Domingo 24.05.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Roberto Varela, o conselleiro de Cultura do Goberno de Feijóo FOTO: Lavandeira jr |
Galicia contará cunha destacada presenza institucional na XXVII edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona que se vai celebrar do 29 de maio ao 1 de xuño, xa que será a convidada de honra deste encontro, o máis importante do sector en España e unha das máis prestixiosas en Europa. A Consellería de Cultura e Turismo instalará un expositor de 150 metros cadrados que servirá de plataforma de presentación aos creadores galegos. O espazo estará ilustrado polo traballo Galicia. Tempo de BD do deseñador pontevedrés Fernando Iglesias Mouta Kohell (Vilagarcía de Arousa, 1967).
Por primeira vez, Galicia é comunidade convidada ao Saló do Cómic de Barcelona, distinción que con anterioridade só recibiron Madrid, Valencia e as Illas Baleares. A invitación para o máis importante certame dedicado ao mundo da viñeta a nivel estatal convértese nunha oportunidade única para dar a coñecer o traballo dos ilustradores galegos e para promover e difundir os valores de creatividade que representan.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, xa ten confirmada a súa asistencia á inauguración do evento, que terá lugar na capital catalá o vindeiro venres 29 de maio. Xunto ao titular de Cultura e Turismo, intervirán na inauguración a cónsul xeral de Bélxica en Barcelona, Karina Tuytschaever; o Director General del Libro do Ministerio de Cultura, Rogelio Blanco; o conseller de Cultura da Generalitat de Catalunya, Joan Manuel Tresserras e o alcalde de Barcelona, Jordi Hereu.
A representación institucional da Xunta de Galicia completarase o sábado 30 coa presenza do director xeral de Difusión e Promoción da Cultura, Francisco López Rodríguez.
O venres 29 ás 16 horas o presidente da Agrupación de Libreiros da Coruña, Sanmi, moderará a mesa redonda Galicia, comunidade convidada na que participarán Gochi, autor e editor; Javi Montes, autor e directivo de AgPI e o autor José Tomas. O mesmo venres, ás 17.00 horas terá lugar a inauguración oficial do Saló do Cómic barcelonés.
El Patito Editorial é a única editorial galega que terá unha caseta propia no Salón do Cómic de Barcelona. Mensaxes de Mariano Casas; Los Compañeros. La Orden de la Piedra de Miguelanxo Prado; e Ciudades de Papel de David Pintor, serán os libros que presente a editorial compostelá, dirixida por Fausto C. Isorna, no seu posto.
Claros sinais positivos
Roberto Varela parece continuar, coa súa presenza en Barcelona, o apoio decidido da anterior Consellería de Cultura para difundir a produción creativa do país alén das fronteiras galegas. O obxectivo de lograr unha maior presenza do libro galego en Guadalaxara (México) pode ser o seu novo reto.