Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

Conflito de intencións poéticas

Eduardo Estévez queda sen o seu Premio González Garcés

24.09.2008 O xurado cre que o libro non era inédito, como alegou o finalista, Xavier Lama, proclamado agora o novo gañador

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Eduardo Estévez
Eduardo Estévez

Os límites do "édito" e do "inédito", o conflito de soportes entre internet e o papel, e até as propias bases dos concursos literarios en Galicia, quedaron onte abertos para o debate público cando o xurado do Premio González Garcés desposuíu a Eduardo Estévez do galardón, outorgado o pasado maio polo libro Construcións.

O suceso, verdadeiramente insólito, desencadeouse cando o finalista do premio, Xavier Lama, presentou unha alegación ante a Deputación da Coruña -organizadora do concurso. A alegación foi, finalmente, aceptada polos servizos xurídicos e como consecuencia, o xurado volveuse reunir o pasado dez de setembro. Na reunión, decidiron desposuír a Estévez do galardón por "incumprir as bases primeira e terceira" e proclamaron novo gañador -por catro votos fronte a un- a Xavier Lama, que recibirá os 6.000 euros de dotación polo libro Cabalos do alén.Todos os membros do xurado orixinal -Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Fernández Álvarez, Remedios Fernández, Gonzalo Navaza e Luz Pozo Garza, co presidente da Deputación como secretario sen voto, Salvador Fernández Moreda- estiveron na reunión, agás Manuel Forcadela.

A decisión foi comunicada onte aos implicados e deu pé á Carta aberta que acompaña estractada este artigo. Estévez xa avanzou que non presentará recurso aínda que as actas do xurado recollan esta posibilidade.

Xavier Lama recibiu con satisfación a noticia e, malia estas "estrañas circunstancias", dixo sentirse "reconfortado por gañar un premio coma o González Garcés nun ano no que tamén tiven o Premio Esquío. Respecto disto, non podo pedir".

Ao seu ver, a rectificación do xurado "vai incidir na transparencia dos premios literarios. A partir de agora, non vale presentar calquera cousa. Aínda que considere que Eduardo Estévez actuou de boa fe, hai que ser pouco escrupuloso para presentar textos que non eran inéditos".

Lama decidiuse a presentar as alegacións tras descubrir "con sorpresa" que había "vinte ou trinta poemas" incluídos no libro de Estévez que tamén aparecían na súa bitácora. "Como el mesmo recoñeceu, unha boa parte do poemario fora divulgada a través de internet. Eu visitara a bitácora en varias ocasións e sabía que fora construída ex profeso para facer o poemario. Os textos estiveron colgados en internet durante varios meses e, ademais, a bitácora titúlase practicamente igual que poemario. Mesmo tiña unha especie de concurso para que os visitantes da páxina elixisen o final dalgúns poemas".

A CERNA

Valoración de Fernán-Vello

O poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello realizou, por petición expresa de Eduardo Estévez, unha avaliación da impugnación. Nela subliña: "Na Base Primeira do Premio dise que poderán optar ao concurso autores con obras inéditas. Ao non incluír a especificación "no seu conxunto", enténdese que se puideran permitir textos anteriormente recitados en público ou mesmo, como é o caso, reproducidos, parcialmente, en formato electrónico en internet. A obra presentada, como tal, é inédita: non viu a luz como tal anteriormente. Iso é o que entendo eu. E así o fago constar".

Miro Villar e Fran Alonso

O poeta Miro Villar tamén fixo a súa propia avaliación e nela subliña que "obra édita" é só aquela con ISBN. Tamén subliña que os traballos de work in progress nunca se consideran na Filoloxía "textos definitivos do autor" e que os adiantos ou borradores "tampouco poden considerarse nunca como a edición definitiva". Pola súa banda, o tamén poeta editor Fran Alonso realiza un informe editorial no que rexeita que Construcións poida ser un libro dixital e corrobora que o poemario premiado é inédito. Tras valorar moi positivamente a bitácora de Estévez, lamenta que se penalice o seu "carácter novidoso" porque "non se dan as circunstancias requiridas para facelo; desde o punto de vista da edición non incumpre as bases do premio".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS