Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Ramiro Fonte (dta) con González Tosar na fundación de ‘Dorna’, nos anos 80 |
O poeta Ramiro Fonte, falecido o sábado en Barcelona tras unha longa enfermidade, recibirá hoxe sepultura no cemiterio de Pontedeume, a vila na que nacera no ano 1957. O autor de Adeus norte ou de Pasa un segredo recibirá a última homenaxe na Casa do Concello, onde quedará instalada a súa capela ardente a partir das dez da mañá. Alí permanecerá até ás 16.30, cando o seu cadáver será conducido ao cemiterio. Posteriormente, ás seis da tarde, celebrarase un funeral na Igrexa de Santiago, en Pontedeume.
Onte aínda continuaban as mostras de dor polo falecemento dun escritor que se sentía principalmente pero que tamén cultivou con éxito a novela, o relato e as memorias, xénero este último no que publicou unha extensa triloxía, considerada por moitos dos seus admiradores como a súa obra capital.
A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, dirixiuse en nome da cámara galega á familia de Fonte para transmitirlles as súas condolencias e todo o seu apoio polo falecemento. Previamente, foi remitido o pésame por parte do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o ministro de Cultura, César Antonio Molina, ou a conselleria Cultura, Ánxela Bugallo.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anunciou que lle dedicará ao poeta unha homenaxe nos próximos meses. Nela, participarán os seus compañeiros de xeración e poetas doutros grupos, segundo manifestou onte o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez. De momento, a AELG baralla tres espazos para a homenaxe: o seu Pontedeume natal, A Coruña ou Vigo, a cidade na que pasou boa parte da súa vida.