Domingo 31.05.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 4 de 6]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

ARTIGO

A nena que berra

"Galicia Hoxe" publica o texto gañador da quinta edición do "Premio a artigos xornalísticos normalizadores" que está convocado polo Concello de Carballo

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

María Pilar García Negro é experta en literatura e en sociolingüística galega
María Pilar García Negro é experta en literatura e en sociolingüística galega

Bagaría (1882-1940), o extraordinario debuxante que nos deixou magnífica caricatura de Castelao, é o autor dunha viñeta en que aparecen dúas nenas: unha, no primeiro plano, toda descomposta, a berrar e a carpir; a segunda, nun recanto da escena, apouvigada e maltratada.

A voz autorial pregúntalle á primeira: «Como choras tanto, se é ela a ferida?» «-Si, pero como mira para min!», quéixase a impostora. De modo e maneira que o pecado da marxinada é existir, ser testemuña da histeria da falsaria. Sempre me chamou a atención esta estampa, por me suxerir a alegoría perfecta dun episodio significativo da nosa historia lingüística actual.

Dáse a circunstancia de que, no binomio de linguas presentes na Galiza, unha delas ocupa, en todos os sentidos, o primeiro plano. É a lingua oficial do Estado, a lingua ubicua, a lingua inevitábel, en definitiva. A outra berra moito menos, porque é, aínda, en gran parte, unha lingua underground, isto é, encaixada nos usos que a sociolingüística denomina primarios, as «palabras que leva o vento», que di o refrán...A estampa de Bagaría encerra unha profunda lección para a veraz interpretación da cuestión lingüística nos nosos días. Ela debuxa unha silueta moral e procura a fisionomía interior das cousas, tal e como afirmaba o humorista catalán. Do mesmo xeito, a realidade lingüística galega actual non é interpretábel desde as aparencias senón desde os datos obxectivos.

Os que máis se fan notar non son as vítimas dunha situación disimétrica entre as dúas linguas, o castelán e o galego. O paradoxo reside en que quen máis e máis alto protesta é quen menos razóns ten para o facer, xa que o suposto elemento agraviado -a lingua oficial do Estado- está sobreprotexido, non só por unha lexislación prescritiva senón por un uso megafónico multiestendido, que determina que esta sexa, na sociedade galega, unha lingua inevitábel.

En troca, a lingua galega aínda é limitadamente funcional, cuantitativamente pequena e, sobre todo, cunha capilaridade reducida; isto é, segue a ser unha lingua regulada ou concentrada en usos manifestamente mellorábeis.

Non outra cousa -a mellora manifesta e programada- é o que define a normalización de calquera lingua que o precisar. No noso caso, o galego. Os parámetros de normalidade que caracterizan unha lingua como o español han de alimentar igualmente unha lingua como a galega. Do contrario, estarase a dialectalizar implicitamente o galego, contravindo así todas as definicións científicas, históricas e legais de que é obxecto.

Os nosos antepasados, desde o século XIX, embarcáronse nun proxecto de rehabilitación da lingua do país; primeiro, na literatura; progresivamente, en todos os outros dominios públicos.

A presenza que ninguén discutiría para o español en Madrid ou para o francés en París resulta desconcertante cuestionala, en proporcións ben máis pequenas, para o galego na Galiza. É aquí, para as galegas e os galegos de hoxe, onde e para quen o galego debe existir, se formos respectuosos coa lóxica e mais coa xustiza ecolingüística.

A ensinanza está servida: non quen máis berra, quen máis megafonía ten, está asistido da razón. Será ben preguntármonos polos motivos da nena que figura no segundo plano, ou sexa, polas razóns dos que promoven que ela, na escena, pase ao primeiro plano. A quen nos interesa defender?

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS