Martes 26.05.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | O CCCB realiza a partir dunha exposición a primeira aproximación ó fenómeno e a cultura "quinqui", cuñada polo cine en relación coa delincuencia xuvenil en España entre 1978 e 1985. Mery Cuesta, comisaria da exposición Quinquis dos 80. Cine, prensa e rúa, explicou que o xermolo desa cultura é o cine: "Consideramos o cine quinqui como un xénero cinematográfico bautizado desde a contorna popular, que non recibiu esa consideración no ámbito académico", aclarou.
Carteis, fotocromos e guías de prensa demostran que a produción de películas sobre delincuencia xuvenil na España dos oitenta foi moi prolífica (uns 30 filmes entre 1978 e 1985) e gozou dunha calorosa acollida. Hoxe, algunhas destas películas seguen encabezando o ranking das máis exitosas do cine español, con máis dun millón de espectadores, recorda Amanda Cuesta, tamén comisaria da mostra.
No ecuador da exposición, que estará aberta ó público ata o próximo 6 de setembro, móstrase o contexto socioeconómico no que xerminou a cultura quinqui. Os barrios creados nos anos 70 para absorber o maior número de chabolistas no menor tempo posible e ó custo máis baixo deu lugar a "un urbanismo de pésima calidade", cuns barrios mal comunicados que carecían dos servizos máis básicos, como rede de sumidoiros, escolas ou ambulatorios.
Segundo as comisarias, esa situación, lonxe de resolver os problemas sociais derivados da inmigración masiva e o desarraigamento, non fixeron máis que maquillalos e trasladalos á periferia.
A crise económica dos 70 e os elevados índices de paro converteron estes barrios no territorio xerminal do quinqui, un fenómeno analizado no CCCB a partir de tres casos: o barrio da Mina en Barcelona, Otxarkoaga en Bilbao e San Blas en Madrid. Unha serie de máquinas recreativas -marcianiños, ping-ball, comecocos- coas que os visitantes poden xogar e evocar as novas formas de lecer que, segundo Amanda Cuesta, "conectan aquela xeración de mozas dos setenta coa industria da cultura xuvenil no seu contexto internacional e as súas formas de consumo capitalista".
A recreación dese mundo complétase coa música de grupos como Las Grecas, Los Chichos, Burning ou Eskorbuto. Amanda Cuesta asegura que non se trata dunha exposición sobre os delincuentes, senón "sobre a construción do mito ao redor deses mozos delincuentes".
A presenza que os mozos delincuentes tiñan nos medios é, segundo as comisarias, "clave para entender a conversión deses adolescentes en iconas".
El Vaquilla e El Jaro son as estrelas máis brillantes dese universo, auténticos heroes da marxinalidade grazas ós biopics cinematográficos: Navajeros, a saga Cans rueiros e Yo, el Vaquilla.
Un mito que aínda segue vivo, sobre todo en internet, no cine documental e a través da grande influencia que este cine exerceu e exerce na produción cinematográfica latinoamericana actual.