Domingo 31.05.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Fernández Paz recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil |
As librarías galegas terán nos seus andeis a partir do día 8 de xuño, Lúa do Senegal, a última obra do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Agustín Fernández Paz. A novela, editada por Xerais, conta a historia dunha nena que vén a España vivir co seu pai, un inmigrante senegalés, e ten que adaptarse ao novo colexio e á vida europea. "A lúa é o único que ela atopa en común entre o seu país e España", di o autor.
Ilustrado por Marina Seoane, a obra foi publicada na colección Sopa de Libros, na serie de 10 anos en diante. Trátase da primeira novela publicada por Fernández Paz, tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil. Ademais, segundo informa Xerais no seu blog, Lúa do Senegal será publicada no vindeiro outono en castelán por Anaya Infantil e Xuvenil e en catalán por Barcanova.
Fernández Paz aborda o drama da emigración, que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. Para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, o escritor decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Lúa do Senegal está ilustrado por Marina Seoane quen lles pon rostro aos protagonistas e recrea as paisaxes de dous mundos tan diferentes.