Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

DÍA DAS LETRAS

Unha marea humana toma as rúas en defensa da lingua propia

18.05.2009 Arredor de 40.000 persoas recuperan o espírito das mobilizacións contra a marea negra do "Prestige" para rexeitar a política lingüística do Partido Popular

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Perspectiva da Praza Quintana ateigada de manifestantes en defensa do galego. A praza tivo que ser desaxolada dúas veces para acoller todos os asistentes
Perspectiva da Praza Quintana ateigada de manifestantes en defensa do galego. A praza tivo que ser desaxolada dúas veces para acoller todos os asistentes

"O galego une", un dos lemas que usa a Mesa pola Normalización Lingüística nas súas campañas, foi onte máis certo ca nunca na manifestación que concentrou en Compostela miles de persoas para rexeitar o desregulamento do idioma propio do país proposto polo goberno do Partido Popular (PP). A manifestación, convocada pola Mesa e apoiada por 600 colectivos, converteuse na máis multitudinaria en Galicia desde as marchas pola marea negra do Prestige no 2002 e nun fito histórico das mobilizacións para a defensa do galego, advertencia clara ao presidente Alberto Núñez Feijóo de que a conflito lingüístico aberto polo seu partido na pasada campaña electoral pode ser só o comeza dun incendio que sacuda a lexislatura.

Nin o frío nin as continuas chaparradas impediron que arredor de 40.000 persoas marchasen durante case tres horas polas rúas da cidade desbordando as máis optimistas previsións dos organizadores. De feito, a Praza da Quintana, onde concluía o percorrido, tivo que ser baleirada dúas veces para dar cabida a todos os asistentes, repetindo en cada ocasión a lectura do manifesto. Gaitas, pandeiretas ou caracolas acompañaron a manifestación nun espectáculo onde non só se vían as pancartas de partidos como o BNG, sindicatos como a CIG ou a CUT ou organizacións como Galiza Nova. Máis alá das bandeiras coa estrela vermella, o que había eran carteis con enormes corazóns, familias enteiras berrando "En Galicia, en galego!" e manifestantes sen unha adscrición política concreta que fan pensar no rexurdir do movemento social xestado a finais dos anos noventa e elevado ao rango de fenómeno de masas con Nunca Máis.

Nun dos seus discursos máis incisivos e enxeñosos, o presidente da Mesa, Carlos Callón, arremeteu especialmente contra Núñez Feijóo e a súa tese recente de que el defendería a linguas dos que pretenden apropiarse dela, en alusión ao nacionalismo galego. "Que se apropie o seu goberno", escenificou Callón sobre o estaribel, "que se apropie a conselleira de Sanidade, analfabeta en galego. Que se apropie o consell eiro de Economía, Javier Guerra, analfabeto en galego tamén. Que se apropie a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que quixo xurar o seu cargo en castelán, como se fose tan difícil aprender dúas frases en galego".

Callón tamén criticou o conselleiro de Cultura -"exhibe moito curriculum cosmopolita pero non ten vergonza de dicir que a cultura galega está moi ben, pero é limitada"- e a "demagoxia e manipulación" do Goberno do PP. "As persoas que falamos en galego tamén temos dereitos civís" e "o feito de gañar as elección non fai que as mentiras se convertan en verdade". Desde esta prespectiva, o presidente da Mesa advertiulle a Feijóo que "non conten con ningún consenso para reducir a nosa lingua".

O acto concluíu coa lectura do manifesto en defensa do galego "impulsado por 30 personalidades" en xuño de 2008 e que conta xa "con máis de 20.000 apoios individuais e de 600 entidades sociais, deportivas e culturais".

Durante a súa lectura -que se realizou en dúas ocasións- as escritoras Teresa Moure e Yolanda Castaño pediron "igualdade de dereitos entre galego e castelán". Pola súa banda, Avelino Pousa Antelo e Nemesio Barxa recordaron que o Consello de Europa advertiu que en Galicia "non se aplican os tratados internacionais para promocionar a lingua no ensino ou os servizos públicos" e que lle corresponde ó pobo galego definir a súa política lingüística a través das institucións".

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, deputados deste partido como Teresa Táboas ou Carlos Aimerich, escritores como Bernardino Graña, Cesáreo Sánchez e Manuel Rivas, militantes socialistas como Mercedes Rosón, o patriarca nacionalista Xosé Manuel Beiras, o cineasta Antón Reixa ou a académica Margarita Ledo -que prefriu Compostela a Láncara, sede da sesión extraordinaria da RAG- son algúns dos nomes que acompañaron desde distintos ámbitos aos manifestantes.

"Unha lingua", díxolles Manuel Rivas aos periodistas, "só nace unha vez. É un don marabilloso que pertence ao mundo" e "aínda que existan 5.000 non chegan". Son, engadiu, como "6.000 ríos ou 6.000 bosques, que sempre parecerán poucos". E o mesmo que cómpre defender a natureza, a defensa do galego é "unha obriga" porque o benestar da lingua "está asociada ao benestar xeral".

REACCIÓNS

A "desconfianza" de Feijóo

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, expresou onte a súa "desconfianza" cara a "aqueles que queren apropiarse do que é de todos", en referencia ás 40.000 persoas que onte se manifestaron en Compostela en defensa do galego. "Creo que tódalas manifestacións en democracia son lexítimas. Se hai un partido político e outras organizacións afíns que queren manifestarse, só podemos expresar ou noso absoluto respecto. Defender o galego dende a liberdade e promocionar a lingua galega dende o bilingüismo cordial é a posición maioritaria na que conflúe a sociedade galega e na que está instalado o Goberno da Xunta", dixo. "O galego", engadiu, "é de todos, non ten siglas e é un idioma oficial en Galicia, xunto co español". Na mesma liña, garantiu que a Xunta "protexerá" e "promocionará" este idioma.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS