Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Marcos S. Calveiro levou o premio dos libreiros pola súa novela ‘Festina Lente’ FOTO: Ramón Escuredo |
A colección Rescate da editorial Alvarellos gañou o premio á mellor Obra Editorial de 2008 que concede a Federación de Libreiros de Galicia, nun acto celebrado onte no Carballiño e no que o colectivo entregou os Premios Irmandade do Libro, de carácter anual.
Estes galardóns, que van pola súa edición número 18, recoñecen o "mellor autor" do ano, o "fomento" da lectura, a institución, o centro de ensino, a libraría e a obra editorial de Galicia, cada ano.
Así, o xurado, que presidiu o máximo dirixente da federación, Xurxo Patiño, recoñeceulle ao serial Rescate o seu "esforzo" e "acerto" á hora de recuperar a obra menos coñecida de grandes escritores da cultura galega.
Pola súa banda, o director da editorial, Henrique Alvarellos, que recolleu o premio, agradeceuno "con moito orgullo", polo que supón "de recuperación da obra esquecida" e porque a serie significa "un rescate dun proxecto iniciado xa hai 32 anos", indicou.
O galardón divídise en distintos apartados, entre eles o do autor, que xa foi anunciado días atrás e que recaeu no pedagogo e escritor Xavier Puente Docampo, un dos nomes máis prestixiosos do panorama editorial galego dentro do ámbito da Literatura infantil e xuvenil.
No apartado de fomento da lectura, o xurado quixo salientar o labor das Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros, mentres que dos centros de ensino, o elixido foi o I.E.S. Blanco Amor, de Ourense.
No apartado de institucións, o gañador foi finalmente a Asociación Cultural do I.E.S. Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, un dos centros máis activo, no programa de accións culturais que hai en Galicia.
En canto ao mellor libro do ano, o gañador do Festina lente, de Marcos S. Calveiro, publicado por Edicións Xerais e convertido, desde a súa publicación, nunha das obras de maior éxito da temporada.
Por último, foi recoñecido o labor da librería Andel do Libro Galego e Portugués, de Vigo.
O xurado dos galardóns estivo formado, ademais de por Xurxo Patiño Pérez, por Benxamín Riobó Fernández. Secretario da Federación de Libreiros; Xaime Carlos Corral Prieto, tesoureiro da Federación de Libreiros; Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández, profesor de Lingua Galega; o escritor Xosé Carlos Caneiro Pérez; Belén Solleiro Díaz, bibliotecaria e representante de Anabad Galicia, e Gregorio Ferreiro Fente, funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Autor: Xavier Puente Docampo.
A editora publicou unha recuperación dos artigos inéditos en libro de Alvaro Cunqueiro, o primeiro volume de "Rescate", hai catro anos. A ese volume seguiron outros con obra inédita ou dispersa de Francisco del Riego, Vicente Risco, Outeiro Pedrayo, Camilo José Cela, Leandro Carré ou María Mariño.
Segundo destacou Alvarellos, as próximas publicacións recollerán escritos dispersos de Alvaro Cunqueiro, que o autor dedicou á cidade de Lugo e se centrarán, por outra parte, na obra breve do escritor coruñés Mariano Tudela.
Calveiro, o éxito da temporada
O galardón para Festina Lente, de Marcos S. Calveiro -un libro editado por Xerais- confirma o bo pé co que esta novela entrou no andel das novidades a finais do ano pasado. Ambientada na Compostela do século XVII, cunha linguaxe moi coidada e un estilo que imita a linguaxe escrita da época, Festina Lente recrea a censura exercida pola igrexa Católica cos libros. O protagonista é Ambrosio Cavaleiro, un home que, polo seu oficio de encadernador, formará parte das intrigas dos poderes fácticos da época, mentres el se limita a deixar pasar a súa vida pechado tras as fiestras do seu obradoiro, observando as infamias dos demais. Sen dúbida, un dos grandes éxitos editoriais da temporada.