Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Lugrís levará ‘Poesía para ver. Poesía para ler’ ao Festival do Condado e ao Baiuca Vermella, en Ponteareas, o 8 deste mes FOTO: AELG.Org |
Memoria e identidade. Arela de liberdade. Denuncia do control, da vixilancia constante. Da explotación laboral e a inxustiza mundial. Da uniformización cultural e lingüística, esmagadora da disidencia. Do pensamento diverxente . Chamado á resistencia. A crer en nós. Sen medo. Na utopía posible. Na mudanza. No país. Son, se cadra, os alicerces da poética de Igor Lugrís (Melide, 1971). Unha obra indisociable do activismo. Do compromiso cultural, social e político. E dunha teima por rachar as barreiras que seguen a afastar os poetas do público.
Lugrís, a quen GALICIA HOXE lle dedicará o suplemento Revista das Letras desta semana, é un deses escritores que lograron tecer, paseniño, con iniciativas cimentadas na forza da vontade e da inventiva e alén da industria cultural, as súas redes de lectores. Deixando a súa pegada en multitude de revistas, (Ólisbos, Agália...), xornais, obras colectivas (Dez por Dez), en internet... -ovnis e isoglossas é o seu blog-, e impulsando proxectos como un Cadáver esquisito -literatura sen un dono individualizado, na que varios autores achegan os seus versos, a través da rede, para construír cada poema- ou Poesía para ver. Poesía para ler -carteis que integran imaxes e o texto dun poema-.
"Tento, sen grandes pretensións, e como moita outra xente, achegar a poesía a novos lectores. Facer que a vexan como algo co que se pode xogar, que lles fala de cousas que coñecen", explicou. Por iso, os poemas de Lugrís -en verso libre, e ás veces próximo á prosa poética-, funden unha linguaxe directa, non rebuscada, cunha composición coidada, atenta a un sentido estético que evolucionou entre o seu primeiro libro, Quen nos defende a nós dos idiotas? (1997), e os outros que ata agora ten publicados: Mongólia, (2001) e Livro das confusons (2007) -o último autoeditado-.
O cotián é o xermolo dos seus versos. "Parto de imaxes e feitos do día a día. Creo que a literatura debe falar do que sucede no mundo. A arte moitas veces non fala da realidade da maioría da xente: a explotación laboral... Se cadra a literatura social dos anos 60 e 70 produciu cansazo ao caer, con frecuencia, no panfletario. Ademais, creo que o o feito de ser moitos artistas funcionarios ou profesionais liberais failles ter unha determinada visión do mundo...", sinalou.
"Perséguese o disidente, o diferente"
A literatura é, para Lugrís, un xeito de "interpretar o mundo. Non creo que sirva para transformalo, pero si para clarificalo, e iso pode ser a base para mudalo. Esta é a miña opción. Outros poetas teñen outras, tamén válidas. Creo que a poesía non debe procurar a beleza, senón a verdade. Pero non todo é compromiso. Tamén ten que ter unha parte atractiva, evocadora, que te anime a seguir adiante", comentou. As obras deste poeta amosan unha continuidade temática, que xira arredor de varios eixes. Un deles é o amor: os sentimentos, os corpos... que Lugrís conecta con cuestións sociais e políticas como a situación da lingua galega e a súa función alicerzadora da identidade: outra das súas inquedanzas, como a liberdade.
"Fago parte dunha determinada organización política", -Nós-UP, -"e pretendo que os poemas leven a reflexionar sobre o relacionado co compromiso co país, ou, no caso da xente que xa ten iso asumido, que se sintan reflectidas. A literatura é tamén un xeito de mostrar ao mundo o que somos, e transmitir a nosa memoria. Eu falo non só dunha nación que é Galiza, desde unha visión de esquerdas, senón de todo o mundo que hai arredor: da uniformización do mundo occidental que non leva a un maior entendemento mutuo senón á persecución e control do diferente ", dixo.
Camiñar cara a adiante
"Temos que saber onde queremos ir, e camiñar cara a adiante, sen medo. Pode faltarnos vontade ou as condicións axeitadas, porque non se deron os pasos previos, pero non somos menos que outros pobos", cre.
A inquedanza pola lingua
Igor Lugrís vive no Berzo, onde é membro do colectivo Fala Ceive, de defensa do galego. O seu traslado, hai seis anos, a esta comarca, reflíctese no Livro das confusons. O reintegracionismo é a súa opción normativa.
Un sentimento de alleamento
Mongólia, un libro dotado dun toque irónico que resulta moi refrescante, deixa albiscar un sentimento de alleamento na propia terra, relacionado co saberse parte da disidencia sometida á constante vixiolancia.