Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Dúas imaxes do Proxecto ‘Nomes e Voces’. Á esquerda, Carmen Sarille (fondo Sarille Lanceiro) e mulleres no cárcere de Ventas (fondo Camilo de Dios) |
"Borráronas da historia e non obstante/setenta anos despois hai quen as ama". En dous versos resume o poeta Claudio Rodríguez Fer a emoción da súa homenaxe ás galegas represaliadas tras o golpe de estado de 1936 no libro Ámote vermella, ilustrado pola pintora Sara Lamas, que forma parte da exposición Vermellas. Chamábanlles "rojas" que onte se inaugurou na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo.
Na mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, achega a súa visión sobre as mulleres que padeceron esta represión un grupo de traballo formado por Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Domínguez, Gustavo Hervella, Chus Martínez, Antonio Somoza e o Proxecto "As vítimas, as voces, os nomes e os lugares". Os investigadores deste equipo achegan os datos históricos á exposición; conclúen que foron 397 as galegas que sufriron humillacións e vexacións, perderon a seres queridos, cumpriron penas de cárcere ou foron asasinadas.
En diferentes paneis, pódense ver fotos das mulleres que padeceron o terror, un mapa dos lugares da represión da muller en Galicia -onde destacan polo seu número de represaliadas Coruña e Vigo e con maior represión, con resultado de morte, A Coruña, Vigo e Ferrol- ou proxéctase o vídeo da visita do presidente da República, Alcalá Zamora á Coruña en 1934 pertencente ó Fondo da familia Suárez Ferrín. Ademais da exposición, desenvolveranse unha serie de conferencias nas que se presentarán os resultados do estudo histórico e as achegas artísticas como o poemario de Rodríguez Fer, Ámote vermella, co que o autor pecha unha triloxía que comezou nos anos 80 con Lugo blues e seguiu con A loita continúa.
"Os poemas foron xurdindo co meu contacto cos familiares das vítimas, algúns xa amigos íntimos, ademais eu tamén son descendente de familia represaliada", explica o profesor da USC. O poemario é "unha homenaxe ás mulleres que, por seren as esquecidas entre os esquecidos, xa que non tiñan un rol político ou importancia social en sociedades patriarcais, foron as que máis padeceron", resalta o autor que presentará o poemario e dará un recital o 23 de marzo.
Deste xeito, di Rodríguez Fer, sucede "o milagre da poesía": que "despois de matalas e de borralas da historia para sempre, puiden reconstruír a súa historia". De moitas destas mulleres represaliadas -sobre todo, das máis pobres- nin sequera se conservan fotos. Por iso, a pintora Sara Lamas ponlles cara con figuracións artísticas, por exemplo, a dúas vendedoras de xornais que foron "paseadas": Consuelo Alonso, "a comunista de Monforte" que foi fusilada en Lugo no 38 e "A Calesa", repartidora de periódicos en Vigo, asasinada no 36.
Rodríguez Fer recupera a memoria das anarquistas masacradas no barrio coruñés das Atochas, e doutras mulleres libertarias como Juana Capdevielle, unha intelectual republicana, que foi bibliotecaria en Madrid pero que, por estar casada co gobernador civil da Coruña, foi asasinada en Rábade. "Eu son amigo da súa familia e vivín momentos moi emotivos cando, por exemplo, o alcalde de Rábade decidiu poñer nunha placa de bronce o meu poema para que quedara constancia do lugar onde morreu Juana", lembra.
Homenaxe extensible a nomes máis coñecidos como o da actriz galega María Casares -filla de Santiago Casares Quiroga, xefe do último goberno da II República española- pero tamén ás mestras represaliadas como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez. "Como Castelao lle dedicou unha das súas viñetas á derradeira lección do mestre, eu quero reivindicar a derradeira lección das mestras que foron moitas as que foron depuradas do seu traballo e tiveron que malvivir ou exiliarse", destaca o profesor.
Os nomes das vítimas en Lugo
O Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo: Alicia Purificación Carballeira Franco, Manuela Graña Rico, Virginia Meilán Varela, Hermelinda Páramo Ventosinos, Isabel Ríos Lazcano e Carmen Sarille Lenceiro. Ademais, pódese acceder ás testemuñas da represión a través dunha selección elaborada a partir do fondo oral composto por 403 entrevistas.
Conferencias até o mes de maio
Arredor da exposición celebraranse unha serie de conferencias até maio. O vindeiro luns arrincará a primeira coa intervención da coordinadora do Proxecto "As vítimas, os nomes...", María Xesús Souto que afondará na historia da "comunista de Monforte".
A profesora de Literatura Galega, Carmen Blanco retratará a "Vida e morte da bibliotecaria Juana Capdevielle" o 16 de marzo, e achegará o estudo "Resistencia, represión das mulleres anarquistas na guerra civil" o 20 de abril.
Ademais, os investigadores Gustavo Hervella e Antonio Somoza presentarán os resultados do estudo da represión en Galicia tras o golpe do 36. O primeiro farao o 27 de abril, coa presentacióndo Proxecto "As vítimas, os nomes..." mentres que o segundo abordará o 5 de maio o contexto da represión en "A muller no vórtice do terror: golpe de Estado, represión e xénero (Galiza 1936-1939)". Un texto que se inclúe nun catálogo con diferentes ensaios ilustrados polo material gráfico da mostra que estará aberta en Lugo até o 6 de maio, logo virá a Compostela e percorrerá vilas como Cangas do Morrazo.