Martes 23.06.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | ![]() |
| López Silva conseguiu coa súa última novela xa dous galardóns, confirmando así a súa inclusión entre os nomes dos narradores emerxentes do país FOTO: Ramón Escuredo |
Henning Mankel, Ignacio Martínez Pisón e Inma López Silva. Eles tres foron os gañadores da XV edición do Premio San Clemente nos apartados, respectivamente, de lingua estranxeira, castelán e galego. Como xa é habitual neste certame, un caso insólito na península, os alumnos de cinco institutos do país convertéronse de novo en xurado deste galardón, convocado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago e dotado con 3.000 euros en cada unha das modalidades.
Así, os alumnos de Segundo de Bacharelato dos institutos Poeta Díaz Castro de Guitiriz, María Soliña de Cangas, Nº1 de Ribeira e Xesús Ferro Couselo de Ourense, un por cada provincia que se sortea cada ano, xunto ao Rosalía de Castro, deron onte a coñecer a decisión.
A autora de Memoria de cidades sen luz, a compostelá Inma López Silva -Premio Blanco Amor por esta mesma obra-, alzouse co premio en Lingua Galega, categoría na que tamén competían Conexión Tubinga, de Alberto Canal, e O xardín das pedras flotantes, de Manuel Lourenzo. Memoria de cidades sen luz logrou 5 puntos fronte aos 3 de Canal e os 2 que recibiu a novela de Lourenzo.
En Lingua Castelá, Dientes de leche, última novela de Ignacio Martínez Pisón, antes das súas dúas antoloxías de relatos, impúxose á Casa de Dostoievsky, de Jorge Edwards, e El día de hoy, de Alejandro Gándara. A obra de Pisón obtivo nove dos dez votos que emitían os centros.
Finalmente, en Lingua Estranxeira, a novela O Chinés, de Henning Mankel, foi a preferida dos novos estudantes, por enriba de Chesil Beach, de Ian McEwan, autor gañador da primeira edición do Premio de Novela Europea Casino de Santiago, e Tren nocturno a Lisboa, de Pascal Mercier. Menkel obtivo sete votos.
Os galardóns entregaranse en Compostela, en datas aínda por determinar, coa presenza dos autores premiados.
Inma López Silva -profesora na Escola de Arte Dramática de Vigo- é unha das novas narradoras galegas máis destacadas da actualidade, desde que se dera a coñecer coa súa novela Neve en abril, coa que gañou en 1996 o Premio Rúa Nova. Tiña entón 18 anos. Con este libro comezou unha frutífera traxectoria infestada de galardóns, como o Premio Xerais 2002, que obtivo grazas a Concubinas
A Coruña é a cidade da que parte Inma López Silva na apaixonada viaxe de Memoria de cidades sen luz, unha novela de itinerancia, de exiliados, por onde aparecen personaxes históricos reais e personaxes de invención literaria. Desde A Coruña a Nova York, á procura sempre dunha liberdade e dun amor que lle esvara ao protagonista das mans.