Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 22.04.2014  | Actualizado 21.34

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

bienal

Do local ao global

Escritores africanos reivindican unha literatura nas linguas autóctonas capaz de consolidar un mercado propio e dialogar con outras

Pola esquerda, Manuel Outeiriño, Eduardo Bettencourt, Solomon Hailemariam, Kanat Kabdrakhmanov e Anxo Angueira FOTO:
Pola esquerda, Manuel Outeiriño, Eduardo Bettencourt, Solomon Hailemariam, Kanat Kabdrakhmanov e Anxo Angueira FOTO:

REDACCIÓN/AGN . SANTIAGO   | 28.10.2008 
A- A+

"Eu quixera que a globalización supuxese unha nova conciencia social, que nos permitise ser uns, e ao mesmo tempo ser diferentes, valorizándonos mutuamente". Reflexións coma esta, do poeta angolán Eduardo Bettencourt, puideron escoitarse na xornada de onte da II Bienal Literaria Internacional De Pedra e de Palabra que, organizada polo Pen Clube de Galicia, se celebra en Compostela desde o sábado pasado.

Bettencourt debateu onte pola tarde cos escritores Solomon Hailemariam, de Etiopía, Kanat Kadrakhmanov, de Kazakhstan, e Anxo Angueira, de Galiza, sobre Crise mundial e literatura, nunha mesa redonda que afondou, entre outras cuestións, na relación entre as linguas nacionais e o diálogo intercultural, etnicidade e multiculturalidade.

"A nova Constitución do Estado etíope estableceu que calquera pobo ten dereito á autodeterminación, e a independizarse se o desexa. Cada pobo ten dereito a falar a súa lingua e conservar as súas tradicións, cultura e crenzas. Etiopía ten uns 80 millóns de habitantes, e 17 grupos étnicos recoñecidos na Constitución. Agora, cada grupo étnico escribe no seu propio idioma. Ademais, só hai unha elite capaz de ler ou que pode permitirse mercar un libro. Por iso, o mercado é moi pequeno en cada idioma. E nese sentido podemos falar dunha crise da literatura en Etiopía", salientou Solomon Hailemariam.

"Ten que haber un público, alguén que nos queira ler. Unha literatura, sen ser publicitada, distribuída, ten un valor moi reducido", lembrou. Por iso, subliñou a importancia de "escribir para a humanidade. Escribir desde a esperanza, a paz, o amor... Se escribes así, tanto ten se o fas en inglés, en francés, en galego.... Ademais, para iso está a tradución...".

O kazako Kanat Kadrakhmanov abordou tamén a problemática derivada da conservación do propio idioma como lingua literaria nun mundo global. Kadrakhmanov avogou pola aceptación do papel do ruso como "lingua común" no seu país.

O escritor Kazako defendeu a creación "dun novo tipo de condición clásica para o noso país, unha nova identidade cultural, que é o multiculturalismo".

Kadrakhmanov afirmou entender o "desexo humano de volver ás raíces étnicas, recuperar as raíces nacionais", pero, na súa opinión, "a etnicidade é unha grande ilusión" porque "non podemos recuperar o pasado". "Non podemos volver ás nosas raíces, a un estilo de vida nómade", explicou.

Por iso, ao seu ver, "a única opción é camiñar cara a adiante. Hai moitos kazakos, coma min, para os que o ruso é a nosa lingua materna. Algúns acúsannos, por isto, de atentar contra os intereses nacionais. Eu creo que non atentamos contra interese nacional ningún. Eu escribo nun ruso de Kazakhstán. Unha lingua de ideas, unha lingua metafísica que é a lingua común do país. Precisamos, daquela, unha literatura de visións, de ideas, e non de sentimentos, de contos e historias".

O escritor galego Anxo Angueira lembrou, pola súa banda, que "a literatura galega sempre estivo atenta ás crises mundiais", na procura dun "diálogo cos outros". Angueira lembrou, neste sentido, a obra de Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra, Méndez Ferrín, María Reimóndez, Daniel Salgado...

O poeta guineano Justo Bolekia, o congolés Wilfrid Miampika, o caboverdiano Joaquim Arena e o galego Manuel Outeiriño analizaron, noutra mesa redonda, a situación das literaturas africanas emerxentes. Os participantes salientaron que as literaturas africanas son basicamente orais, e que comezaron a ter unha expresión escrita hai algo máis dun século.

Bolekia reivindicou unha "literatura que mire cara a dentro, e non cara ao mundo que nos civilizou, en referencia ás potencias coloniais. Aclarou que a maioría das literaturas africanas son orais ou escritas nas linguas oficiais, como o francés, o inglés, o español ou o portugués, mentres que a produción en linguas africanas é "escasísima".

Bolekia falou da "necesidade" de que autores africanos empreguen as súas propias linguas para "decirlle ao mundo que existimos como produtores culturais", pero cre que suporía "moito custo" habilitar sistemas de tradución para que as obras puidesen ser consumidas por occidentais. Neste sentido, sinalou a necesidade de preparar as sociedades africanas para consumir as súas propias obras.

Wilfrid Miampika apuntou algúns trazos común das literaturas africanas, como é a tensa relación entre os escritores e a lingua, a relación cunha historia que provoca unha presenza constante da violencia nos textos, ou o substrato oral dos textos escritos. O especialista en literaturas poscolonialistas africanas lamentou que "Europa sigue siendo el espacio de legitimación de los escritores africanos".

Pola súa banda, Joaquim Arena achegou as particularidades da literatura caboverdiana, "máis próxima ao Atlántico e afastada da realidade do continente". Así, o avogado, músico e xornalista falou dos problemas de identidade cultural do país, así como da produción de literatura oral en crioulo e a súa dificultade para levalo á lingua escrita. "Non hai unha norma colectiva e aínda hai unha dificultade de ler unha frase literaria en crioulo", engadiu.

 

Méndez Ferrín e Tutuola

Pola súa banda, o escritor e profesor ourensán Manuel Outeiriño declarou sentirse "preto de Africa", e apelou á necesidade de "evitar exotizar Africa" do mesmo xeito que se debe evitar unha "literatura asimilacionista" que incorpore outras culturas. "Non quero unha Africa denigrada polas explotacións mercantís que sempre estiveron entre nós exotizando as nosas olladas", dixo.

Para falar da proximidade entre a literatura africana e a galega referiuse á presenza de "pegadas" da obra do nixeriano Amos Tutuola na "Bretaña, Esmeraldina" de Xosé Luís Méndez Ferrín, tal como llo transmitiu o propio autor, aínda que Tutuola foi considerado de moi localista.

 

 

 

 

ACTIVIDADES

O programa continúa hoxe

Wilfrid Miampika lamentou, en consonancia con Bolekia, que "Europa siga sendo o espazo de lexitimación dos escritores africanos". Pola súa banda, Joaquim Arena falou da literatura oral en crioulo e da súa dificultade para levalo á lingua escrita. "Non hai unha norma colectiva e aínda hai unha dificultade de ler unha frase literaria en crioulo", explicou.

O escritor e profesor Manuel Outeiriño, que interveu tamén como moderador na mesa redonda da tarde, declarou sentirse "preto de África", e apelou á necesidade de "evitar exotizar África" do mesmo xeito que se debe evitar unha "literatura asimilacionista" con outras culturas.

Hoxe continúa a bienal literaria con diversas actividades, entre elas unha mesa que, baixo o título Inmigrantes con palabras, reunirá a partir das 16.30 horas no auditorio do CGAC a Romeo Gbaguidi, de Benin, Jorge Arrimar, de Angola, Saeid Hooshangi, de Irán, Victor Ombga, de Camerún e Xosé Miranda, de Galiza.

 

 

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS