Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
A cuestión lingüística, convertida polo Partido Popular (PP) nun dos temas estrela da lexislatura, foi o tema central da intervención do Valedor do Pobo, Benigno López, na súa comparecencia no Parlamento. O valedor, que non en poucas ocasións se viu inmerso na polémica polas súas declaracións -dixo que utilizar o galego en xustiza "pode resultar perigoso", ou un neno que suspende polo galego "lógrase que lle colla odio"-, cambiou radicalmente de discurso e reprochoulles aos partidos o converter as linguas cooficiais "en obxecto de conflito" polo que apelou á "responsabilidade" dos axentes políticos e sociais para "que prevaleza a harmonía característica de Galicia".
Na presentación do Informe da institución 2007 -que foi aprobado polo Pleno-, Benigno López non dubidou en recordar que as leis autonómicas "instan os poderes públicos" para promover accións en materia de política lingüística tendentes a "asegurar o respec to e fomentar o uso" do galego.
Mesmo lembrou que a lingua "é o vehículo da personalidade" e que se considera "un elemento básico de identidade cultural". Así mesmo, puxo sobre a mesa argumentos constitucionais para incidir en que "a realidade plurilingüe do Estado é unha riqueza que supón un patrimonio cultural digno de especial respecto e protección".
O Valedor explicou que o maior número de queixas recibidas en materia idiomática corresponden á Consellería de Educación e reflicten o descontento de pais co decreto de uso do galego nas aulas. Benigno López tamén recoñeceu a existencia doutro "numeroso" grupo de queixas, con contido e redacción "idéntica", que consideran que se relega" o galego á condición de lingua secundaria.
Tras expoñer as súas teses, o valedor destacou que o mandato dos poderes públicos "debe fomentar o coñecemento e asegurar a protección das dúas linguas" así como o uso de calquera dos dous idiomas. Non obstante, dixo que "se aprecia unha tendencia a promover que a materia se converta en obxecto de conflito".
A este respecto só se referiu, na quenda dos grupos parlamentarios, o deputado nacionalista Iago Tabarés, quen ironizou con que o informe do Valedor -co que se mostra de acordo e preocupado polo aumento de queixas por vulneracións dos dereitos dos galego falantes- "ás veces non se corresponde coas manifestacións públicas" do propio Benigno López.
Tabarés interpretou as queixas respecto da non aplicación dos dereitos lingüísticos como "consecuencia de cinco lustros anteriores" na xestión desta materia por parte do PP e os gobernos precedentes. "E unha mostra do fracaso", sentenciou.
GB quere rango universitario
A Asociación Galicia Bilingüe reclamou onte un tratamento de rango universitario para poder estar en todos os colexios e desenmascarar a que culaificaron de "vergonzante manipulación" dunha campaña a favor do uso do galego desenvolvida desde a Universidade de Vigo. Para esta asociación que defende a segregación nas aulas segundo a lingua que elixan os pais para ensinar os fillos, a campaña "Europa é plurilingüe. Quen sabe galego, sabe máis" está baseada nun "cúmulo de falsidades" sobre o modelo lingüístico de ensino que se segue noutros países. A iniciativa da Universidade de Vigo, engaden, segue un modelo de "inmersión obrigatoria, sen cautelas, e impóñenlles ós alumnos a metade das materias en galego".