Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 17.42

O tradutor escocés James Salter tiña moi claro que o seu primeiro libro debía estar escrito en galego. A obra, A idade da auga que tira do prelo Xerais, recolle oito visións de Vigo, a cidade onde Salter traballou impartindo clases de inglés logo de rematar os seus estudos de Filoloxía Inglesa en Escocia. Este luns, viaxou ao Centro de Estudos Galegos da Universidade de Stirling para responder á pregunta: "Por que escribiu un escocés un libro en galego?". "O proceso de creación do libro -conta o autor- levoume o tempo que vivín en Vigo, un contorno onde estaban as resonancias artísticas de Urbano Lugrís ou as referencias do Mobby Dick de Melville ou de A illa do tesouro de Stevenson."
James Salter -que só comparte o nome co escritor norteamericano homónimo- vive dende o 2000 en Madrid, onde se dedica a facer traducións e hai pouco mercou unha casa en Vila Nova de Cerveira (Portugal) onde pasa temporadas. Porén, a influencia do seu paso por Vigo marcou a súa escrita até o punto de decidir publicar o seu debut literario en galego. "Por dúas razóns -explica-, porque en Vigo están as principais editoriais galegas como Xerais ou Galaxia e porque o galego é máis unha lingua literaria, ten consoantes máis suaves". Ademais, tamén o impactou a lectura de obras de escritores portugueses como La confesión de Lucio de Mario de Sa Carneiro, fundador da revista Orpheu xunto a Pessoa. "Para min foi un bombazo ler esta historia desgraciada: ademais, o autor, Sa Carneiro suicidouse aos vinte anos, e este libro está escrito cun estilo lindando coa loucura, o estilo que eu quería cultivar", asegura. De feito, a través dos relatos de A idade da auga, Salter remite ás "experiencias emocionais extremas" que viviu en Vigo.
Un dos relatos máis futuristas, que dá nome ao libro, sitúa a cidade cando se anega e o narrador, un técnico de urbanismo do concello, ve como os cidadáns se recrean nas augas sen ser conscientes do perigo.
"Intento que sexa un proceso no que a fantasía irrompe dentro da realidade" nunha cidade marcada polo mar. "A parte da tradición de Vigo como porto, para min, a cidade está ancorada no mar, como se estivesemos flotando. É impresionante porque, á vez, cando miras o mar de Vigo, tamén estás mirando as Américas, a terra prometida para os emigrantes", apunta o escritor.
James Salter naceu en Glasgow pero entre 1972 e 1977 viviu en Suráfrica, na granxa de piñas dos seus avós. Alí aprendeu a falar o khosa, a lingua natal daquela república. "En Suráfrica, os meus primos son bilingües en inglés e afrikáans, nun país no que existen como 20 linguas", conta. Pero para o escocés "se es dun lugar, tes que atopar as palabras para describir o que sentes senón serías un exiliado dentro do teu propio país". Por iso coida que, lonxe de polémicas, "o galego é a lingua de Galicia por unha cuestión moi simple: hai palabras que definen experiencias que teñen unha palabra específica nese idioma".
Comenta que chegou á cidade olívica logo de rematar os seus estudos sen traballar nunca antes. "En Vigo paseino moi ben porque ás clases viñan nenos que me contaban cousas curiosas da cidade e coñecín a un fotógrafo contratado pola Xunta para estudar a batalla de Rande. Pero chega un momento cando te aproximas aos 30 anos que te tes que pensar a que te queres dedicar e por iso quedei no mundo das traducións, xa que pasara moito tempo intentando escribir sen ter un duro", considera.
Prepara unha novela en inglés
Despois de publicar A idade da auga, James Salter xa ten ren rematados dous borradores dunha novela nova de 400 páxinas que tamén ten que ver cun porto de mar. "O protagonista xoga ao tenis, algo que non ten moito que ver con Galicia porque non hai moitos campos de tenis.... por iso trasladei a historia á costa francesa. E tamén introducín recordos de Vigo, de cando os turistas baixaban dos barcos e se lanzaban a mercar cousas en avalancha...", conta. Para o autor, non resulta "incongruente" trasladar unha historia do Atlántico ó Mediterráneo. "Ó cabo, Vigo non é como Ferrol, que se parece máis a Escocia", apunta. Porén, a obra non está escrita en galego senón en inglés. "E aínda falta buscar unha editorial así que o levo con calma".
