproducir os dous textos, encadrando o conxunto dos ensaios é unha maneira de afirmar que esas circunstancias seguen marcando as miñas posicións.
Pero non é só unha reafirmación xa que textos como "Retrouso", no que afirma que o futuro do galego está garantido xa que depende da vida dos pobos fronte a leis, gobernos ou hipocrisía, seguen tendo moita vixencia hoxe en día.
Si, sobre todo, en relación coa ofensiva que se está lanzando contra o idioma. O texto é unha reafirmación miña no optimismo da vontade. O idioma fano os pobos e os falantes, a través de dous mecanismos: os falantes e os creadores que fan literatura. O idioma como unha realidade viva, social, depende fundamentalmente dos falantes. Estou convencido de que non se vai ser capaz de matar o idioma galego. Aínda que haxa retrocesos nos falantes, son procesos históricos pero os falantes do galego e non falantes coñecen o idioma galego dun xeito que non o coñecían hai unha xeración. Non hai ofensivas políticas que poidan acabar con esa realidade: o que poden é facerlle moito mal, causar baixas como nunha guerra, cargarse unha xeración, pero non gañar a guerra. O que faría falla é todo o contrario: tanto iniciativas políticas como actuacións institucionais e leis que promovan o idioma. Pero eu coido que a guerra non se vai perder.
Non cre que hoxe en día existe un movemento social máis forte en contra do galego que cando escribiu o texto, en 1983?
Non. En primeiro lugar, non son movementos sociais senón montaxes dende centros de poder políticos, disfrazados de movementos sociais. Isto é inoculado na sociedade dende instancias políticas e ideolóxicas. En segundo lugar, iso non pode prender porque é aberrante. Normalmente, a sociedade ten sentido común e cando as cousas son aberrantes, non poden ter grandes dimensións. Contrasta coa realidade que se palpa todos os días. Estannos dicindo que o español aquí está pouco menos que perseguido pero a xente ve perfectamente que iso é ao revés. É unha ofensiva que non existía no momento en que escribín este texto por primeira vez: estabamos na fase na que había que apuntarse a defender o galego porque incluso os ex franquistas se poñían caretas e simulaban. Daquela, había unha contraofensiva legal fronte aos artigos da obriga de coñecer o galego. O fundamental para facer algunha predición sobre o futuro do idioma é se a diglosia avanza ou retrocede. A diglosia, o complexo de inferioridade respecto do idioma, estaba e segue estando en retroceso, aínda que o colectivo de falantes galegos, en vez de ampliarse, retrocede. Pero unha cousa son os falantes e outra os coñecedores. Por exemplo, ao longo dos anos 90 cando chega á Universidade a xente que xa tivo o galego no ensino, eu poñía exames en galego pero dicíalles que podían facer os exames en galego ou castelán. Pois ben, a porcentaxe de exames feitos en galego podía chegar ao 85% cando a porcentaxe de falantes nese mesmo colectivo de estudantes non era ese. Isto é importante telo en conta porque a evolución do idioma non depende só dunha soa variable senón deste complexo de cousas. Unha ofensiva da sociedade civil non ten capacidade de prosperar en canto magnitude, só dar a lata e facer dano. Pero non creo que poida ter éxito e incluso pode suscitar unha reacción inversa, reactivando a defensa do idioma, a militancia lingüística, algo que percibo non segmentos de cidadanía máis activos sobre problemas ambientais, ecolóxicos, agresión salarial ou social.
Hai para min unha referencia histórica contemporánea moi interesante: o que pasou co flamenco e co Flandes belga, que depende da evolución socioeconómica.
O libro artéllase en cinco partes: a primeira delas, está dedicada a Alfredo Brañas, a Alexandre Bóveda e a Castelao. Que representa cada un?
Si, por unha banda, Brañas é unha figura do protonacionalismo, pero que ademais era conservador e unha figura moi deturpada, vista como carca, cando hai moito que falar sobre iso. Pero foi unha figura moi manipulada por institucións como a Fundación Alfredo Brañas do PP que o utilizaba contra o nacionalismo. Por outro lado, Bóveda é o símbolo máis importante do primeiro terzo do século XX. Non só por ser un mártir senón polo que significa do nacionalismo máis avanzado e moderno na súa visión, e incluso na capacidade de organización política que tivo Bóveda e na visión dos problemas sociais e a súa tradución en política económica. E logo, Castelao porque os aspectos da visión económica que están nas súas obras, fundamentalmente en Sempre en Galiza, que non son só seus senón tamén están as cabezas do nacionalismo galego do primeiro terzo do século vinte do partido galeguista, cunha diagnose da estrutura da sociedade. Para min era importante para ver as dimensións ao que representa Castelao, alén do plano ideolóxico. Os ensaios sobre Brañas e Bóveda son as dúas partes do meu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que o escribín e o presentei pero non o cheguei a ler primeiro porque lle deron longas naquel momento e despois, renunciei ao meu escano polo conflito promovido dende a delegación do Goberno, que ao mesmo tempo era o presidente da RAG. Falta un texto que puiden incorporar sobre Risco dos anos 60, publicado en Grial pero no futuro ao mellor, sería importante metelo aí.
Cre que a estrutura económica galega está sendo mal analizada na actualidade por parte da Xunta?
Hai un gran problema, un gran drama: o poder político, incluso actualmente en termos xerais tanto a nivel de Estado e de Galicia, non está sendo congruente coas diagnoses feitas polos estudosos da economía galega. Por exemplo, ti les textos de Xavier Vence, o catedrático de Estrutura Económica, e a política que se está facendo dende a Xunta, Presidencia e Consellería de Economía non é congruente con iso. Pero incluso, diagnoses en obras como o volume de Estructura económica de Galicia feito por dúas persoas: Edelmiro López, hoxe director xeral na Consellería de Medio Rural, e Xaquín Fernández Leiceaga, membro do PsdeG-PSOE, que tampouco o están aplicando. Iso é un drama: son diagnoses que, pasado o franquismo, a transición e incluso o fraguismo, seguen sen ser as que inspiran as políticas que se fan dende a Xunta de Galicia, e iso é unha traxedia. Incluso hai prognósticos feitos hai moito tempo sobre temas demográficos, do campesiñado, da economía mariñeira, prognósticos dos riscos que se cernían sobre estas realidades que se están cumprindo como se non existise un poder político propio, de autogoberno e a min paréceme que iso é gravísimo.
Na terceira parte do libro engade reflexións económicas, sobre a expoliación de Galicia, a emigración ou o campesiñado, que tamén son aplicables hoxe en día?
Si, por exemplo, o de Galicia como colonia: pasamos dunha situación colonial a unha situación neocolonial. Por poñer unha analoxía, que pasou coas que eran colonias en África cando se converteron en estados independentes? Que as elites e os gobernos pasaron a ser vehiculizadores da política da globalización. Co cal, pasouse a unha situación neocolonial. En Galicia dáse un fenómeno análogo: a existencia de institucións de autogoberno non cambiou en absoluto o signo da evolución económica. Estamos nun proceso de recolonización brutal no plano do capital: que está pasando coas piscifactorías, coa agresión ao litoral, co rural, coa ordenación territorial, co patrimonio natural, co capital das grandes empresas, coa enerxía...
No bloque cuarto do libro aborda ideas, por exemplo, para reformular a Cidade da Cultura. Que opinión lle merecen as últimas decisións de inserir o capital privado na xestión do Gaiás?
Disto só quero dicir dúas cousas: a función catódica da Cidade da Cultura e a potenciación e dinamización do sistema cultural galego que é descentralizado e diverso pero ao mesmo tempo, como encrucillada de civilizacións, aberto aos grandes eixes: o europeo, o latinoamericano e da lusofonía. Hai bastantes coincidencias co informe elaborado polo Museo do Pobo Galego, moi bo, que foi feito independentemente e que non o coñecía cando escribín o meu texto. A día de hoxe, a miña preocupación polo que sabemos de que se están tomando decisións respecto das pezas da Cidade da Cultura e o modelo de xestión, con maioría de capital privado, témome que o informe do concello de Santiago ou do Museo do Pobo caeron bastante en desleixo.
A última parte inclúe o discurso no Padroado do Pedrón de Ouro e a Declaración de Láncara. Que supoñen os textos?
Son como manifestos recentes, son tomas de posición miñas e por iso inclúoos porque a miña posición ideolóxica e política en conxunto é esta. Incluso é moi cachondo porque a Declaración de Láncara acaba dicindo que cómpre un grande encontro irmandiño e resulta que hai unha corrente nos últimos tempos para celebrar encontros irmandiños.