Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

galego

Un balance de sombras

13.02.2009 Un informe do Centro de Documentación Sociolingüística constata os "mínimos avances" en Política Lingüística e o continuísmo coa era Fraga

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Nel Vidal, membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, presentou o balance no Consello da Cultura
Nel Vidal, membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, presentou o balance no Consello da Cultura

Máis recursos, máis planificación e máis participación. Son as principais reivindicacións dirixidas á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que onte non asistiu aos XI Encontros para a normalización lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e que rematan hoxe en Compostela.

Na primeira sesión dos Encontros aos que asisten máis de cen interesados no proceso de normalización de toda Galicia, Nel Vidal -membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (do CCG) á vez que presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL)- fixo balance da política lingüística desenvolvida polo Bipartito galego nos últimos catro anos. Entre as conclusións, Nel Vidal sinalou que os avances en política lingüística "quedaron moi afastados das expectativas e das necesidades que había no ámbito da normalización". "Realmente estase a recuar", apuntou.

Vidal criticou que "unha das carencias máis graves detectadas é a da falta de organismos técnicos de planificación e de persoal especializado", o cal condicionou "a falta de planificación e a improvisación de accións" ao longo da lexislatura.

O mantemento de "practicamente a mesma estrutura, os mesmos recursos e as mesmas accións" no departamento que dirixe Marisol López fixo que "os avances en política lingüística fosen míninos nesta lexislatura con respecto ás anteriores".

Segundo indicou Vidal, "aínda que os recursos destinados a política lingüística non foron os suficientes", os mesmos cartos "só destinados para a normalización poderían dar resultados ben distintos". Dende a Comisión tamén se criticou que "non se consideraron as demandas e propostas das propias entidades implicadas na normalización". Esa "unilateralidade na acción provocou unha fenda nada positiva entre Política Lingüística e outras entidades implicadas na normalización".

 

"O Consorcio de Planificación Lingüística, imprescindíbel"

Para a vindeira lexislatura, Nel Vidal considerou "imprescindíbel a constitución do Consorcio para a Planificación Lingüística" -para o que a Xunta non destinou ­ningunha partida orzamentaria este ano, sen dar ningunha explicación- e tamén subliñou a necesidade de que a Xunta lle "destine un mínimo do 0,3% do seu orzamento total" á política lingüística. Vidal reclamou "un cadro de persoal técnico especializado máis amplo" e o impulso de "mecanismos de participación social".

O balance constata ano a ano a diminución da partida orzamentaria destinada pola Xunta a este departamento, de xeito que se no último executivo do PP en Galicia, en 2005, os fondos para Política Lingüística representaban o 0,23% do presuposto xeral da Xunta, en 2009, a porcentaxe baixou até o 0,17%. Unha baixada que se incrementa se temos en conta que se os totais da Xunta deste ano medraron no orzamento un 1,7%, os de Política Lingüística baixaron un 8,9%.

Aínda que o informe salienta a transformación da anterior Dirección Xeral en Secretaría Xeral, dependente de Presidencia, indica que "a estrutura interna se mantén como a antiga". Un "continuísmo" que tamén se constata nas partidas destinadas a subvencións. Un feito que afectou os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) nos concellos xa que a Xunta deixou de financiar en 2008 o seu mantemento, o que desencadeou o peche de numerosos SNL, como denunciou a CTNL.

Así mesmo, e ante a falta dunha institución para a promoción exterior da lingua, optouse por manter "aleatoriamente unha rede de lectorados na que a falta de planificación e a precariedade segue sendo liña xeral".

Do mesmo xeito, considerouse que os certificados de acreditación de coñecemento do galego, os Celga, son unha "oportunidade desaproveitada" co criterio de "non crear problemas, de non molestar, de non provocar que o persoal ao servizo da administración se vexa na obriga de formarse para atender a cidadanía, de evitar posíbeis conflitos".

A POLÉMICA

A ausencia de Marisol López

O proceso conflitivo que implicou o nomeamento de Marisol López ao comezo da lexislatura entre os socios de goberno -PSOE e BNG- foi unha das razóns esgrimidas por Nel Vidal para explicar "a fenda", a falta de entendemento da Secretaría Xeral de Política Lingüística con asociacións como a Coordinadora de Traballadores da Normalización Lingüística.

"Á Coordinadora pedíusenos consello dende diferentes departamentos da Xunta pero nunca dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística", puxo como exemplo Nel Vidal. Ao seu ver, "a ausencia de Marisol López revela a falta de diálogo institucional" entre este departamento e a sociedade.

Segundo informan fontes da Secretaría Xeral, a invitación para asistir a este Encontro "chegou tarde e era só para a inauguración", de maneira que "como Marisol López xa tiña compromisos previos que non podía adiar, decidiu non asistir".

Malia todo, dende o departamento dependente de Presidencia, apuntan que "sendo a primeira xornada na que se fai balance da política lingüística desta lexislatura, non entendemos por que non se contemplou no programa que participase algún representante de Política Lingüística".

As xornadas pechan hoxe cun relatorio de Xabier Mendiguren sobre "Canles de participación social nas políticas lingüísticas institucionais" e con dúas mesas de traballo, unha pola mañá e outra pola tarde, sobre a socialización do galego nos centros de emigrados no exterior e sobre a inmigración e adquisición do idioma en Galicia.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS