Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Sábado 04.02.2012  | Actualizado 14.25

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Maré

candidatura

A rede, co poeta do Courel

09.04.2009  Entregan na RAG máis de mil sinaturas en apoio de Uxío Novoneyra para que se lle dedique o Día das Letras de 2010

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Uxío Novoneyra traballando no lousado da súa casa do Courel FOTO: Axencias
Uxío Novoneyra traballando no lousado da súa casa do Courel
FOTO: Axencias

O colectivo de amigos que hai dous anos creou na rede unha web para recabar sinaturas co fin de que a Real Academia Galega (RAG) lle dedique o Día das Letras Galegas de 2010 a Uxío Novoneyra, entregoulle o martes ao presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, as adhesións de 1.041 persoas que apoian a iniciativa. "Non pediamos resposta, senón que se lle transmitise a todos os académicos no momento de escoller o candidato para o próximo 17 de maio. Barreiro así nolo confirmou, aínda que indicou que tamén había outros candidatos", sinalaron onte a este xornal os impulsores do portal www.uxionovoneyra.com, que prefiren permanecer no anonimato.

Xunto aos nomes da xente que respalda a proposta, tamén se inclúe un dossier coas mensaxes que enviaron non só dende Galicia senón dende países de todo o mundo como México, Portugal, Arxentina, Francia, Estados Unidos, Brasil ou Colombia. "Moitos dos galegos que deixaron o seu apoio na web son profesores, máis que escritores, o cal é alentador porque iso tamén quere dicir que lles falan de Novoneuyra aos seus alumnos", resaltan. Ademais, consideran que conseguir máis de mil apoios a través dunha web en internet é un logro xa que "é difícil que se difunda".

Así, apoian a proposta creadores como o arxentino Juan Gelman que recibiu o Premio Cervantes en 2007 ou os galegos Perfecto Conde, Luz Darriba, Concha Rousia, Xurxo Lobato, Xosé A. Neira Cruz, Xoán Abeleira, X.H. Rivadulla Corcón, Vicente Montoto, Séchu Sende ou Ramón Caride.

 

"É un gran poeta galego cunha obra indiscutible"

Esta acción para conseguir que o Día das Letras do vindeiro ano se lle dedique ao poeta nado en Folgoso do Courel, pouco despois de cumprirse dez anos da súa morte, non é inédita. "Hai precedentes con Otero Pedrayo ou Avilés de Taramancos", apuntan. Pero tamén hai un monte de razóns que xustifican a necesidade desta homenaxe. "É un dos grandes poetas galegos cunha obra indiscutible, na que a calidade supera á cantidade", salientan.

A isto engaden os vínculos da súa terra natal coa capital galega. "É o poeta do Courel, porque nos descobre o seu espazo en todos os seus poemas pero tamén de Compostela, onde viviu bastante tempo, e que ligaba co Courel xa que detrás da súa casa no Burgo pasaba un regueiro que lle lembraba á paisaxe do Courel".

As mensaxes presentadas na rúa Tabernas resumen a emoción e admiración de máis de mil persoas ante o autor de Os Eidos (1955). Xunto a opinións directas como "as letras galegas están na poesía de Uxío Novoneyra" ou "adiante, teno merecido", tamén hai outras máis elaboradas como "beber da fonte de Novoneyra , é beber de moitas fontes nobres nas que el alimentou o seu gran legado. Dedicarlle as Letras Galegas no 2010, será unha boa forma de manifestar o noso agradecemento por todo o seu esforzo na procura e na defensa da nosa identidade".

Segundo informan, volverán ofrecer novos datos da iniciativa a partir de maio, xa que a web continúa recibindo novos apoios.

AS LETRAS

Recoñecemento de institucións, asociacións e intelectuais

Os apoios ao poeta do Courel tamén proceden de institucións de todo o país. Non faltan a adhesión do concello de Folgoso do Courel, así como colectivos ecoloxistas como SOS Courel ou Adega e de asociacións como Ágora Cultural de Lugo, Xohán de Requeixo de Chantada, os Amigos do Museo do Castro de Viladonga, os Amigos do Patrimonio de Castroverde, a Pipa de Becerreá, a Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra ou Incomunidade de Portugal.

Asemade, o portal recolle opinións de intelectuais galegos sobre o autor de Poemas caligráficos (1979). Así, para Francisco Rodríguez, Novoneyra é "un poeta de sentimentos e cosmovisión tan patrióticos como de sereo e fraterno internacionalismo. O profesor Herminio Barreiro opina que os seus versos son "os camiños da liberdade" mentres que Euloxio Ruibal di que a voz de Uxío "galopando nun Cabalo novo, abriu ancho camiño real". Ademais, o autor que será homenaxeado este ano no Día das Letras, Ramón Piñeiro, asegura que no libro do courelán Os Eidos "exprésase poeticamente a experiencia máis radical e permanente do espírito galego en canto realidade colectiva: a súa integración na vida cósmica".

 

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS