Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 28.02.2009

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1

O xogo da lingua

A creadora galega Ana Cibeira, dende Madrid, pensa que fóra de Galicia existe moito respecto pola literatura galega, sobre todo pola poesía

LUPE GÓMEZ
A- A+

Imaxino a Ana Cibeira como se ela fose un colaxe que camiña polas rúas de Madrid. Entra nas cafeterías e no metro, sen deixar nunca de ser un colaxe. Cando era nena e descubriu as clases de galego abríuselle "un mundo de posibilidades". Entende a creación como un xogo divertido, duro e fermoso. Cre que ter voz é unha forma de "vomitar para non dixerir". Anda metida en moitos proxectos culturais: a editora corazón salvaxe, o fancín zapatiñosmotor, "humor vítreo".... Marchou de Compostela porque comezaba a vela gris e non é gris, senón que é de moitas cores: amarela, verde, roxa, morada, negriroxa... Ana fai colaxes porque cre nas cousas feitas coas mans, no valor das palabras e na arte política.

 

Como definirías a cidade de Madrid? Que che levou a escoller esa cidade para vivir nela?

Os sentimentos postadolescentes que me trouxeron aquí son: "Madrid é unha cidade. Non sinto así as nosas. Necesito un espazo urbano para respirar; e tamén distancia co noso mundo diglósico." Dalgunha maneira formuleime que para sacarlle o máximo partido á nosa lingua, literariamente falando, tiña que afastarme da corrupción de valores que sofre a nosa terra...Estas ideas e tamén outros motivos máis persoais como o laboral... son os que tiña na cabeza...e aquí sigo feliz. Madrid é un círculo pechado, de cemento, agresivo e aberta a un tempo. Ben estraña. Boa para crear se es das que tentan sacar do sucio algo limpo...

 

Que é Galicia para ti? Un sentimento? Unha idea política?

Galicia é un lugar... político. Galicia foi sempre un lugar ó que chegar e ó que volver canda nena. Veño dunha familia emigrante e pasei os 5 primeiros anos da miña vida en Caracas... sempre foi o nexo de unión entre moitas familias entrelazadas, cooperando só polo feito de ser galegas... Pero só cando cheguei á terra me decatei de que a lingua era realmente o que vertebraba a nosa cultura... Descubrín que o galego existía en todo o seu esplendor na primeira clase de galego, pois para min era normal que a xente falase castelán na rúa incluso en Galicia (eu que sabía) ... Así que foi ó estar sentadiña e ver que había clase de galego cando flipei... e aí "abríuseme un mundo de posibilidades"... Supoño que ese sentimento de ser galega sempre dentro, é o que me fai vivir tranquilamente en Madrid...

Como definirías a poesía? Cres no valor das palabras?

A poesía para min é o xogo da lingua. O meu interese pola escrita nace nesa primeira clase de galego, non as podo separar. Penso que a miúdo subestimamos o valor das palabras. Só existe o que se nomea e disto sabe moito o poder. Hai que loitar contra este non saber, contra este ser máis fácil todo facendo que certas cousas non existen... eu quero gozar da vida e isto só me é posible coñecendo e nomeando...

 

Marguerite Duras e Clarice Lispector están entre as túas escritoras preferidas?

Duras e Lispector foron e son importantísimas para min. Non estou dacordo con elas en todo, pero elas viven radicalmente nese nomear para ser libres do que che falaba... non me interesa moitísimo a narrativa, pero estas dúas escritoras poden ser lidas páxina a páxina, nunha sorte de escrita que é a polpa da poesía; ademais supuxeron unha descuberta belísima e fundamental no meu camiño porque atopalas foi seguir adiante coa miña lectura da xenealoxía de escritoras desaparecidas en combate.

 

Fálame de "corazón salvaxe", esa editora que creaches xunto coa túa amiga Belinda.

Corazón salvaxe en realidade é unha editora subterránea! ata hai ben pouco só sacabamos fancíns ... e logo o noso zapatiños motor que non se pode definir tan ben porque somos moitos colaboradores...; faciámos as coedicións con "afeite al perro"... pero agora estamos comezando a montar cousiñas en Madrid: obradoiros que queremos nós facer e que non atopamos... como o de autodefensa feminista que acabamos de montar hai unhas semanas (un exitazo!); un encontro de fancíns con especial presenza dos feministas; algunha charla literaria con algunha poeta-editora latina...

 

O voso fancín "zapatiñosmotor" pretende ser diferente e divertido?

zm é un proxecto con Belinda así que falareiche sobre o que pensamos as dúas en canto ó proxecto dos zapatiños motor. Queriamos ser unha plataforma de expresión libre, ben bonita, facelo coas mans, onde a xente que colaborara morrera por estar aquí. Isto facémolo chamándolles ós que coñecemos que nos gustan, propoñendo un tema, facendo pública unha convocatoria para quen queira colaborar... e despois fotocopiando e personalizando as copias con teas, rotulador, adhesivos... colaxear un pouco enriba de cada exemplar, segundo a colaboración que sexa e o que nos deixen... para facelo máis vivo, táctil e bonito e que as mensaxes cheguen claras, duras pero fermosas, como adoita ser a realidade!!!

 

Que é "Humor Vítreo"? Quen sodes e que é o que facedes? Humor vítreo é un proxecto de colaxe musical que temos o meu amigo Jose do Xelo "afeite al perro" e máis eu. A cousa naceu un domingo pola tarde calquera que comezamos a falar de que os dous canda nenos gravabamos anaquiños doutros discos noutra cinta a modo de colaxe ... así que comezamos a probar desta volta cachiños doutros discos, apenas sons... e distorsionámolos, alongámolos, enmudecémolos, sampleámolos ... cun pedaliño que se chama delay... E todo isto para conseguir algo ruidoso, mixto, alborotado: un colaxe no que non se recoñezan as fontes... humor vítreo é un xogo e tamén unha mensaxe anticopyright.

 

Por que momento cres que está pasando a literatura galega, e en xeral a cultura galega?

Véxoa saniña, moito máis feliz consigo mesma e dando grandes pasos. Despois a obra de cadaquén é un mundo, pero dende aquí vese que avanza... Unha das cousas que descubrín é que comparada coa literatura española todo parece máis de verdade, máis punki, porque aínda que poida haber intereses por aí, fóra das nosas fronteiras a ninguén parece importarlle ou iso cremos (en realidade non é así), pero como o que conta á hora de facer as cousas é como nos vemos a nós mesmas/os, pois a literatura galega éche moito o máis salvaxe e pura do que nós pensamos!!!

 

Participas do movemento cultural en Madrid?

Sobre todo relaciónome con xente que anda metida en proxectos literarios noutras rexións pero que por distintos motivos tamén viñeron caer aquí: coas imparables Alejandra Vanessa e Elena Medel de La bella varsovia; coa editorial El Gaviero, con poetas que vou coñecendo en obradoiros... e outras coas que compartín versos en Córdoba ou Málaga... ultimamente hai moito movemento na librería Arrebato, algo que me gusta especialmente porque é unha librería de vello que lle dá especial importancia á poesía e á autoedición e os fancíns... Dos galegos estou en contacto con Xavier Frías, e aínda teño pendente facer algo máis directo coa nosa literatura por aquí... A verdade é que non vos imaxinades o respecto, e o interese que ten a xente da escrita polas nosas letras, sobre todo pola poesía.

 

Gústache cambiar de zapatos todos os días?

Os zapatos para min é como se foran unha maquiniña para os pés, isto é, un motoriño, un estar na vida, fóra da casa, e avanzar como a unha lle dea a gana... Aprender a ser libre!, si, este é o camiño para min.

 

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS