Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

“Non nos intimidan”

Cen directores denuncian a “chapuza xurídica” da ‘consulta Vázquez’

14.06.2009 Un grupo de pais amósase “indignado” pola retirada do programa de galego en contextos castelanfalantes

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

A asemblea da CIG-Ensino
A asemblea da CIG-Ensino

Máis de cen membros de equipos de dirección dos centros educativos de toda Galicia solicitáronlle onte a Educación ser "eximidos da responsabilidade" de custodiar e aplicar a enquisa sobre o uso das linguas no ensino, un traballo que consideran "alleo aos nosos cometidos".

Reunidos no IES Xelmírez I de Santiago nunha asemblea informativo convocada pola CIG-Ensino, os directores acordaron un texto no que rexeitan asumir "a vixilancia dunha chapuza xurídica que non cumpre ningunha garantía mínima". Denuncian ademais que a enquisa de Educación representa "un inquérito tendencioso que impide expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego".

Tamén critican que a posibilidade de achegar opinións se limite ás persoas que nestes momentos teñen fillos escolarizados, "cando o sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galicia son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade".

O rexeitamento dos equipos directivos súmase así á cadea de reaccións contrarias á enquisa elaborada dende Educación, así como á circular enviada dende o gabinete que dirixe Jesús Vázquez co fin de "prohibir todas as actuacións ou actos a favor o en contra" da consulta. De feito, no texto acordado onte por consenso, os directores de centros educativos incidiron en que non se van deixar "intimidar polas ameazas ilegais dunhas autoridades educativas que perderon o seu carácter institucional para comportarse como axentes electorais dun partido político. Neste sentido esiximos a retirada das notificacións enviadas ao centro por represivas e ilegais", remarcan.

Acusan á Consellería de usar "de xeito partidista a educación e censurar opinóns diferentes á súa" así como de prohibir "que se dea información da propostas das organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica, equipas de normalización lingüística, ANPAS, etc... contradicindo o que reflicten os preceptos legais de promoción e uso do galego recollidas na actual normativa.. "

Sosteñen que as indicacións da Consellería sobre a emisión de opinións en relación á consulta vulnera a súa liberdade de expresión e de cátedra. "Resulta paradoxal que se nos estean anunciando recortes na calidade do ensino (supresións de prazas, agrupamentos,...) coa escusa da crise e se leve a cabo este dispendio en recursos económicos para atacar a nosa lingua. Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise", conclúen.

É por iso que rexeitan a enquisa e reclaman "que se nos exima de responsabilizarnos deste traballo alleo aos nosos cometidos".

Ademais, A Coordinadora Galega de ENDL acompañou a un grupo de pais e nais de centros como o Emilia Pardo Bazán da Coruña que mostraron a súa preocupación ante "a actual situación e a perspectiva futura da lingua galega no ensino."

Fano un día despois de que se dese a coñecer a supresión do programa de innovación educativa de introdución do galego en contextos castelanfalantes. Segundo os informes elaborados polos propios centros, e a percepción das familias, os resultados acadados na consecución da competencia nas linguas oficiais son "altamente satisfactorios". Por iso, os centros educativos mostraron a súa "perplexidade" pola eliminación deste programa sen previa consulta aos docentes nin ás familias. Os pais destes centros mostraron a súa "indignación" ante este feito e reclamaron para os seus fillos "unha capacitación correcta en lingua galega, que algúns pais –castelanfalantes– non poden ofrecerlles porque no sistema educativo no que foron escolarizadas o galego estaba ausente."

REACCIÓNS

Consulta “pouco seria e electoral”

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua (ENDL) volveu onte criticar a enquisa de Educación, que tachou de "pouco seria", "contraditoria", "estritamente electoral" e "irresponsable". Ademais, reclamáronlle á Consellería que "faga un esforzo especial" para que o resultado "non acabe sendo a infravaloración do idioma galego ou o seu abandono".

 

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS