Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
O centro P.E.N.( poetas, ensaistas e novelistas) de Galicia foi admitido, por unanimidade, no International P.E.N. (organización mundial de escritores con categoría de ente consultivo da ONU e da UNESCO, que conta, na actualidade, con 145 centros en 104 países, uns 15000 escritores e escritoras) o 10 de maio de 1989, no marco do 53º Congreso Internacional, celebrado en Maastricht ( Holanda). Desde aquela data os autores en lingua galega do P.E.N. -artífices dunha importante literatura que xurde no século XII e que se mantén viva até hoxe- son membros de pleno dereito da asociación mundial de escritores con sede en Londres, fundada por Mrs. Amy Dawson Scott en 1921, e que se ocupa, fundamentalmente, da liberación de escritores e xornalistas presos en calquera parte do mundo por execeren o dereito de libre opinión, e pola defensa das linguas e literaturas minoritarias do planeta. O P.E.N. de Galicia está integrado nas seguintes comisións de traballo do P.E. N Internacional: Comité de escritores/as presos; Comité de traducción e dereitos lingüísticos; Comité para a Paz; Fundación Iberoamericana do International P.E.N. ( agrupa aos centros P.E.N. de lingua española e portuguesa)
En relación coa afirmación do filósofo, ensaista e crítico literario, George Steiner, expresada ao xornalista e escritor Juan Cruz, na devandita entrevista, o P.E.N. de Galicia manifesta:
Que o ignorante atrevimento do vedraio intelectual, nado en París en 1929, nas súa afirmación sobre "la obrigatoriedad de hablar en gallego en una universidad de España" e o seu desprezo pola literatura galega, comparándoa pexorativamente coa catalá, puido ser remediado, perfectamente, polo entrevistador.
Juan Cruz, máis que entrevistador coautor de Yo intento fracasar mejor mejor, non é un octoxenario desinformado. Este escritor canario coñece a existencia e a traxectoria da literatura galega, trata directamente a varios autores actuais, non se lle escapan nomes como o de Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Alfredo Conde...e ten participado en numerosas actividades literarias en Galicia, a última nas Xornadas de Mariñán, organizadas pola Fundación "Carlos Casares", do 4 ao 7 de xuño pasado.
Non cabe dúbida ningunha de de Juan Cruz aproveitou as declaracións de George Steiner para botar leña ao lume na actual situación lingüística e literaria no Estado das Autonomías, co "Manifiesto por la lengua común" como telón de fondo. Pouco lle debemos agradecer a partir de agora, ao simpático e poderoso novelista, que acostuma a festexar os "chistes de gallegos", os que loitamos, día a día, en Galicia e nos foros internacionais, pola pervivencia da literatura de noso.