Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A facturación do libro literario en galego reduciuse até un 20 por cento FOTO: Kiko Delgado |
Os editores galegos ven o futuro cada vez con máis incertidumes. O anuncio da derrogación do decreto da lingua no ensino está a sementar a zozobra no mercado editorial en galego, que constata como cada ano se reducen as cifras de lectores así como as tiradas de exemplares.
Dende a Asociación Galega de Editores, Alfonso García-Sanmartín, advirte de que o sector "empeza a sentir a crise" e amosa a súa "preocupación" por ver "como o novo goberno se enfrontará ó futuro" en relación á súa política lingüística. Ao seu ver, moitas das "inseguridades" ás que se enfronta o sector débense a que "o 50 por cento da edición en galego está baseada no ámbito educativo".
Da mesma opinión se amosa o director de Xerais, Manuel Bragado, que diagnostica tres problemas no mercado interior do libro. "Houbo unha ralentización da produción editorial en galego tanto en número de títulos como en exemplares; hai unha gran dependencia da canle escolar e educativa, con porcentaxes non coñecidas até agora como que o 70% da produción e o 80% da facturación dependan do libro de texto, o libro infantil e xuvenil e os diccionarios; e a crise na que entrou o libro literario en galego: mantense o número de libros pero baixan as tiradas medias e o número de exemplares. A facturación caeu até un 20% e veremos se este ano, con este proceso de ralentización xeral, isto se intensifica".
Con todo, Bragado tamén fala de elementos positivos como o aumento de "voluntarios pola lectura en galego", visibles en experiencias como "Espazo lectura" ou "Literactúa". Porén, unha das súas principais preocupacións é "que vai pasar co futuro da lingua". O director de Xerais agarda que "a mobilización social sexa capaz de parar o proceso de involución" anunciado coa derrogación do decreto do galego no ensino. "Se somos un sector que depende en exceso do libro escolar, imaxínate que pasaría se houbese un novo decreto que non establecese a obrigatoriedade do galego na área de Matemáticas: a repercusión desa medida non se vería agora senón no devir duns dous ou tres anos", exemplifica Bragado.
Ao seu ver, o sector editorial está sometido "a moitos prexuízos". "Acúsasenos de que somos un sector moi promocionado, cando as subvencións son negro sobre branco: non se critican do mesmo xeito as axudas ao automóbil", indica. Tras resaltar que o libro "é a primeira industria cultural do país", o editor asegura que a súa actitude é de "esperanza" porque "nos momentos de crise emerxe a potencia e a coraxe da sociedade civil".
Freixanes: "A derrogación do decreto é pura hipocrisía"
Pola súa banda, o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, en declaracións a Europa Press, dixo que o anuncio da derrogación do decreto do galego se debe "á hipocresía da campaña electoral", que representa algo "anecdótico" e que a Xunta de Feijóo só cambiará "algúns aspectos e algún punto".
Ao seu ver, "a clave é a onde se quere ir, cal é a posición diante da lingua e sen hipocrisías". "Hai que estar dispostos a recoñecer unha política decidida, non apliquemos unha situación falsa", incidiu. Para Freixanes, "non hai outro camiño que atopar un grande acordo social arredor da lingua" e que as forzas políticas do Parlamento "teñen que atopar un punto de acordo para avanzar e afondar na lei de normalización". "Os que que cremos que Galicia existe e a lingua galega como parte dela sabemos da necesidade de que se marque unha posición definida por parte do Goberno", esixiu, polo que chamou ao "sentido común" da Xunta e á "responsabilidade" por parte da oposición.
Ao ver do editor de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello, o sector editorial "vive unha crise multipolar" en catro frontes. "Por unha banda, está a caída de vendas na rede de librerías, algunhas mesmo están pechando, é unha crise estrutural do sector libreiro que afecta ao mundo editorial", apunta. Ademais, a crise económica xa se está a notar "na caída das vendas". Por outro lado, a crise no "funcionamento da rede pública de bibliotecas" debido "á falta de axilidade en executar a normativa a anterior Consellería de Cultura e o goberno actual atópase que o último expediente está sen fiscalizar. Iso fai que os libros galegos cheguen ás bibliotecas públicas tarde e mal". Fernán-Vello refírese tamén á crise "institucional" provocada polo recambio na Xunta, e os problemas da Consellería de Cultura "de pór en marcha o seu organigrama". O editor de Espiral Maior considera que o sector editorial vive un momento de "zozobra empresarial e inestabilidade". Para unha editorial que publica poesía como Espiral Maior "que xa por si non ten éxito no mercado, neste momento, agudízanse máis as súas eivas, xa o notamos os últimos meses".
Fernán-Vello é contundente á hora de avaliar as repercusións da derrogación do decreto do galego no ensino: "É un golpe mortal á producción editorial galega". Na súa opinión, "cando o PP utiliza o galego como ferramenta política ao servizo de intereses sectarios de grupúsculos organizados xera confusión e crea un agravio co idioma galego". Fernán-Vello coida que o sector editorial vive con "moita preocupación" a derrogación do decreto do galego porque "o idioma é o noso vehículo: aí está o esforzo histórico da edición por ofrecer a produción editorial en galego". Ademais, "se no ensino, o galego deixa de ter cultivo, iso afecta á produción industrial do libro. O descenso das vendas leva a un empobrecemento do sector e atenta contra a industria cultural galega".
Alvarellos: "Que non se traduza ao galego é unha involución"
Para o editor Henrique Alvarellos, a derrogación do decreto do galego "se se leva a cabo segundo o anunciado, é evidentemente un paso atrás que pode danar moito o idioma. Coa flebleza do galego, calquera mínimo ataque ou paso atrás, pode prexudicar moitísimo, e non digamos este retroceso". Do mesmo xeito, a redución da tradución ao galego "é unha involución importante".
Alvarellos mostra a súa preocupación ante unha "dobre incógnita" que vive o sector: "a nivel global, a dos novos usos e soportes da lectura (internet, libros electrónicos, etc); e a escala galega e xa a curto prazo, a do novo goberno e as políticas de fomento da lectura, da cultura e do libro que desenvolva". Consciente de que "a metade da poboación (galega e española) non le", considera que os editores deben centrarse "en editar os mellores libros posibles da mellor forma posible, e agardar que os poderes públicos, coa nosa colaboración, elaboren campañas efectivas de fomento da lectura e do libro".
Os retos do futuro dixital: e-books
Ao ver do presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín, os retos do futuro para a edición pasan por saber adaptarse aos novos formatos como "e-books ou a edición dixital". Xurxo Patiño destaca a dobre vertente do seu traballo: "Para seguir vivos, debemos combinar as facetas cultural e comercial. O labor cultural é o instrumento que nos fai competitivos con respecto a outras superficies. Temos que adaptarnos ás novas tecnoloxías: aquí vivimos unha certa incertidume xa que ninguén sabe como se desenvolverá o futuro do libro: unha das posibilidades é o libro electrónico e para iso, necesitamos ferramentas tecnolóxicas e facer que algo que parece unha ameaza se converta en oportunidade". Ao ver de Manuel Bragado, "estamos sometidos á crise internacional do libro impreso, en tránsito a soportes electrónicos".
Lei do libro: a única esperanza
Fernán-Vello opina que a Lei do libro é "unha grande demanda do sector que foi aprobada co bipartito e lle toca desenvolver ao PP". Ao seu ver, é "unha ferramenta fundamental para que o sector do libro se normalice. Os editores non piden subvencións senón que as cousas se fagan con normalidade". Alvarellos considera importante que a consellería de Cultura desenvolva a Lei do libro porque "define o libro como sector estratéxico no país, con todas as consecuencias. Por outra banda, o novo goberno anunciou, xa no seu programa de partido, que o 2010 será o Ano da Lectura en Galicia". Ao ver de Bragado, a Lei do libro "é un documento tecnicamente moi importante" pero fican medidas pendentes como "a creación do Instituto Rosalía de Castro para a proxección no exterior do galego".
XURXO PATIÑO
Os libreiros piden apoios á lectura
Na opinión do presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, a crise "non está a afectar de xeito acentuado ao mercado do libro" aínda que comezan a notar a baixada de vendas. Entre os problemas do mercado editorial apunta "a incertidume e a hiperinflacción de títulos que nos fai complicada a tarefa cotiá". A derrogación do decreto do galego "non afectará moito ás librerías pero si á edición en lingua galega. Calquera política que non supón un apoio á lingua, vai en detrimento da nosa cultura", denuncia. Ao seu ver, é fundamental "fomentar a lectura".