Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
O escritor Lluís-Anton Baulenas medita, por mor da publicación da súa última novela, El nas de Mussolini, premio Sant Jordi en 2008, sobre as utopías e argúe que se poden intentar aplicar, pero é moi difícil que triunfen pola complexidade do mundo e pola propia natureza humana". A novela, publicada por Proa, está centrada nunha moza revolucionaria, de nome Berta Panatis, que recibe o encargo do Partido Comunista, no que milita, de asasinar o ditador Primo de Rivera.
Baulenas rememora que antes de situar este argumento nun determinado momento histórico tivo na cabeza a narración dunha muller encerrada nun piso, illada do resto do mundo, e que, con todo, se mantiña fiel á súa inquebrantable ideoloxía.
A acción desenvólvese nos anos vinte do século pasado, en plena ebulición da revolución rusa, e cunha muller na montaña, símbolo da máxima liberdade, pero "encerrada en si mesma, en descomposición, e cunhas fortes conviccións".
Baulenas, un dos escritores cataláns máis traducidos nos últimos anos, remarca neste sentido que non se trata, xa que logo, "dunha novela histórica, senón dun título de argumento e personaxes".
Cando se lle pregunta pola plasmación das utopías, o autor catalán subliña o seu punto de vista: non pensa que sexan imposibles de executar, "pero tamén creo que rompen en canto se converten en realidade, tanto pola complexidade do mundo, como pola propia natureza humana".
Na súa opinión, movementos como o comunismo "acaban só por sobrevivir a si mesmos, á conta do que sexa, e grazas, en moitas ocasións, a persoas de boa fe, que llo cren".
Unha das súas intencións é, precisamente, que o lector vexa ante os seus ollos "a desgraza profunda dunha muller que actúa por conviccións nun mundo onde o comunismo é xa unha utopía feita realidade grazas á Revolución Rusa, pero cunha Unión Soviética que entrou en contradicións graves".