Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Roi Vidal, fillo de Roberto Vidal Bolaño, escribe cancións, poesía e teatro FOTO: Xela Ccuñarro |
Roi Vidal é un mozo punk, responsable, serio. Vai vestido de negro, fai chistes sen deixar de estar formal, ten a sensibilidade a flor de pel e parece que carga con toda a negra sombra sobre el. Ataque Escampe está tendo moito éxito co seu traballo "Galicia es una mierda", no que insultan a Galicia para que esperte, para que espabile e tome conciencia de si mesma. "É un acto de provocación", di Roi. O seu próximo disco vai ser un cambio de rumbo, pero non van abandonar a súa "actitude punk total".
Roi Vidal escribe cancións, poesía e teatro. Do seu pai Roberto Vidal Bolaño lembra que "tiña mala hostia, pero tamén tiña moita bondade, e era moi paciente co seu fillo adolescente". Falamos con Roi Vidal e sentimos alegría punk.
Que é a poesía para ti? Unha forma de denunciar sentimentos?
A poesía antes ca nada é un xogo agresivo coa linguaxe. A poesía que me gusta é a que forza a linguaxe ata os límites para conseguir algo que só se pode conseguir retorcendo as palabras, dunha maneira lúdica. De toda a vida escribo cancións, dende 5º ou 6º de EXB. Sempre tiven grupos e eu facía as cancións. Eran malas, pero rimaban e tentaban dicir cousas.
Sentes a necesidade, e o compromiso, de escribir teatro?
O teatro é como a miña casa. Nacín entre as táboas, pretiño do escenario. Lembro que eu ía polas rúas de Compostela no colo dos meus pais, e pasou un camión do lixo, que entón tiña moitas cores, e eu dixen: "mira papá, teatro!" É a primeira arte que coñecín dende neno. Escribir teatro é un reto. Cústame máis traballo que escribir poesía, porque require unha perspectiva xeral, menos íntima. O teatro préstase á denuncia e ao compromiso.
Seguen vivas a obra, a lucidez e a valentía de Roberto Vidal Bolaño?
A súa obra podería estar máis viva pero hai que darlle tempo. Este ano hai dúas compañías que representan textos del. O seu teatro era comprometido coas persoas e comprometido co teatro. El conseguía unha cousa moi difícil. Gustarlle á crítica máis elitista e purista, pero el facía tamén teatro popular, e gustáballes aos vellos iletrados. Gustarlle a todo o mundo é case unha utopía, e el conseguiuno. Lémbroo como unha persoa con moitísimo sentido do humor, moi bondadoso e moi paciente co seu fillo adolescente.
Que botas de menos e que cousas positivas ves no teatro galego?
Ata hai pouco, o teatro galego estaba mal. Había pouca calidade nas representacións e nos textos. De 2 a 3 anos para esta parte fanse cousas con calidade. O teatro galego estaba pouco rodado e dependía moito do CDG. Eu son optimista. As ultimas obras do CDG tiveron un éxito merecido. Hai compañías como Matarile, que fai teatro de vangarda, e Teatro do Atlántico de Xulio Lago cada vez fai espectáculos mellores. Estudo na Escola de Teatro de Vigo, que ten eivas pero é esencial. O teatro galego leva tempo reinvidicando unha escola de teatro e hai que aproveitala.
"Galicia es una mierda" é unha forma de dicirlle cumpridos a Galicia?
É unha forma de dicilo todo sobre Galicia. Para calquera persoa ver esa sentenza provoca reaccións que poden ser contrarias pero son clarificadoras da visión que esa persoa ten sobre Galicia. Non temos unha visión idílica, turistificadora nin paisaxística de Galicia, nin tampouco unha visión desastrosa e cargada de autoodio. Temos u- nha visión realista. Galicia é un país que ten os seus problemas, as súas culpas e o seu futuro incerto.
Cantades tamén que "Cantares Gallegos es una mierda".
Tentamos plasmar o que é galego para insultalo, pero é un acto de provocación. Dicir que todo o galego é unha merda é como dicir que todo é marabilloso só por ser galego, que tampouco é así. De Rosalía de Castro teño un poema fetiche, que é "Negra sombra", ao que sempre lle dou voltas. É un poema que ten moita forza e é totalmente actual. Vale para calquera tipo de sufrimento. É case arte abstracta.
Dicides que facedes "rock de serie B".
O de "rock de serie B" era porque tiñamos medios precarios, tanto a nivel material como interpretativo. Tamen ten que ver co imaxinario pop de subcultura e underground. Cada vez tentamos ser máis rigorosos á hora de gravar e expoñernos ante o público. Sen deixar nunca de ter unha actitude punk total. Ningún de nós ten estudos musicais pero atrevemonos a facer música preciosista. Facemos música pop, no sentido de que é popular, e tentamos conectar con xéneros como o tango ou a rumba.
Como vai ser o voso próximo traballo discográfico?
Vai ser un cambio de rumbo, un xiro cara a adiante. Vai ser como u- nha especie de freo a toda esa rabia que soltamos en "Galicia es una mierda". Seguramente sexa un disco máis evasivo pero non vai deixar de ser de Ataque Escampe. Seguramente sexa máis de Manuel Antonio que de Celso Emilio Ferreiro. Son dúas formas de criticar o mundo dende posicións opostas. Os dous tentan influír na sociedade. Como artistas pensamos que temos a obriga de facer evolucionar a arte que utilizamos. Investigar.
Os vosos concertos son animados e ruidosos?
Os concertos son unha proba de lume. Poden ser un sufrimento absoluto para nós e para o público, pero tentamos sempre que se convertan nun orgasmo colectivo e punk. Acabamos tirando as guitarras no escenario e a xente sobe ao escenario e dálles trabadas ás guitarras. Ata hai pouco, o guitarrista rompía tres cordas da guitarra en cada concerto porque lle daba moi forte. Ultimamente estase reformando e tranquilizando.
A música debe ser crítica co poder?
Os músicos teñen un poder inmenso de chegar ao público. Temos o exemplo dos anos 70, de Paco Ibáñez ou Voces Ceibes. A música é tan catártica que chega ás entrañas da xente. Favorece a exaltación do odio e da rabia, que son necesarios, e tamén de sentimentos positivos. Nos nosos concertos temos cancións nas que obrigamos a xente a bailar agarrado. A música ten que ver cos latexos e co ritmo do corazón.
Que sinais de esperanza nos quedan nestes mundos de crise?
A esperanza que teño é que a crise aumente e medre e se faga tan grande, tan grande, tan grande que acabe por matarnos a todos. É unha maneira dura de dicilo, pero podería ser un bo momento para que a pota exprés estoupase dunha vez por todas.
A música, a poesía e o teatro son un xeito de construír mundos paralelos, e son medios moi aptos para incidir na sociedade, denunciando cousas ou facendo chorar a unha persoa, e que esa persoa se decate de que ten sentimentos, que non é unha pedra.