Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Momento no que as enquisas chegaron ás centros de ensino do país FOTO: Axencias |
Mañá cúmprense un mes da fin do referendo desenvolvido pola Consellería de Educación para coñecer en que lingua queren os pais que reciban a educación os alunnos. E a pesar das catro semanas transcorridas, o departamento de Jesús Vázquez infomou estes días que o proceso de escrutinio das enquisas se prolongará aínda "bastante tempo".
Se ben rexeitan especificar o número de persoas encargadas de realizar o escrutinio, asegúrase desde a consellería que "traballan cinco días á semana sen descanso" e xustifican o atraso polo "complicado que resulta abrir os sobres". Algúns destes sobres, puntualizan, "están pegados con lotite e, mesmo, grampados" porque houbo pais -engaden- "que quixeron manter a súa identidade estritamente oculta".
Educación asegura que xa poderían facerse públicos algúns datos, pero que serían "demasiado parciais" e pouco fiables para o conxunto, xa que pertencen soamente a certas comarcas.
O certo é que o polémico referendo -que abriu unha drástica división no país- vai camiño de converterse nun dos máis prolixos e longos na historia da democracia mundial. A espera para coñecer os resultados vaise prolongar máis que o longo mes de tirapuxas e xuízos na primeira elección de George W. Bush como presidente dos Estados Unidos fronte a Al Gore, no ano 2000, símbolo por excelencia dos buracos inatuables de certas eleccións na democracia. Nin na India, onde existen 600 millóns de electores, se tarda tanto en obter uns resultados e o caso da Consulta Vázquez só tería parangón, pola súa dilatada duración, en certas situacións excepcionais en África, como é Zimbabue.
O atraso está a provocar, ademais, que comecen a inzar as sospeitas, sobre todo tendo en conta a premura coa que foi realizada a consulta, destinada -segundo Xesús Vázquez- para servir como base ao futuro Decreto do galego, co que a consellería pretende rebaixar a presenza deste idioma no ensino.Onte mesmo, o portavoz de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Guillermo Meijón, interpretou ese atraso como unha evidencia que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está preparando "unha gran fraude electoral".
A través dun comunicado no que criticou o proceso de elaboración da enquisa por ser "frívolo, falaz, dunha viabilidade técnica máis que cuestionable e impropio dun Goberno serio", Meijón agoirou que a "fraude electoral" que, ó seu xuízo, pensa o máximo mandatario galego suporá "o ataque definitivo contra o galego".
Ademais, o socialista reprobou que a enquisa constitúe "un intento inescusable de manipulación da vontade dos galegos" e que se enmarca en "o desmantelamento programado do ensino público" posto en marcha polo Partido Popular desde a Xunta.
Segundo Meijón, neste "desmantelamento" tamén se inclúen a "nefasta decisión" de suprimir a gratuidade dos libros de texto, a redución de aulas e persoais de profesores e o agrupamento de alumnos. "Para o único que hai diñeiro é para o ensino concertado", censurou, á vez que incidiu en que "non hai que facer unha enquisa para saber que intereses defende o PP". Para rematar, lamentou o "preocupante desinterese" que mostra o PP pola escola pública e prognosticou que a deixará cun gran dano feito". "Pasará a ser a perla da coroa a ser a cincenta do sistema público galego", concluíu o deputado socialista.
Non parece sensato que unha cuestión tan delicada, e que armou tanta polémica, como a "Consulta Vázquez" se estea retrasando tanto nos seus resultados. A actitude non fai máis que aumentar a polémica.