Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Acción de Greenpeace contra a extensión dos cultivos de millo transxénico en España |
Por vez primeira atóparonse mostras dun dos temores máis usados contra os transxénicos: que contaminasen variedades de cultivos tradicionais. Un estudo levado a cabo por investigadores mexicanos e estadounidenses atopou as evidencias ao descubrir organismos xeneticamente modificados en mostras de millo silvestre: arredor dun 1 por cento dunhas 2.000 mostras de millo tradicional tomadas no sueste de México.
Con este novo estudo, espérase poñerlle fin á controversia que se iniciou en 2001 cando por primeira vez se informou da propagación de transxenes en variedades tradicionais de millo en Oaxaca. Porén, o método dese estudo -publicado entón na revista Nature- foi tenazmente criticado en Estados Unidos e, finalmente, repudiado pola publicación científica. Agora confírmanse os resultados.
Nos alimentos xeneticamente modificados, o ADN da planta altérase de modo artificial para crear cultivos con propiedades específicas. En México, onde o millo é base da alimentación, existen unhas 60 variedades domesticadas e salvaxes. Para protexelas, o Goberno estableceu unha moratoria en 1998 sobre a semente e experimentación de millo transxénico.
Pero a venda e uso de millo modificado si está autorizada no marco da Asociación de Libre Intercambio de Norteamérica con Estados Unidos e Canadá. E crese que os transxenes puideron filtrarse de xeito ilegal. Aínda que este estudo non analiza os efectos da contaminación transxénica, outras investigacións suxiren que esta podería ter consecuencias a longo prazo para a saúde e o medio natural.