Venres 10.07.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Maré | Co nome As sesión de Bueu preséntase o próximo mércores 15 de xullo na vila morracense un orixinal concerto en forma de jam session. Baixo este epígrafe xenérico e dividido en dúas partes, cadansúa dunha hora e media, teremos a posibilidade de escoitar un variado elenco de músicos de reputada traxectoria. Xunto á banda Blue Perro, actuarán o cantautor Albert Pla, Josele Santiago -antigo fundador e líder de Los Enemigos-, Nacho Mastretta e Andy chango. Blue Perro está constituída para a ocasión polo arxentino Luca Frasca -que co seu órgano Hammond se presenta como o que será o director musical do evento-, por Héctor Rojo e Coque Santos.
Tamén participarán na jam session varios convidados. Entre eles, Dodo ou Pablo Novoa -antiguo membro de Golpes Bajos-, ou o guitarrista flamenco Diego Cortés -que xa tocou con moitas das figuras do xénero e nesta ocasión acompaña a Pla. Asemade estará a violoncheslista Marina Sorín ou o trombonista americano Norman Hague, que se fixo respectar no mundo do jazz tras colaborar con, entre outros, Gillespie ou coa figura do free jazz Jaco Pastorius.
A proposta destes músicos en Bueu centrarase na interpretación de temas devanceiros e novas cancións dos diferentes autores que participan. Pero tamén haberá versións de clásicos e sorpresas. Polo menos iso é o que o público agarda dunha jam session onde a improvisación e o internamento en paraxes impredicibles é inevitable. Como o son as consecuencias estéticas, filiacións e colaboracións que del deriven.
O escenario montarase na pista deportiva da Banda do Río, como xa se fixo o ano pasado, cun éxito abraiante. Aproveitando o pulo do evento, a organización pretende agora depurar e redefinir a proposta presentada na anterior edición desta jam. En realidade daquela foi algo puntual que se organizara co gaio do vinte e cinco aniversario da cervexería O Farol. Este ano xa é outra cousa diferente. A experiencia xa almacenada, e o poder de convocatoria, prognostican que esta segunda edición consolidará unha caste de formato infrecuente nas programacións de directos: presentado diferente músicos como unha formación única multiorgánica.
A visita a Bueu dos músico non supón un desprazamento para unha actuación ao uso, senón que significa unha ruptura coas rutinas tradicionais dos músicos en xira. Isto é debido a que todos eles fan unha toma de contacto co lugar e co resto dos músicos nos días previos á actuación. Aí é onde poden xermolar os espazos propios de liberdade que se transmutarán nunha posta en común no momento da jam session. O feito tamén leva implícito que os músicos veñen por pracer. Veñen por compartir este momento e non por traballo. De feito a entrada é gratuíta e faise fincapé dende a organización no agradecemento que se lles brinda aos músicos por térense amosado grandes colaboradores dun proxecto que, doutro xeito, semellaría imposible de realizar.
A consecuencia directa deste orixinal formato de festival é que todo o que vaia suceder no escenario será algo inédito e irrepetible. Trátase dunha confluencia única de primeiras figuras da música nacional e internacional que dificilmente podera volver ter lugar, independentemente de que se poidan ver os mesmos artistas dando os seus propios concertos.
Os músicos irán chegando nos próximos días a Bueu para poder establecer as liñas nas que se desenvolverá unha jam que, segundo adiantan os organizadores, baseará na música a relación dos interpretes coa experimentación, co xogo e coa ousadía comunicativa. Cada un conta co seu momento musical, digamos solista, na incerteza da resposta do conxunto e na confianza dunha filiación común na que se libera a improvisación abrollando entre as grandes doses de enerxía transmutada pola conxunción inédita de poderosos creadores.
Os promotores falan dunha noite que estará "iluninada polas estrelas". Non cabe dúbida que o plantel musical que nos presentan ben se podería ver capaz dunha tentativa tal. O compoñente máxico deste evento único é ineludible e, paralelo a este efecto, será protagonista a excepcional escenografía da ría de Pontevedra no fondo, ollando dende Bueu. Só se agarda que o tempo acompañe, pero contra os seus efectos adversos xa está prevista a instalación dunha carpa. E como postre, o día despois, o 16 de Xullo, que se celebra a festa do Carme, padroa de Bueu e dos mariñeiros.