Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Disque contra aquilo que se adoi- ta denominar autoodio non hai nada mellor que o autocoñecemento. E este pasa, para moitos, por transcender a fronteira, onde Galiza, medra naturalmente cara a abaixo, recuperar as grafías, ser vasos comunicantes cun exterior fecundo, que é a epiderme común, senón a víscera ou algún outro órgano vital para a supervivenza. Así, con esta idea interarraiana na testa, naceu o proxecto de intervención cultural Galiza em trânsito, que este sábado celebra a súa segunda edición en Braga.
Entre as actividades da intensa xornada destacan a presentación da exposición Terra incógnita de Francisco Ameixeiras; unha palestra de Poesía galega: coa participación de João de Bonaval, Susana Arins e Carlos Quiroga; os espectáculos de danza "Cos pés na terra (e só na terra)" a cargo da Companhia C2; o concerto do grupo compostelán The Homens; as roturas visuais de The Chemical Orange. A idea baséase no concepto de intercambio, tendo como principais espazos Galiza e Portugal, dous países que, deben ir de mans dadas na produción e proxección da súa cultura. Este intercambio continúa cunha festa galega en Braga "e esperamos que sirva para abrir canles de comunicación que se manteñan no futuro", comentan os seus creadores, os galegos Óscar Senra, Raquel Miragaia e Inês Rodo.
"A sociedade portuguesa é mais receptiva á cultura galega do que pensamos, só temos que impedir que as comunicacións de tipo oficial ocupen todos os espazos; a sociedade galega precisa saír un pouco de si mesma e recoñecerse noutras realidades e, sobre todo, goberne quen goberne, ten que abrir novos espazos comunicativos", engaden.
Nado no ano 2008 como proxecto da Biblioteca Anna Politkovskaya, da Gentalha do Pichel, o proxecto desenvolveuse o ano pasado no vangardista local Maus Hábitos do Porto, con actividades que foron presentadas na FNAC de Santa Catarina co obxectivo de conseguir financiamento para dotar a biblioteca de fondos en galego-português. De feito, foi a través desa edición do Galiza em Trânsito como o grupo galego Marful fragou a súa popularidade no estado veciño.
A universidade de Minho, promotora do evento
No ano 2009 foi o Leitorado de Galego do Centro de Estudos Galegos da Univesidade do Minho de Braga quen mostrou interese en organizar un evento do estilo dentro dos seus actos anuais. "Así é que Galiza em trânsito ten continuidade cunha nova programación e uns mesmos obxectivos básicos: os de facilitar e fomentar a creación e o intercambio cultural e social".
Como chegar a Braga?
De tren: Desgraciadamente de Galiza a Braga non hai convoi directo (horarios da liña O Porto-Vigo). Unha opción é coller o convoi dirección ao Porto en Redondela ou en Vigo até Nine e en Nine coller un convoi a Braga. A liña de convois principal é do Porto, Estação de Campanhã (Ancho de Estaçãou, 4300-173 | Estaçãou de S. Bento, Praza Almeida Garrett, 4000-069). Camiños de Portugal.
De autobús: Con orixe Galicia: Os autocarros de Alsa paran en Braga (os sábados só hai un pola mañá e os domingos un de volta pola tarde, o mellor é coller viaxe de ida-volta e con anticipación maior de 10 días, pois o bono sae o 25% máis barato), a empresa Autna chega até o Porto pero sen parar en Braga.
En coche: Con orixe Galiza hai que ir pola A-9 e continuar pola A-3 en Portugal.
De avión: O aeroporto máis próximo de Braga é o aeroporto Sá Carneiro no Porto.