Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 21.05.2013  | Actualizado 17.42

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

literatura de loito

Adeus norte

A morte de Ramiro Fonte golpea o corazón da Xeración dos 80 e trunca unha traxectoria obsesionada pola forma e as exixencias da indagación íntima

Ramiro Fonte con César Antonio Molina e Ánxela Bugallo na homenaxe que lle rendeu Ferrol o agosto pasado co Premio Porto Magno de Toxos e FrolesFOTO:
Ramiro Fonte con César Antonio Molina e Ánxela Bugallo na homenaxe que lle rendeu Ferrol o agosto pasado co Premio Porto Magno de Toxos e FrolesFOTO:

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 12.10.2008 
A- A+

Adeus norte é o libro co que Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) emprendeu un cambio de rumbo na súa poesía, despois de títulos como As cidades da nada (1983), Designium (1984), Pensar na tempestade (1986) ou Pasa un segredo (1988) que o converteron nun dos nomes capitais da Xeración dos 80. Era daquela -e foi até a súa morte onte en Barcelona- un poeta marcado polos románticos, dunha exixente formación cultural e unha extraordinaria capacidade de versificación. Adeus norte publicouse no 1991 e chegaba nun momento no que as fórmulas caraterísticas da Xeración dos 80 se esgotaban: aquel culturalismo que pretendeu romper o realismo social imperante e que, xa entón, se desbordaba pola aparición de correntes menos sintácticas e formalistas.

A partir daquel cenital Adeus norte, con libros como Luz do mediodía (1995), Mínima Moralidade (1998) ou Capitán Inverno (1999), Ramiro Fonte foi capaz de construír un edificio lírico inconfundible -urbano en carne e sangue- onde fundiu a luminosidade interior da exploración e o teito trabado da máis rigorosa técnica.

A morte do poeta foi recibida con sorpresa, a pesar de que todos sabían que o seu estado de saúde se debilitara desde mediados do pasado setembro. Estaba en plena madurez: tiña 52 anos, dirixía o Instituto Cervantes de Lisboa, acababa de escribir unha portentosa triloxía sobre a súa infancia e, a raíz da enfermidade, aferrárase á literatura coa mesma limpeza ética que usara sempre, pero con maior celo. "Hoxe é un día de abatemento", aseguraba onte o seu editor Manuel Bragado, "pero tamén de orgullo, porque Ramiro Fonte deixou unha obra literaria monumental: 2.000 páxinas de versos e 2.000 de prosa. Agora non é o momento de xulgala: el deixouna e será unha escrita que o tempo valorará na súa xusta medida".

Bragado -que ten en Pasa un segredo un libro que o "acompañou e consolou" nos últimos anos- lembra especialmente a presentación do primeiro volume da triloxía de memorias, titulado Os ollos da ponte. "Naquel día, Ramiro Fonte dixo que acometía o proxecto por dúas razóns, para homenaxear os humildes, os heroes, os seus veciños de Pontedeume, e para explorar os límites da narrativa galega: estaba obsesionado coa forma tamén no caso da prosa. A súa obsesión era que as frases estivesen ben medidas, que non se repetise o mesmo verbo no parágrafo, que fose cristalina. Quizais non tivo todo o recoñecemento que merecía".

Os seus compañeiros de grupo literario cualificaron a Fonte de "nome fundamental" da poesía galega dos últimos trinta anos. Xosé María Álvarez Cáccamo -co que compartiu o Consello de redacción de diferentes suplementos culturais da prensa viguesa- lembraba "con nostalxia os días aqueles dos anos 80 en tertulias, arredor das mesas do Cafe De catro a catro, nas festas, nos concursos literarios... A vida foinos situando a todos en espazos máis distantes, pero en conxunto síntome aínda moi ligado a aqueles proxectos. Reuniamos os condicionantes e factores á hora de definir un grupo e, o máis importante, unha vontade moi clara de irromper no panorama do momento de facer algo novo sen animadversión aos que puidesen ser os nosos maiores inmmediatos, como Méndez Ferrín".

Había tamén "cohesión estética" que a crítica -subliña- "foi incapaz aínda de abordar con claridade e fondura". En concreto, Ramiro Fonte "era un poeta de fondo simbolista, cunha voz que se fixo cada vez máis transparenete, sen perder fondura e trascendencia". Era tamén "un home entregado á causa da literatura: víaa como un compromiso co oficio e de obriga ética".

Román Raña, outro dos integrantes da xeración, recoñece que o culturalismo foi un fondo en todos aqueles poetas, "pero xa axiña, el foi dos primeiros en romper a corrente e tendeu cara a unha poesía da experiencia que, mesmo, creo, trascendeu a etiqueta da poesía da experiencia".

O ensaio, a narrativa, a crítica literaria... Fonte cultivou un amplo abano de xéneros e soportes que, a xuízo de Román Raña, é común aos 80: "Todos nós intentamos tocar todas as teclas... Ramiro é un punto álxico, unha referencia xeracional que seguiu investigando, con maior ou menor fortuna, nas estéticas, en Baudelaire, nun clasicismo de tipo fancés con grandes elementos autobiográficos. Nos seus últimos libros, arriscou até o punto de romper moldes".

Para Vicente Araguas, que non foi da Xeración dos 80, pero, como crítico literario, fixo a crónica da súa evolución, aínda é cedo para avaliar a obra de Fonte: "É un poeta extremadamente rigoroso que debemos entender ao longo. Non é un poeta de fulgor: temos que entendelo na súa totalidade. Será o futuro quen teña que decidir".

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; ou a directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, foron algunhas das autoridades que onte transmitiron o seu pesar polo falecemento. O enterro terá lugar mañá en Pontedeume a partir das 16,30. Previamente celebrarase un acto de homenaxe.

"Cabo prior"

Por buscar aquela casa

Da infancia do meu amor

(xa se sabe: todo pasa)

Eu veño ó cabo Prior.

 

E así xulgo a inmensidade,

A obra dos mariñeiros,

As somerxidas cidades,

Os celestes estaleiros.

 

Peto na porta do faro

Neste solsticio de inverno;

Só un friorento paxaro

Parece exercer goberno.

 

Polas infinitas praias,

Polas soidades dos montes,

Por esa trémula raia

Do oceánico horizonte,

 

Alixeirado da dor,

Eu volvo ó cabo Prior.

 

Lembro a miña vella amiga:

Ela tirouse aquí ó mar.

Que o fadario me persiga

Se non lle veño rezar.

..............................................................

Este poema, incluído no libro "Reverso" que editará Xerais, foi o que escribiu Ramiro Fonte cando descubriu a súa enfermidade.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS