Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Uxía Senlle adheriuse ao manifesto porque “cantar en galego abre portas” FOTO: Quim Farinha |
Un grupo de galegos que hogano viven en Londres acaba de colgar en internet (no enderezo ogalegoeuil.wordpress.com) un manifesto interactivo co que queren desmentir "o mito de que "o galego non vale para nada" ou "só serve dentro de Galicia". Preto de trinta persoas -xornalistas, profesores, cantantes, recepcionistas ou abogados- adheríronse xa a este texto que cualifican como "espontáneo, vivo, interactivo, libre de ideoloxía e de afiliación política".
"Todos os idiomas valen e para moito", comeza afirmando este manifesto. "A nós, o galego foinos útil e segue séndonos útil nas nosas vidas e aventuras polo mundo adiante", subliñan. Para xustificalo, engaden tres razóns prácticas. A primeira, que a lingua do país "nos facilitou a aprendizaxe doutros idiomas: fíxonos máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras linguas, axudounos a identificar e pronunciar noutros idiomas sons que non existen en castelán e facilitounos a aprendizaxe de novas estruturas gramaticais".
En segundo lugar, consideran que "a capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas)."
Finalmente, engaden unha vantaxe que lles incidiu a nivel laboral. "No estranxeiro, o feito de falar galgo e polo tanto comprender o portugués deunos vantaxe competitiva fronte a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus, sexa a industria que sexa."
Por estas razóns conclúen "sen ningún tipo de dúbida, que o galego tamén é útil fóra de Galicia. Que non che quenten a cabeza dicindo que non". Calquera persoa pode asinar o manifesto enviando unha mensaxe indicando o seu nome e, se é posible, unha testemuña da súa experiencia.
Como xa o fixeron xornalistas como Inma Gil, Xesús Fraga ou Debora García, profesores como Lucía Pérez de Oliveira e Manuela Fernández, cantantes como Uxía Senlle -que destaca: "Levo toda unha vida cantando na miña lingua polo mundo adiante"-, recepcionistas como Melissa Caramés, avogados como Bautista Sotelo, ou mesmo enxeñeiros informáticos como José Ramom Pichel Campos.
O programador Xesús Magariños explica a súa experiencia persoal. "O galego sérveme para estar no mundo. Emprégoo para aprender outros idiomas e mellorar a pronunciación. Axudoume en Polonia coa pronunciación do polaco, en Londres co inglés e nestes intres estame a axudar co francés".
O escritor Xabier Cid apoia o texto
O escritor Xabier Cid tamén se adheriu a este manifesto. "O galego que aprendín na escola fixo que eu fose bilingüe dende a infancia. Iso axudoume a entender e aprender outras linguas con maior rapidez (...) Grazas ao galego conseguín un posto de traballo dando clase nunha universidade escocesa".