Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Fran Alonso leva vinte anos mergullado na literatura, como escritor e como activista |
Este é un momento especialmente prolífico para Fran Alonso, non só acaba de lanzar Un país a medio facer, un libro onde recolle as súas entrevistas como xornalista e onde intenta trazar unha liña na evolución da cultura galega durante os últimos vinte anos recollendo entrevistas que fixo por aquel entón senón que tamén acaba de editarse en castelán unha das súas obras, a titulada Cartas de amor, de 2006, que sae agora traducida pola editorial Algar Joven. O escritor, subiderector de Xerais, unha das editoriais punteiras no país, asegura que con Un país a medio facer trata de analizar o período entre finais dos 80 e primeiros dos 90 para "comprender a situación da cultura galega hoxe en día, e grazas a iso sabemos o punto no que estamos hoxe, dende que lugar e con que directrices. Trato de avaliar o que a cultura galega fixo nestes últimos vinte anos".
Unha afirmación que fas nese libro de entrevistas é sobre o carácter sacro da literatura galega...
A literatura galega acababa de vivir unhas circunstancias de represión e de clandestinidade, converteuse case nun emblema, e moita xente ten declarado que a literatura galega era un territorio liberado, a pesar da censura e da persecución, pero o feito de ser así, levou a que fose moi venerado, co que durante os primeiros anos da democracia, a literatura galega era algo sacralizado e moi venerado, un símbolo de referencia incluso para o propio nacionalismo.
Evolucionamos en vinte anos dunha cultura precaria a unha cultura sólida, o cal, se o comparamos con outros casos, é unha evolución moi rápida. ¿A estas alturas, podería dicirse que Galicia se puxo a andar?
Sen dúbida ningunha. Aínda que non poidamos dicir que todo o que temos é excelente, porque sería carecer de autocrítica, si é certo que estamos a un nivel máis que aceptable sobre todo en relación coa nosa dimensión xeográfica e poboacional. Galicia é un país de creadores, ten unha literatura que, en comparación, potencialmente ten unha forza e unhas dinámicas moi poderosas.
Hai unha pregunta que deixas caer varias veces ao longo do prólogo, e é se nos atopamos nun país culturalmente normal. Non obstante, non respondes a esa pregunta. ¿Como o ve alguén que apreciou o seu desenvolvemento?
Os medios neste momento non reflicten a talla real do uso da lingua galega, e por tanto, tampouco a dan para as manifestacións artísticas, o que impide un diálogo fluído dos creadores dos produtos culturais cos seus receptores. Por outra banda,a sociedade galega ten que valorar máis o que produce, porque parece que só se aprecia no momento en que estas obras triunfan fóra.
Acaba de editarse en castelán tamén unha das túas obras: "Cartas de amor", un libro no que as protagonistas son invariablemente mulleres e que aborda temáticas sociais como guerras, embarazos, lesbianismo... ¿Como se prepara un autor masculino para profundar na psicoloxía feminina?
É algo complicado, sobre todo polo feito de intentar enganar a xente dando a idea de que quen conta a historia é unha muller. Pero esa mirada feminina foi inconsciente. O proxecto inicial non tiña iso como base, pero a medida que avanzaba, foi adquirindo ese carácter. O amor non protagoniza os relatos, pero é o resorte que fai que a trama se de- senvolva.
Documentación fronte a incerteza
Respecto da abondosa presenza da muller nas súas obras e da posibilidade que isto se deba a unha sensibilidade con determinados temas máis sociais fronte a uns homes que, tradicionalmente, se senten inclinados cara a temas máis políticos ou económicos, Fran Alonso considera que esas diferenzas se ven no día a día e que algo "que se aprecia claramente no ámbito de animación á lectura, onde traballan mulleres fundamentalmente. E a animación á lectura é algo estratéxico para a sociedade. Os homes debemos reconcibir seriamente as cuestións que consideramos primordiais, ou do noso interese".
Sobre a súa documentación xornalística que pode haber detrás dun libro como en "Un país a medio facer", afirma que intenta recoller "as voces das persoas do cotián e da realidade social máis inmediata. Como escritor, ás veces síntome inseguro de escribir do que non coñezo. A documentación exhaustiva resolve esta incerteza".