Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Ramón Piñeiro é un dos personaxes máis controvertidos do galeguismo |
"As eleccións autonómicas de 1981 foron a culminación da estratexia de Galaxia". "Xerardo Fernández Albor foi elixido primeiro presidente da Xunta de Galicia cos votos de AP, UCD e dos tres galeguistas independentes integrados no PSOE. Con este sinxelo acto, Galicia -grazas ós galeguistas- daba unha lección de política e civilización, eliminando as distancias entre o nacionalismo e os partidos estatais, e implicando a todos na consolidación da autonomía. Superábase a fractura social e política que divide á sociedade nas outras comunidades históricas de Euskadi e Cataluña".
Con reflexións coma estas, o profesor Xosé Ramón Rodríguez Polo ofrece no seu libro Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (1939-1982), editado por Xerais, un marco explicativo da evolución das tácticas adoptadas polo movemento galeguista en función das circunstancias concretas de cada momento histórico.
O ensaio, concibido como unha obra de divulgación, entende, -apuntado a unha tese xa amplamente difundida-, a orientación "culturalista" que o galeguismo tomou a primeiros dos anos 50, encarnada na creación da editorial Galaxia, como "unha estratexia política a longo prazo, de formación de persoas no ideal galeguista, de expansión da conciencia galega" dirixida a preparar o país para que á volta da democracia tanto a sociedade como as institucións e os partidos políticos tivesen asumidos os postulados do galeguismo e actuasen en consecuencia.
A estratexia resultou, segundo o autor, un éxito, que quedou materializado na formación do primeiro Goberno galego, con Fernández Albor, "un home vencellado ós círculos galeguistas de Compostela". "O galeguismo non é só Ramón Piñeiro, pero el si lidera e axuda a desenvolver esta estratexia. As súas decisións foron criticadas, primeiro, no seo do Consello de Galiza en América, que non entendía a situación interna de España. A actividade política clandestina perdera sentido, polo que quedaba era a estratexia de acción pública por medio da actividade cultural", salientou o autor.
"As críticas viñeron despois da xente nova, que demandaba a reactivación do Partido Galeguista. Pero o galeguismo, se quería chegar a toda a sociedade, non podía ser monolítico, senón plural. Por iso xurdiu o PSG, e despois a UPG, -que, aínda que foron críticos con Piñeiro, non deixan de ser, a maioría, fillos de Ramón Piñeiro-. Despois, na Transición, Piñeiro foi tamén criticado por integrarse, como independente, nas listas do PSOE. O galeguismo tiña que estar representado tamén nos partidos estatais, se os galeguistas desexaban un marco político definido segundo as pautas do galeguismo", engadiu.
O autor analiza con bastante detalle a labor de Galaxia, desde a circunscrita á edición, -libros, revistas como Grial ou Revista Galega de Economía-, como a relacionada co impulso de institucións como o Patronato Rosalía de Castro.
Comunicación política
Xosé Ramón Rodríguez Polo é profesor de Comunicación na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. Doutor en Comunicación pola Universidade de Vigo, está especializado en opinión pública e comunicación política. Publicou este mesmo ano O triunfo do galeguismo, un ensaio no que desenvolve, cunha ampla profusión de datos, parte das ideas apuntadas en Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. De feito, O triunfo do galeguismo analiza o nivel de conciencia galeguista na sociedade e o de asunción por parte dos partidos dos postulados galeguistas.