Xoves 18.06.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| Mariña Pérez e Antonio Piñeiro, na presentación do libro na libraría Couceiro de Santiago FOTO: Ramón Escuredo |
Autopoética. É, se cadra, unha das palabras que mellor poden condensar o cerne de Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, o novo poemario de Mariña Pérez Rei, que acaba de editar Antonio Piñeiro na súa colección Bourel. A autora, que gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón co seu libro Fanerógama, explora nesta nova obra a vida e a poesía desde a incerteza, a fraxilidade, o fragmentarismo.
"O cuarto é un espazo hipotético. Un espazo vital, creativo. Un lugar para a creación, a intimidade. Traballo neste poemario sobre ideas que tiña apuntado en Fanerógama: palabras-fetiche como o cuarto, o faro, a serpe... Son ideas un pouco soltas, apuntamentos sobre como concibo o meu xeito de escribir, sobre a miña concepción da escrita..", explicou Mariña.
"Falo, de forma metafórica, sobre o cuarto, como un lugar confuso no sentido da dúbida, o caos, o cambio, a variabilidade... Hai un sentido da melancolía da poesía, porque os poemas nacen da dúbida e do caos, da confusión, da incerteza na procura. Non é que me sinta perdida, nin que non saiba como saír. A poesía implica experimentación...", engadiu a autora.
O poemario recrea dualidades: a noite e o día, a luz e a sombra; e reitera imaxes: o ceo, o soño, a serpe, o faro, as fendas, ás físgoas...
"Identifico, de xeito metafórico, o poema co amante, o proceso de escrita co amor: a decepción... Xogo coas connotacións das palabras: o ceo é tamén o ceo da boca, o meu xeito de expresarme. As cobras simbolizan o que me pode incomodar, chamar a atención... Os pétalos, a natureza, remiten á intimidade do cuarto: a natureza está dentro do cuarto... O soño é unha constante na miña poesía: eu son soñadora...", salientou.
"Non falo do tempo como proceso, do paso do tempo, senón de momentos concretos. A luz entra polas físgoas das persianas, e é como unha alerta, un sinal. É máis unha contemplación do momento como un agasallo efémero, algo que se vai perder para ben ou para mal", aclarou. O poemario achega moito de reflexión sobre a palabra, o silencio, o verso... "Non vexo o silencio como algo negativo en principio. O que non me gusta é o barullo, o ruído, o baleiro rimbonbante para non dicir nada", indica.
A carón da autopoética, sitúanse neste poemario outras cuestións, como a soidade e a destrución do medio -o eldorado descuberto e maltratado-, xa tratados nas súas obras anteriores, -a autora gañou o premio Lueiro Rei cunha novela futurista, Canícula, (Sotelo Blanco), na que imaxina unha Galicia despois do cambio climático, cunha sociedade atrapada no pensamento único e a falta de liberdade-, ou a incomunicación humana, a robotización da existencia, a rutina...
Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante é a nova entrega de Bourel, unha colección de libros elaborados artesanalmente polo profesor Antonio Piñeiro. "Apetecíame un libro feito á man, con ese mimo co que os trata Piñeiro. O resultado é un obxecto feito a medias, entre os dous. Un obxecto que ten moito que ver co que eu escribín, cos meus textos poéticos".
Cada exemplar do libro leva, entre as súas páxinas, uns pétalos de flor, e vai acompañado dun gravado orixinal. A edición, numerada, asinada e única, limítase a só 105 exemplares.
"Fago isto porque me encanta"
Piñeiro elabora artesanalmente os libros da colección Bourel e cobra só os materiais. En Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante deixou sen cortar o fío que une as follas. "O baile de letras, a serpe... ideas dos poemas quedan destacadas na imaxe, a través da tipografía... Nun principio pensamos en facer un colaxe, con fraccións do mundo de Mariña: tickets, recordos...", explicou Piñeiro. "Ao final optamos por poñer un poema manuscrito da autora en cada exemplar", engadiu. "Fago isto porque me encanta", di: libros co valor engadido de ser "obras de arte orixinais", que acaban revalorizándose como pezas de coleccionista. A colección vai polo número 13, cun total de 1.300 libros feitos á man.