Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
O castelán estase impoñendo ao galego dun xeito vertixinoso e imparable. O idioma propio da comunidade pasou de ser o maioritario a quedar en índices cada vez máis residuais fronte ao castelán, mesmo no caso de cidadáns bilingües. Esta situación, que se desprende do último Mapa Sociolingüístico de Galicia, realizado pola Real Academia Galega (RAG), significa para a Mesa pola Normalización Lingüística que adoptar medidas contra o galego podería ser "letal" .
Nos últimos doce anos, alertou onte o presidente da Mesa, Carlos Callón, duplicouse o número de persoas que afirman "non falar nunca galego", pasando dun 13 por cento no ano 1992 -cando se fixo o primeiro Mapa- a un 25,8 por cento en 2004, que o ano referencial da última edición, chegada ás librerías pouco antes das pasadas eleccións autonómicas. Se se comparan os datos dos dous mapas, subliñou Callón,compróbase que o galego pasou de ser a lingua inicial do 60,3 por cento dos cidadáns a ocupar unha "posición minoritaria" do 20,6 por cento, o que implica "unha caída de 40 puntos en 12 anos".
Así mesmo, referido ao uso da lingua, o Mapa Sociolingüístico da RAG sinala que neste período se dividiu á metade o número de persoas que din falar habitualmente galego, un 30,5 por cento no 1992 e un 16 por cento no 2004.
Callón advertiu tamén "unha tendencia xeral da xente que se autodefine como bilingüe a empregar máis o castelán" e constatou que en Galicia "se mantén a situación diglósica" e "mesmo se reforza".
No relativo ao uso do galego na educación, o estudo da RAG apunta "unha relación inversa" entre o nivel de uso do galego e o maior nivel educativo, unha cuestión que mostra, para A Mesa, "o proceso castelanizador da escola".
Ademais, os mozos menores de 18 anos que sempre residiron en Galicia sinalan que, no 10,7 por cento dos casos, o ensino recibido foi "sempre en castelán", cando esta opción, apuntou Callón, "non debería ter presenza no tramo sondado".
Ao ver do presidente da Mesa, os datos demostran que "non se está a garantir a posibilidade de que os nenos rematen a educación con competencias tanto en galego coma en castelán", o que evidencia "un fracaso educativo".
No relativo á situación nas cidades, o informe constata que "se mantén" a asociación entre ámbito rural e maior uso do galego e ámbito urbano e maior uso do castelán. Ademais, a presenza monolingüe en galego é maior nos espazos de menos de 5.000 habitantes (40,5 por cento) aínda que se detecta nestes doce anos "unha forte caída tamén no rural", onde pasou do 55,3 por cento ao 40,5.
Así mesmo, o monolingüismo en castelán avanza tamén nas cidades, onde en 1992 afirmaban "non falar nunca galego" o 27,1 por cento mentres que en 2004 apuntaron esta opción o 35,8 por cento.
Finalmente, as cidades con maior uso do castelán son Ferrol (85 por cento) e Vigo e A Coruña (81,9 por cento), mentres que o monolingüismo en galego obtén os seus valores máis altos en Lugo (13,4 por cento) e Santiago (13,2 por cento).
Ante estes datos, Carlos Callón instou á Administración para "tomar medidas" para solucionar esta situación e considerou que "emprender accións contra o galego", con referencia ao anuncio do futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de derrogar o decreto do galego; "pode ser letal" para a lingua.
Nesta liña, cuestionou o motivo polo que este informe, "con datos demoledores", chega ás tendas despois das eleccións autonómicas, "cando os datos se tiñan dende hai meses" e considerou necesario que este tipo de informes "se dean a coñecer antes".
En relación coas políticas lingüísticas anunciadas por Núñez Feijóo, Callón animoulle a "facer obras" que "demostren que ama o galego". "Obras son amores e hai amores que matan", apuntou.
Ademais, considerou que a situación actual do galego "é a peor da súa historia" e que "se aveciñan tempos difíciles" para ela, polo que reclamou "medidas urxentes" e fixo un chamamento á poboación para que asista o próximo día 28 de marzo a unha Asemblea Xeral de A Mesa e o próximo 17 de maio a unha manifestación "que ten que ser histórica".
Medra o nacionalismo español
O Mapa Solciolingüístico de Galicia (MSG) -con base no último monográfico de Revista das Letras, o suplemento de GALICIA HOXE- revela que as persoas que consideran máis capaces para falar galegos están maioritariamente instalados no castelán. O MSG constata tamén a correlación entre conciencia nacional, se ben existe unha maior querencia dos nacionalistas españois polo castelán que dos nacionalistas galegos pola lingua propia do país. Así o uso do galego aumenta conforme a conciencia nacional se define en maior medida galega. O 58,6% dos entrevistados afirmaron sentirse tan galegos como españois, o 25,8% máis galegos que españois e o 6,7% só galegos. Máis españois que galegos definíronse só o 4,9%, e só españois o 3,9%. Ao tempo, o 86,20% dos que se cren só espa- ñois falan só ou preferentemente castelán, e o 81,8% dos que se consideran máis españois que galegos. A asociación non é tan intensa, porén, entre os que se definen como só galegos -o 67,20% falan só ou preferentemente galego- ou máis galegos que españois -o 49,6% usan só ou máis o galego. Nos que se senten tan galegos como españois, falan galego o 34,4%.