Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O autor recibiu, entre outros, o Premio da Crítica Galega e o Xerais |
Unha investigación sobre a biografía dun personaxe de ficción que se desenvolve entre o Muros dos anos 40, a Barcelona dos 60 e a Arxentina actual é o argumento de Monte Louro, a obra coa que o xornalista e escritor coruñés Luís Rei Núñez se vén de alzar co Premio Blanco Amor de Novela.
Así se decidiu o sábado en Burela, municipio ao que lle tocou organizar o certame este ano, un galardón impulsado por 76 concellos de toda Galicia. Un xurado composto pola gañadora da edición anterior, Inma López Silva, Olalla Cociña, Emilio Insua, Santiago Jaureguízar e Armando Requeixo xunto coa concelleira de Cultura de Burela, Neves Cando, que actuou en calidade de secretaria, resaltou a calidade das obras presentadas nesta edición.
Dos 25 traballos que recibiron, seleccionaron nove novelas das que só catro pasaron a última peneira, entre as que se atopaba a obra triunfadora, que Luis Rei presentou co lema "Arcadia bis".
O xurado valorou a profundidade psicolóxica dos personaxes, a plasticidade e realismo das descricións xeográficas, o coidado estilo e riqueza lingüística, o verismo dos diálogos, a estrutura e progresión narrativa e a fondura e delicadeza con que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano.
A noticia xa se lle comunicou vía telefónica ao autor, que está a pasar estes días en Nova York. Luis Rei (Coruña, 1958) recibiu pola súa anterior obra O señor Lugrís e a negra sombra, o Premio da Crítica Galega 2007.
Ademais, hai sete anos, o escritor e xornalista facíase co Premio Xerais pola novela Expediente Artieda. O seu oficio de narrador tivo continuidade en A estrela dos polisóns (2003) e Toda a vida (2005) e o de poeta, en obras como A ronda invisible (1988), A casa na brétema (1994) ou Alma mareira (2003).
Rei recibirá os 12.000 euros cos que está dotado o galardón e tamén verá publicada a súa obra que, este ano, segundo indica un membro do xurado, Santiago Jaureguízar no seu blog Cabaret Voltaire, editará Xerais, a diferenza do que aconteceu nos últimos anos. "Aledoume o conxunto das novelas presentadas, un reflexo do que vai a nosa literatura nos vindeiros anos, que empezamos a esquecer a memoria histórica, mesmo a memoria en si propia, e falamos máis de relacións persoais desenvolvidas na actualidade", explica Jaureguízar no seu blog no que adianta, ademais, o contido da novela de Rei: a pescuda biográfica nun personaxe de ficción dacabalo entre Muros, Barcelona e Arxentina.
Dúas novelas ficaron finalistas
O xurado declarou finalistas do Premio Blanco Amor outras dúas obras que foron presentadas cos lemas "O pasado aínda está por vir" e "Un último destino". Polo de agora, non transcendeu que concello organizará a próxima edición do certame o vindeiro ano nin cando se presentará a obra gañadora.