Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Diego García, pola esquerda, e Luis Soto tocan en frauta e piano pezas de compositores galegos |
Os músicos Luis Soto e Diego García están á espera de que a Consellería de Cultura lles comunique se editará o repertorio dunha decena de compositores galegos contemporáneos. Así llo propuxeron hai uns meses como parte do proxecto Galicia XXI, unha proposta pioneira no país que está a recoller os apoios dos compositores galegos que ven nela unha oportunidade de visibilizar o seu traballo. Na Escola de Música Berenguela, Luis Soto e Diego García ultimaban onte os ensaios do concerto que hoxe ofrecerán a partir das 20.00 horas na nova sede da SGAE en Santiago, cun repertorio de pezas escritas por Rogelio Groba, Juan Durán, Paulino Pereiro, Jesús González, Octavio Vázquez, Manuel Balboa e X.A. Vázquez Casas.
A teima destes dous músicos galegos non fica só en recompilar o repertorio de compositores do país senón tamén en impulsar a creación de máis música e en que esta se acabe editando para que estea a disposición tanto dos estudantes dos conservatorios galegos como dos músicos que queiran tocala ou escoitala.
"A nosa inquedanza é provocar que se cree novo repertorio: a iso xa se sumaron compositores galegos como Fernando Buide del Real, que está agora en Philadelphia, Octavio Vázquez ou Xavier de Paz, que reside en Madrid", sinala Luis Soto, quen logo de estudar en Madrid, París e Stuttgart, na actualidade é membro da Real Filharmonía de Galicia.
Ademais, con este proxecto, ambos músicos comprometéronse a "apoiar a Asociación Galega de Compositores para que se cree unha editorial de música galega". Ao ver de Soto, esta iniciativa é "a única maneira de poñer a disposición dos estudantes dos conservatorios e dos plans de estudos este repertorio, descoñecido para a maioría, xa que ás veces, só escoitaron falar de Rogelio Groba. A nosa intención é que a música se edite, previo paso aos concertos, e tentar que se grave este repertorio para que o alumno tamén poida escoitala", sinala Soto.
"A nosa idea é recompilar e facerlle chegar á xente esta música para que poida opinar se lle gusta máis un ou outro compositor. A nós gústanos o contacto cos compositores e facer posible a escolla do público", engade Diego García, pianista e director de orquestra que traballou en Suíza, República Checa ou Bulgaria.
Reuníronse con Luis Bará pero non recibiron resposta
Para iso, reuníronse hai meses co director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, ao que lle propuxeron a iniciativa de editar este repertorio, pero aínda non recibiron resposta. "Dende a Asociación Galega de Compositores levan moito tempo loitando para que se cree unha editora pública de música galega porque, para que un alumno do conservatorio poida acceder a unha partitura, ten que estar en papel. Nós corriximos o repertorio e pódese editar xa agora. Queremos concienciar da necesidade de que nos plans de estudo dos conservatorios exista este repertorio, para que sexa obrigatorio coñecelo e que nas fins de carreira se encarguen obras para que, á vista de dez ou vinte anos, se cree un repertorio galego. Ademais, unha composición é patrimonio galego", reitera Soto.
Por iso, piden a implicación das institucións públicas para que o repertorio dos compositores galegos contemporáneos non fique descoñecido. Pódese ampliar información na súa web: www.galicia21.net.
"Falta formación musical no público"
"A miña impresión, como membro da Filharmonía, é que moitas veces toquei música de mala calidade pero que non era galega. E iso significa que á música do país non se lle dá a oportunidade de tocala. Iso vén polas políticas conservadoras á hora de programar", considera Luis Soto. Na súa opinión, ao público galego fáltalle formación musical. "Incluso aos propios músicos nos falta", asegura. "E tampouco houbo un interese especial en que a houbera por parte das institucións", engade Diego García. Ademais, "realmente é difícil vivir só da composición -asegura Soto-, os únicos que o fan son Octavio Vázquez, Buide, Xavier de Paz ou Soutullo. E non digamos vivir como director de orquestra, case imposible".