Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 04.02.2012
| Actualizado 14.05
![]() |
| Uxío Novoneyra nunha imaxe captada no 1997 na súa casa de Parada de Moreda, no Courel |
Máis de 6.000 internautas sumáronse á campaña para lograr que Uxío Novoneyra sexa o protagonista do Día das Letras do 2010, cando xa trancorran dez anos da súa morte, condición que sinala a Real Academia Galega (RAG) preceptiva para optar á celebración. A páxina web uxionovoneyra.com é o soporte desta campaña, na que colaboran tamén intelectuais e escritores.
Hoxe, cando se cumpre o noveno cabodano do poeta courelán, a web presenta vídeos e testemuños como os de Juan Gelman, quen escribiu "É para min un honor apoiar a homenaxe a Uxío Novoneyra, que se lle debe hai anos". "Novoneyra deixounos en Os eidos unha tremecida representación de si e das súas montañas natías do Courel. O poeta, en pura soidade perante a natureza, é un finísimo resoador no que percute cada cousa de fóra e dita un son soberano e diverso", subliña Xosé Luís Méndez Ferrín, mentres Lupe Gómez considera que a súa poesía "é a alma, unha muller espida mirando a natureza, verténdose, abríndose".
Nacido en Parada de Moredo no 1930, Uxío Novoneyra converteuse na voz referencial da posguerra grazas a un libro, Os eidos, que marcaría para sempre a comuñón telúrica e metafísica da poesía galega. Explorador de novas formas -os seus Poemas caligráficos amosaron o seu potencial xestual-, recitador popular e membro do grupo Brais Pinto, Novoneyra amosou sempre unha triple vertente na súa obra: o seu compromiso co marxismo e coa poesía como unión profunda do individuo coa colectividade.
