Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

CARA AO 17 DE MAIO ·· idioma

"Usan a falsa liberdade"

13.05.2009 A Academia Galega advírtelle a Feijóo que non gobernará para todos os galegos se se alentan "polémicas partidarias" coa lingua a partir de "prexuízos lingüísticos"

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Barreiro durante a lectura do comunicado da RAG en presenza dos académicos presentes no plenario de onte FOTO: Almara
Barreiro durante a lectura do comunicado da RAG en presenza dos académicos presentes no plenario de onte
FOTO: Almara

A Real Academia Galega (RAG) criticou onte abertamente "as primeiras decisións" do novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respecto do idioma e chamouno a superar os "prexuízos lingüísticos" para converterse nun gobernante "de todos os cidadáns". Nunha acción sen precedentes, a institución presidida por Xosé Ramón Barreiro fixo público un comunicado -"por obriga e deber moral"- en defensa do idioma galego fronte ás medidas "desprotectoras" que pretende impoñer o Partido Popular (PP).

Boa parte dos acádemicos estiveron presentes no plenario de onte, celebrado na sede da RAG na Coruña ante a expectación dos periodistas congregados na rúa Tabernas para escoitar unha intervención cualificada de histórica. Barreiro foi o encargado de ler o comunicado, realizado por unha comisión e aprobado polo resto do plenario. O presidente rexeitou revelar se fora por maioría ou por unanimidade: "Aquí", dixo, "está representada a voz da RAG".

 

Tomando a Ramón Piñeiro como guieiro

Trátase dun texto de tres folios que coloca a lingua no centro da "identidade e do recoñcemento de Galicia como nación e como colectividade" e que bota man das ideas de Ramón Piñeiro -o autor homenaxeado este ano co 17 de Maio- para lembra que "un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma", porque a linggua "vén ser a súa comunidade esencial".

Outro dos eixes do texto é a noción de que "ninguén é propietario do idioma", mesmo daqueles "que non tiveron a fortuna nin a oportunidade de recibila de seu na infancia". A este cuestión, de feito, referiuse o propio Barreiro ao cabo da lectura na única pregunta que lles permitiu facer aos periodistas: "Toda a sociedade, empezando polos medios de comunicación, é responsable de gardar o idioma, non só as institucións". E engadiu, "É moi preocupante o que está caendo" en referencia ao uso ideolóxico e político que se fixo do idioma en vésperas das eleccións autonómicas por parte de formacións como o PP ou UPyD.

No comunicado, ademais, a RAG "convida" o novo goberno "a que escoiten as institucións que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información, metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador, a prol do uso, da dignidade e da continuidade do idioma".

 

REACCIÓN

Feijóo contesta que el non fixo nada

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíu onte ao paso das críticas da Real Academia Galega (RAG) e asegurou que aínda non adoptou "ningunha medida" que xustifique as críticas da institución á súa política lingüística.

Feijóo defendeuse dicindo que a RAG non lle notificou formalmente "ningunha queixa" e reiterou que a súa única intención é traballar dende a Xunta para "recuperar" o "consenso" lingüístico "perdido" na pasada lexislatura "coa aprobación do decreto do galego no ensino".

Núñez Feijóo eludiu avanzar a quen situará como responsable de Política Lingüística no seu Goberno, aínda que subliñou que este nomeamento se efectuará "nos próximos días".

Por outra banda, Feijóo ratificou a súa "inequívoca" intención de derrogar o actual decreto do galego no ensino para elaborar un novo documento "consensuado" con pais e educadores, pero recoñeceu que este podería "non "estar listo" para o próximo curso por unha cuestión "de tempo". "Aínda que nos gustaría que o estivese", aclarou.

Feijóo insistiu en que a Xunta cumprirá o seu compromiso electoral de modificar o decreto do galego no ensino e "se non é posible" facelo para o próximo ano académico non será por "falta de traballo" senón porque o calendario escolar aprema.

AVANCE

Equiparar "dereitos e deberes" co castelán

Como era de esperar, o comunicado da RAG non está tinxido de acritude pero si é o suficientemente claro para recoñecer que os académicos están moi preocupados coa deriva lingüística anunciada por Núñez Feijóo. De feito, non son velados os apoios á política desenvolvida polo goberno de Emilio Pérez Touriño na anterior lexislatura e o chamamento ao líder do PP para "arredar a lingua da controversia partidaria".

Entre outras medidas, os académicos reclaman "reforzar" a presenza do galego no ámbito escolar, con especial atención aos máis pequenos, campo que as Galescolas pretendían cubrir antes de que Feijóo as desarticulase. A RAG sinalou que debe facerse "respectando" o idioma das familias, pero cunha "política activa" para promover o coñecemento do galego.

Advertiu tamén que a política lingüística non debe quedar "reducida" ás aulas, senón orientarse tamén a outros ámbitos da vida como a empresa, a universidade, as actividades vinculadas ao lecer ou as novas tecnoloxías. A RAG defendeu, así mesmo, o proceso de normalización lingüística e achacou aos "contrarios" deste proceso de "manchar a palabra normalización coma se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual". Os académicos sosteñen que esta aversión xerou un "falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego".

Ao mesmo tempo, chaman a "impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá".

Nese sentido, consideran que o desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega é esencial para apontoar o uso do idioma.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS