Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Carlos Callón, o presidente da Mesa, onte na presentación do informe |
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, esixiulle onte á Xunta que retome as axudas directas ás empresas para o uso do galego. Callón, que presentou onte un informe sobre a situación do galego no mundo da empresa, cualificou de "distracción fraudulenta de diñeiro público" o "macroconvenio" asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en materia de normalización lingüística, co que se substituíron estas axudas.
Aínda que dende o gabinete dirixido por Marisol López se rexeitou facer declaracións sobre este tema, reiterouse que o seu propósito ao asinar o convenio coa CEG -cun custo de 149.000 euros- foi "priorizar accións de normalización globais", logo de constatar varios anos que as axudas concedidas a numerosas empresas non conseguían "perdurabilidade".
O presidente da Mesa sinalou que Política Lingüística non adoptou en toda a lexislatura as medidas necesarias para mudar a situación. Destacou que "unha das primeiras decisións que tomou o presidente Touriño foi retirar estas subvencións" malia estar recollidas no Plan Xeral de Normalización Lingüística. Logo de recordar que durante o Goberno de Fraga, estas axudas "non serviron sempre para a finalidade que foron creadas", reclamou que se melloren. "Ten que haber unha fiscalización e ademais hai que informar os comerciantes e a cidadanía, e teñen que estar abertas ao longo de todo o ano, non só nun único período concreto de convocatoria", dixo.
Segundo Callón, "non está garantido que unha persoa poida realizar con normalidade as xestións empresariais máis habituais sen ter que renunciar ao uso do galego". Entre as medidas do Plan Xeral que non se cumpren, o Informe da Mesa destaca o asesoramento lingüístico ás empresa, a subvención da publicidade en galego, ou garantir a competencia lingüística na lingua do país para o persoal que traballa na atención ó público.
Callón reclamou a introdución dos dereitos lingüísticos dos traballadores "como cláusula de oficio en todos os convenios colectivos", algo ao que xa se comprometera a Consellería de Traballo, lembrou. Tamén se incumpre o dereito de atención en galego tanto oral como escrita en servizos públicos como telefonía ou gas. "Por tanto, o compromiso adquirido polo Estado continúa a se incumprir flagrantemente", sinalan.
Do mesmo xeito, e malia recoñecer os pasos dados por Caixa Galicia e "en menor medida" Caixanova, denunciou a ausencia do idioma na "documentación financeira e bancaria".
Ao ver do presidente da Mesa non se promoveu tampouco o uso do galego en empresas como Renfe e ADIF (servizos ferroviarios) ou Correos e Telégrafos ou AENA (aeroportos) que só empregan o galego "parcialmente nalgunha da súa documentación máis formalizada". Callón reiterou a falta de persoal con capacidade de atención no idioma do país e destacou o caso de galeguización de Barreras fronte a Navantia onde "se exclúe totalmente o galego".
Lobeira: "O PP criminaliza a Mesa"
Ante as acusacións de Galicia Bilingüe e do portavoz do PP na Coruña, Carlos Negreira sobre o envío de cartas "ameazantes" a comerciantes para que empreguen o galego, Callón cualificouno de "campaña difamatoria" contra a Mesa e reiterou que "non é certo" que enviaran cartas ameazantes. Do mesmo xeito, o portavoz de Lingua do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, denunciou onte a "campaña de ataque e criminalización" que está sufrindo a Mesa por parte do PP. Lembrou que é unha asociación con "22 anos de historia" que "deu resultados prácticos beneficiosos" para o galego. Lobeira criticou a "cruzada" e "persecución" do PP que "ata chega a manipular a definición da Mesa e converte en "partidaria" unha plataforma independente, plural e apartidaria". Para o nacionalista "non son de recibo" as afirmacións que acusan a Mesa de "coaccionar e atacar a establecementos comerciais", polo cal lamentou que se propoña "a paralización de axudas públicas a esta entidade".