Hemeroteca web
|
RSS
Venres 24.05.2013
| Actualizado 12.57

"Me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego". "¡Pero no me compare el catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en una universidad?". O escritor e crítico literario George Steiner, (Paris, 1929), investigador pioneiro no estudo da literatura comparada, considerado un experto no estudo da cultura europea e un dos intelectuais máis influentes na actualidade, respondeu deste xeito a un xornalista nunha entrevista publicada a pasada fin de semana nun suplemento dun xornal de Madrid.
O periodista continuou a conversa cun "porque dicen que es una parte esencial de su identidad", ao que o escritor retrucou cun non menos significativo "pero eso significa que vamos a seguir dividiéndonos en pequeños grupos regionales, y eso despierta el odio étnico" (...).
As declaracións de Steiner están a causar máis que perplexidade no noso país. As primeiras reaccións chegaron de contado. Un columnista dun xornal galego, José Manuel Ponte, cualificou de "tonterías" as opinións expresadas por este intelectual sobre a nosa lingua. "Ás veces, a xente intelixente tamén di parvadas", afirmou.
George Steiner publicou recentemente un ensaio no que conecta o sexo coa linguaxe, propoñendo unha sorte de defensa dos idiomas minoritarios. Nunha das súas obras máis coñecidas, Despois de Babel, valora a diversidade lingüística mundial como unha riqueza.
Por iso, as súas palabras sobre o galego resultan aínda máis difíciles de entender. "O desprezo que amosa é impropio dun intelectual coma el, preocupado polas minorías. Un desprezo sectario cara a algo que descoñece: non só non é obrigatorio falar galego en ningunha Universidade galega, senón que, segundo os datos das Universidades galegas, na da Coruña impártense en galego o 8-9% das aulas, na de Vigo o 16%, e na de Santiago o 20%", subliñou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.
Outras fontes consultadas por GALICIA HOXE sobre este tema resaltaron, como Carlos Callón, o profundo descoñecemento sobre a realidade lingüística e literaria de Galiza demostrado por Steiner.
"Máis que ignorante, é un necio. Ignorante é quen non ten información sobre algo, e necio aquel que se atreve a opinar, dun modo errado, insolente e absurdo, sobre aquelo que descoñece, e que debería coñecer.", asegurou o filósofo Francisco Sampedro.
Pola súa banda, o filólogo e militante histórico do BNG Francisco Rodríguez, o historiador e presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares e o escritor Xabier Cordal coincidiron en sinalar que, na súa opinión, non hai que concederlle demasiada importancia ao dito por Steiner. "É un home simpático, heterodoxo, pero non deixa de ser un filósofo institucionalizado", explicou Rodríguez. "Sería grave se o dixese unha institución internacional de trinta catedráticos...", afirmou Cordal. "O que di é froito da ignorancia. Non hai escribano que non teña un borrón", reflexiona Villares.
O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín e a crítica literaria e profesora Dolores Vilavedra apuntaron á responsabilidade do xornalista. "Steiner fala de oídas, a partir de algo que lle contan. É sorprendente o seu descoñecemento da longa tradición da literatura galega. Pero eu tamén creo que o entrevistador se equivocou ao reproducir iso, pois era algo marxinal para o tema, un exabrupto que dixo nun momento, sen argumentar nada", cre Vilavedra. "Na entrevista hai dous autores, un é Juan Cruz e outro George Steiner. O marco é o grupo Prisa, e o telón de fondo o Manifiesto por la lengua común", engadiu Ferrín.
"Informárono de mala fe"
Manuel Rivas asegura que lle escribirá unha carta a Steiner e iso é o que espera que fagan a Academia Galega [onte foi imposible localizar o seu presidente Xosé Ramón Barreiro], o Consello da Cultura Galega, Ánxela Bugallo e o presidente da Xunta. Nunhas declaracións nas que non esqueceu o humor -"como anda escribindo de erotismo, talvez tivo unha historia de frustración con algunha galega"-, Rivas considera que os desafortunados xuízos sobre o galego se deben "a un problema de mala información ou de información recibida de mala fe... Vai saber ti con quen bateu o pobre Steiner, pero sospeito que ten que ver con eses da lingua común, un eufemismo da lingua única".
O que máis lle sorprende é que Steiner -"un home moi sensible á pluralidade lingüística"- cometa "o erro intelectual de xogar ás xerarquías, como cando Borges dicía que en África non había cultura". Un erro que lle fai esquecer, mesmo, "as Cantigas de Amigo, básicas na lírica europea". Pero nós, engade o escritor, "canto máis nos esmagan mais damos o mellor de nós e Steiner recibirá unha sobredose da poesía extraordinaria que se fai en Galicia. Vai ter que saír na CNN pedindo que por favor paren". Ao cabo, a experiencia deberían servir -di- "para apreder", porque "en Galicia se carece dun traballo de proxección internacional do noso patrimonio e a nosa cultura e iso debería subsanarse".
"Ten lexións de adoradores"
O escritor Suso de Toro salientou que a polémica "arranca dunha mentira que alguén lle dixo, e que que agora se oculta. Ou el entendeu mal. En ningunha Universidade é obrigatorio falar ningunha lingua, nin o español. Hai persoas que utilizan o tema da lingua para crear enfrontamento. Steiner ten publicadas cousas moi boas, pero con frecuencia, e con moita arrogancia, deixa caer disparates, despáchase a gusto sabendo que é unha estrela. E ten lexións de adoradores, como estrela que é. Cando descubra a literatura medieval galego-portuguesa, e Follas Novas, xa non digo a literatura máis actual, espero que lle caia a cara de vergoña".
