Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 03.09
O Foro Letras Vivas reuniu onte no Cultur.gal programadores de actividades de animación á lectura, como bibliotecarios, responsables de centros de ensino ou de asociacións e xestores culturais para presentar os programas de fomento do libro desenvolvidos dende a Consellería de Cultura a partir da Lei do libro, no que Letras Vivas é "unha das liñas estrela".
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, salientou os plans de ampliar este programa, que está a levar actividades de animación á lectura e encontros con escritores e ilustradores galegos por todo o país.
A partir de febreiro, as bibliotecas nodais e as principais bibliotecas das comarcas, que poderían ser un total de 25, realizarán actividades para todos os públicos arredor dun "autor galego do mes", que participaría nun acto final.
A ampliación do programa chegaría tamén ás librerías, que poderían organizar en colaboración coas empresas editoriais actividades con autores galegos arredor do Calendario das Letras.
"Trátase de que as letras galegas teñan máis protagonismo na nosa sociedade e amosar que a literatura galega está viva, que temos grandísimos escritores vivos, ao contrario do que se ve nalgunhas clases de literatura ou medios de comunicación", indicou Bará.
Na experiencia acumulada no último ano, as actividades máis demandadas son as de animación, con teatro, monicreques, obradoiros e maxia, que son solicitadas sobre todo dende as bibliotecas. Porén, en Ourense non se programou ningún destes eventos. Bará anunciou medidas correctoras para conseguir que os escritores estean máis presentes nestes espazos, para "dar a volta a este problema de visibilidade de escritores".
O Cultur.gal acolleu onte outras actividades. Entre elas, unha das xornadas do programa Falemos de libros, a través das que medio cento de escritores e escritoras están a dar conta da súa actualidade creativa a través da emisión ao vivo da web da A Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nesta cita figuran nomes como Francisco Xosé Fernández Naval, Xosé Vázquez Pintor, Manuel Rivas, Santiago Jaureguízar, María Reimóndez, Rivadulla Corcón e Marica Campo.
Teresa Moure: "A natureza está baixo a bota do capital"
Teresa Moure presentou no Cultur.gal o seu último ensaio, O natural é político, no que pon en evidencia o modelo de desenvolvemento neoliberal en relación á natureza. "E moi complicado cambiar unha sociedade, máis o libro entraría dentro das propostas revolucionarias que intentan transformar o mundo", comentou a autora.
A idea que defende o ensaio é, segundo aclarou, "que a cidadanía poida responsabilizarse dos seus actos, non se pretende traballar con cidadáns autonomamente, mais se se precisa a toma de conciencia. O movemento antiglobalización amosounos a forza que pode ter a cidadanía organizada. As ideas que vaiamos destilando serán as que os gobernos acabarán aplicando. Os gobernos non son lugares onde predomine a imaxinación, creo que as ideas as toman sempre do exterior".
Moure sinalou que "no libro incidín moito na diferenza entre o ambientalismo e a ecoloxía. O medioambientalismo consiste en adoptar medidas puntuais para liquidar problemas moi concretos. Posto que a ecoloxía é un movemento moi transformador, as políticas, as institucións, tenden a tomar parte desa forza, a limar ou a domar parte da forza dos movementos transformadores coma este introducindo departamentos que van facer políticas cativas. Pasa por exemplo co tema das mulleres, ou feminismo convertido en departamentos de igualdade, pasa coa ecoloxía convertida en departamentos medioambientais... Así que o libro incide moito en distinguir dous chanzos: un chanzo primeiro que sería o medioambientalismo, que é unha adhesión moderada, morniña, destas medidas coas que ás veces tranquilizamos as conciencias, e un chanzo superior sería transformar realmente a sociedade en que vivimos, no sentido de que só pode ser unha crítica ao capitalismo".
A aparición do libro cadra coa crise financiera. "Nesta crise estásenos empuxando a consumir máis, as medidas das institucións inciden en que non pare o consumo para que se manteña a rolda. Quizais deberiamos aproveitar a ocasión da crise para cuestionar as nosas formas de vidas, para reconsideralas", cre.
"Probablemente somos un deses países do mundo nos que se pode ver que a natureza está baixo a bota do capital. Non hai tantas décadas que Galiza era un país pobre, rural, onde a economía era de consumo inmediato, de subsistencia, e creo que non demos convenientemente o salto a un modelo de produción diferente coa reflexión de responsabilidade sobre o control natural, e si que nos comportamos como eses novos ricos que están tan ben retratados na literatura dos devanceiros", engadiu. Moure criticou, neste sentido, o tipo de relación que os galegos mantemos coa natureza. "O libro fai unha reflexión por Galiza e dende Galiza, non se fala dos temas da contaminación, o quecemento, o cambio climático. Non son os primeiros problemas que temos que abordar: o primeiro problema é por que chegamos a manter esta relación coa natureza, que nos dedicamos sistematicamente a someter e a dobregar segundo os nosos intereses, que acaban sendo puramente materiais e dunha clase favorecida".
"O Cultur.gal", concluíu, "dá mostra da vitalidade da cultura galega. Vexo moito interese da organización e dos axentes implicados, pero por agora vexo pouco público" -refírese ao venres-. "Estiven ao mediodía, pero non sería de estrañar que houbese pouca afluencia porque sabemos das nosas limitacións nesta sociedade moi atacada por outras linguas e culturas".
A Enciclopedia Ir Indo, na rede
Onte presentouse a Enciclopedia Galega de Ir Indo na internet. Explicaron o proxecto o editor Bieito Ledo e o informático Basilio Pedreira. Tamén asinaron as súas obras Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, galardoados cos premios Xerais deste ano. Santiago Jaureguizar presentou O globo de Shakespeare, gañadora do Premio Terra de Melide, que parte do encontro de Francis Drake cun militar de Ribadeo.
A variedade da música galega
Xa non só se usa o galego para pezas de folclore, senón que se emprega no power-pop dos composteláns The Homens, no rap de Dios Ke Te Crew ou na mistura do reggeae e ritmos africanos de O Sonoro Maxín. Estes tres grupos foron algúns dos participantes onte no Music.gal, un espectáculo no que tamén estiveron presentes Marful, Projecto Mourente, Proxecto Zocas, Yolanda Castaño e Estíbaliz Espinosa e Chévere Teatro.
