Domingo 28.06.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 2 de 7]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

17-M

Uxío Novoneyra protagonizará o Día das Letras do vindeiro ano

A RAG decide por unanimidade dedicarlle a Novoneyra o Día das Letras de 2010 pola "entrega total" da súa poesía e o seu galeguismo "profundamente democrático"

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

Uxío Novoneyra foi un poeta cunha obra “en constante refacción, en continua forxa”, destacan dende a RAG
Uxío Novoneyra foi un poeta cunha obra “en constante refacción, en continua forxa”, destacan dende a RAG

O Plenario da Real Academia Galega, reunido onte en sesión ordinaria, acordou dedicarlle ao poeta Uxío Novoneyra o Día das Letras Galegas de 2010. Malia a escasa marxe temporal coa que a candidatura chegou ao plenario -Novoneyra finou en 1999 e a RAG impón unha moratoria de dez anos para nomear o autor homenaxeado o 17 de maio- o escritor lugués (Parada do Courel, 1930-Santiago de Compostela, 1999) impúxose por unanimidade, cun único voto en branco, fronte ás propostas de Carvalho Calero e Lois Pereiro. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, afirmou que Uxío Novoneyra ten "méritos contraídos" para que se lle dedique o vindeiro 17 de maio. Foi, dixo, un "excelente poeta, galeguista e profundamente democrático", engadiu. A elección foi case por unanimidade, cun único voto en branco.

Dende a RAG, resaltan que Novoneyra foi "un poeta de entrega total, cunha obra en constante refacción, en continua forxa". Porén, non foi por iso "un poeta de minorías, xa que sempre tivo unha gran preocupación pola comunicación co pobo". De feito, algúns dos seus poemas extensos, como Vietnam Canto ou Letanía de Galicia estiveron presentes en cancións e recitados dende a súa creación en 1968.

Nado o 19 de xaneiro de 1930 en Parada do Courel no seo dunha familia labrega, estudou bacharelato en Lugo onde coñeceu a Manuel María e entrou en contacto con intelectuais da xeración anterior, como Luís Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro. Con 19 anos Uxío trasladouse a Madrid onde se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras e regresou en 1951 para facer o servizo militar.

Obrigado por unha grave pleuresía, viviu no Courel entre 1953 e 1962, anos nos que coñeceu a María Mariño, que foi homenaxeada xa no Día das Letras de 2007. Este encontro dará lugar a unha frutífera relación literaria. Marcha despois a Madrid onde fai programas de radio e televisión e participa nalgunha das actividades do grupo Brais Pinto ata o seu regreso a Parada en 1966 reclamado polos seus pais, xa vellos e enfermos. En 1973 casou con Elba Rei, coa que tivo tres fillos. Residían entre o Courel e Lugo para instalárense definitivamente en Santiago en 1983. En 1982 Novoneyra fora elixido Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou ata a súa morte, ocorrida o 30 de outubro de 1999.

 

Destacan a "oralidade" dos seus versos

A RAG destaca a "oralidade da súa poesía, que adquiría matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos. Unha proba máis do seu enraizamento co pobo e coa poesía popular."

Na súa intensa produción literaria, destacan Os Eidos (Galaxia, Vigo, 1955), con prólogo de Ramón Piñeiro, Os Eidos-2 (Galaxia, Vigo, 1974), ilustrado por Laxeiro ou Poemas caligráficos (Brais Pinto, Madrid, 1979), que recolle poemas publicados con anterioridade pero artisticamente mostrados a través da caligrafía do autor.

En Muller para lonxe (Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo) reúne algúns poemas de amor xa publicados e outros inéditos, ilustrados con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio R. Fer. O poemario Tempo de elexía (Vía Láctea, Oleiros, 1991) recolle esencialmente Elexías do Courel (Rialp, Madrid, 1966) pero sen a tradución ao castelán que incluía a edición castelá. Os dous últimos poemarios de Uxío Novoneyra serán Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994) e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (Hércules de Ediciones, A Coruña, 1998).

 

NUMERARIO

Bernardino Graña, novo académico

A sesión plenaria da RAG votou tamén onte o ingreso do escritor Bernardino Graña como académico numerario da RAG. Nado en Cangas do Morrazo en 1932, comezou comezou a publicar na revista viguesa Alba. Na Universidade de Santiago, relaciónase con ilustres galeguistas como Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro.

Participou como articulista en La Noche, tarefa que seguiu despois no Faro de Vigo. Proseguiu os seus estudos en Salamanca onde se involucra na actividade cultural e antifranquista. Xa en Madrid fai parte do Grupo Brais Pinto e publicou o seu primeiro poemario, Poema do home que quixo vivir.

De volta en Galicia publica Contos populares da provincia de Lugo, 20 mil pesos crime e Profecía do mar. Presidente en dúas ocasións da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a súa última novela, Protoevanxeo do neto de Herodes (2006), foi Premio Eixo Atlántico.

AS CLAVES

Miles de sinaturas de apoio ao poeta

O vindeiro 30 de outubro cúmprense dez anos do falecemento de Uxío Novoneyra. Pendentes desta data mostráronse dende a asociación Amigos de Uxío Novoneyra que leva dous anos reunindo miles sinaturas para que a Academia elixise o autor courelán. O pasado mes de abril entregáronlle ao presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, máis de mil sinaturas, entre as que figuraban a de escritores como Agustín Fernández Paz. De feito, nada máis coñecer a noticia, o colectivo daba onte as grazas dende a páxina web adicada ao poeta (www.uxionovoneyra.com) a todos os apoios recibidos "para que a merecida homenaxe sexa unha realidade."

Pola contra, semella que o escrito asinado polas concellarías de Cultura de Santiago, A Coruña, Ferrol, Ourense, Vigo e Pontevedra así como pola Fundación Artábria en apoio da candidatura de Carvalho Calero non foron suficiente. Sen dúbida, na decisión da RAG pesou que se tratase dunha figura controvertida, abertamente reintegracionista, que levantaba simpatías e inimizades.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS