Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Germán Sierra publicou obras como ‘Efectos secundarios’ en 2000 ou ‘Alto voltaje’ en 2004 FOTO: Fernando Blanco |
Un funcionario posmoderno mais unha escritora post-sexual vense irremediablemente empurrados ao tecnofetichismo, á misantropía e ao narcisismo mediático. "A vida volveuse demasiado contemporánea", di o creador e científico galego Germán Sierra en Intente usar otras palabras (Mondadori), un chanzo máis na súa literatura experimental na que o autor -profesor de bioquímica e bioloxía molecular na Universidade de Compostela- deixa ó descuberto os exercicios de simulación deste "século do ruído". "Hai moito de Google no libro, desa idea de búsqueda continua coa esperanza de encontrar algo, pero antes cando se buscaba non se confiaba en encontrar a solución inmediatamente cando agora, se non atopamos o que buscamos, Google recoméndanos "usar outras palabras", explica o autor coruñés.
A novela indaga nas dificultades para discernir onde se atopa a verdade no século de Internet, de Google, dos blogs...
Si, un dos eixes centrais da obra é a realidade mediatizada e os paradoxos que existen con esta realidade. Non é tanto unha idea apocalíptica da tecnoloxía senón máis ben irónica e satírica.
Fas moitas referencias ao universo de simulacións que nos rodea.
Si, a simulación forma parte desa forma de mediatizar a nosa idea do mundo. Acostumámonos a vivir cunha porcentaxe importante de simulación e a formar parte dela.
O protagonista é un funcionario confesamente vago e mediocre que soña con ser personaxe dun hipotético libro dunha ex amante que non sabemos se existe...
Si, existe a necesidade de ser permanentemente observado na primeira parte do libro, que chamo panoptofilia, a outra cara da moeda da paranoia. Vivimos nun mundo no que temos medo a que nos miren pero tamén temos medo a que nos deixen de mirar. Iso crea unha serie de paradoxos moi interesantes, como o do protagonista, que desexa saír nun libro, algo moito máis infrecuente que saír nos medios electónicos ou televisivos. O libro impreso aparece así como unha tecnoloxía antiga, afastada da nova tecnoloxía.
O protagonista ve en si mesmo problemas de "intensidade".
É unha metáfora dos modos que temos de medir o mundo, as cousas: cremos que todo é avaliable e numerable cando na maior parte dos casos non é así. Porén, para tomar decisións, baseámonos continuamente en predicións.
O funcionario que protagoniza a novela leva unha vida apática pero, á vez, aspira a trascender.
Si, é a contradición na que vive moita xente. O feito de que sexa un funcionario preguiceiro, algo que el recoñece, sérveme para facer unha sátira dunha situación na que todo o mundo parece que ten que aparentar que traballa moito e fai moitas cousas cando en realidade moita xente quere algo totalmente contrario: vivir o máis comodamente posible e traballar o menos posible. Pero o ambiente social crea unha ficción na que todo o mundo ten que demostrar que está producindo continuamente cando en realidade, está mirando porno por internet.
De feito, escribes na novela que "aburrirse é o único que hoxe pode facerse con dignidade".
Normalmente é certo que non nos permitimos aburrirnos. Hoxe en día temos que estar entretidos todo o tempo. Para min o aburrimento pode ser un pracer como calquera outro, que é o que di o protagonista: por que non aburrirse se a maior parte do tempo é tedioso?
A novela tamén critica os políticos ou artistas que intentan aproveitarse da súa situación en beneficio de negocios propios.
Si, realmente, hai sátira social e política, entendida de xeito amplo, como actividade humana na que participamos todos. Hai un afán de sátira destas actividades que, ás veces, están amplamente sobrevaloradas.
Fas ademais unha interpretación do "Experimento Milgram", sobre o fácil que é convencer á xente para que cometa atrocidades.
Si, utilízoo para falar da relación entre os individuos e a autoridade, de como creamos ficcións de autoridade. Sigo a idea que non arraigou o suficiente no inconsciente colectivo, que é que todos somos parte do poder e construímolo. A nosa intervención nos mecanismos de poder podería cambiar as cousas.
"As marcas identifícannos"
O protagonista, Carlos Prat, asiste pola televisión ao 11-S e nese momento, toma consciencia da morte.
É un exemplo da nosa relación co mundo a través dos medios de comunicación como fan moitos autores: Javier Cercas fala sobre como se vive o 23-F ou Julián Ríos sobre como se creou o fenómeno mediático a través da morte de Lady Di. No meu caso, hai unha homenaxe á cidade de Nova York, que me encanta, e sérveme como referente temporal para o lector que durante toda a novela non sabe moi ben en que tempo situarse.
A sexualidade está presente con forza durante toda a novela; sabemos de Patricia Cantino polos seus xogos sexuais na cama co protagonista.
O sexo está visto dende un punto de vista moi mediático. Hai unha reflexión sobre a pornografía e en certo modo, ten que ver con como miramos outros individuos a través do sexo dunha forma mediatizada. Ademais, moitas das relacións que existen entre os personaxes ou o que sente o protagonista polas mulleres teñen que ver moito co sexo.
Falando de poder, as marcas teñen predominio sobre o político no mundo actual.
Neste caso, non falo tanto de poder como de identidade. As marcas confórmannos moito máis que outras cousas. Eu síntome máis identificado coas marcas que co sitio onde vivo.