Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Tras anunciar, como unha das primeiras medidas do seu goberno, a derrogación do decreto do galego no ensino, Alberto Núñez Feijóo debuxou onte, para a cadea COPE, a paisaxe lingüística de Galicia tras o triunfo do Partido Popular (PP). Entre as novidades máis subliñables, Feijóo anunciou que no Parlamento falará "xeralmente" en galego pero tamén se expresará en castelán, lingua na que tamén, a partir de agora, se farán as notificacións administrativas da Xunta.
A intervención do próximo presidente galego deixou sobre a mesa a súa idea sobre a política co idioma: acusou o bipartito de segregar coas galescolas e loou a asociación Galicia Bilingüe -convocante da manifestación contra o decreto do galego en vésperas de comezar a campaña electoral- porque defende tanto o galego como castelán e, ao mesmo tempo, criticaban a actitude de socialistas e nacionalistas.
Núñez Feijóo avanzou que abrirá un "período de reflexión" sobre a cuestión lingüística co ánimo de garantir "liberdade sen matices", aínda que se opuxo a separar os alumnos por razón de lingua para "non duplicar" o sistema educativo. Ao líder do PPdeG non lle "gusta" un modelo baseado na segregación, como o que, ao seu xuízo, permitiu o bipartito. "Aínda que só para os pais que quixesen todas as materias en galego", apostilou, e preferiu descartar un dobre circuíto de aulas.
Dificultades técnicas para a segregación
Tamén sumou as dificultades "técnicas" para descartar a separación dos estudantes segundo o idioma. "Os recursos da Xunta son limitados", aduciu a xeito de xustificación.
Precisamente contextualizou o seu modelo "no marco da liberdade lingüística" e, aínda que recoñeceu que existe "expectación" por coñecer a súa proposta en materia de lingua, garantiu que non diferirá moito do que explicou durante a campaña electoral.
"Non quero ningunha imposición na clase", resolveu e, nesta liña, sentenciou que "se remataron as galescolas" ou "permitir que todas as materias troncais se dean en galego". Tras opinar que estes casos "rompen o equilibrio lingüístico", mostrouse decidido a modificar o actual sistema.
Os cambios iniciaranse coa derrogación do decreto do galego no ensino que, na súa opinión, xerou un conflito lingüístico en Galicia "non coñecido". Fronte a isto, comprometeu unha nova proposta con tres premisas básicas.
En primeiro lugar, os pais elixirán o idioma no que queren que os seus fillos aprendan a escribir na educación de 0 a 3 anos. Ademais, os alumnos poderán dirixirse ao profesor en calquera idioma, ao igual que facer o exame tanto en castelán coma en galego.
O terceiro obxectivo do que será presidente da Xunta na VIII lexislatura é contar coa opinión dos pais, aos que preguntará o próximo curso sobre a lingua que prefiren para os seus fillos nas materias troncais. Na súa opinión, é "de sentido común" que os pais elixan a lingua na que deben de estudar os seus fillos e tamén é "razoable" que sexa o alumno quen decida en que lingua se comunica co profesor e fai o exame.
Ao fío disto, recordou que cando el estudaba "non era posible falar galego na escola". "Só no recreo", comentou, e agregou que agora "empezaba a acontecer o mesmo en determinadas vilas de Galicia pero co castelán". En lugar disto, preferiu "centrar a discusión" no inglés.
Feijóo prometeu compaxinar a defensa do bilingüismo coa promoción do galego -que "se manterá" dixo- e mostrouse preocupado pola "perda do uso do idioma galego", que atribuíu a "unha mala política lingüística e á imposición do idioma" por parte do bipartito.
Protestas da Mesa e tamén da CIG
Desde as primeiras manifestacións de Feijóo en contra de medidas reais de apoio á presenza social do galego, foron varios os colectivos que lle esixiron ao líder do PPdeG maior responsabilidade, como a Mesa pola Normalización Lingüística, que anunciou que convocará unha manifestación en defensa do galego.
Tamén a sección de educación da Confederación intersindical Galega (CIG) advertiu o mércores que "reactivará" as súas accións e iniciativas no ámbito do ensino para "impedir esta agresión ao idioma" propio se se derroga o decreto do galego. Ante o que CIG denominou actitude "belixerante contra o galego" do líder do PPdeG, a central sindical cualificou de risco de "inaudito" que un presidente dun país "anuncie como primeira medida unha proposta contra a lingua propia, malia estar totalmente marxinada no sistema educativo".
Alonso Montero, o primeiro académico contra Feijóo
Aínda que a Real Academia Galega (RAG) non fixo pública ningunha posición respecto da derrogación do decreto do galego no ensino -que eles apoiaron explicitamemnte-, algúns dos seus membros comezaron xa a amosar a súa postura. Deste xeito, Xesús Alonso Montero cualificou onte de "contradición" o propósito anunciado polo virtual novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de derrogar o decreto sobre a promoción do galego no ensino.
"A min estráñame, porque o famoso decreto do galego vén dunha lei que foi votada en consenso polo PP, PSOE e BNG, polo que creo que iso é unha "contradictio in términis"", comentou Alonso Montero, catedrático de literatura galega e membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.
Apuntou que a lexislación para a promoción do galego na educación xa foi adoptada durante o período en que a Xunta era gobernada por Manuel Fraga, o predecesor de Feijóo no liderado do PPdeG, e foi "votado unanimemente polos 3 partidos que estaban no Parlamento" de Galicia.
Montero, que onte acodiu á presentación da obra Antonio Machado na nosa voz, suxeriu que a política lingüística debe pór o acento na súa condición "persuasiva" e observou que a situación do galego non é tan sólida como a do catalán.
"Mal político é aquel que non coñece o punto de partida", comentou Montero, quen dixo non ser un nacionalista galego aínda que expresou a súa simpatía polo BNG por ser o "único" partido que "seriamente" está comprometido coa lingua galega.
Con todo, Alonso Montero lamentou que o BNG en ocasións está tan comprometido que pode terminar "afogando a criatura".