Xoves 23.07.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
[Noticia 12 de 20]noticia anterior de Maré Maré  |  RSS - Maré RSS

debates

Cara a unha marca-país

Os relatores do encontro "Estratexias Culturais de Galiza no Brasil" inciden na necesidade de proxectar no país americano unha imaxe viva e moderna da cultura galega

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. DOPICO . SANTIAGO

Elías Torres, o presidente do CCG, Ramón Villares, e o profesor Carlos Quiroga, no peche do encontro    FOTO: CCG
Elías Torres, o presidente do CCG, Ramón Villares, e o profesor Carlos Quiroga, no peche do encontro
FOTO: CCG

Divulgar no Brasil unha imaxe viva e moderna do galego e da cultura galega, segundo a dinámica dunha marca-país, apoiándose en puntos de confluencia como a lingua. É unha das propostas achegadas onte, na derradeira xornada do encontro Estratexias culturais galegas no Brasil, polos relatores e relatoras que se reuniron no Consello da Cultura Galega (CCG).

"A imaxe que hai no Brasil do galego é a dunha lingua medieval, perdida no tempo", salientou o editor Samuel León, para quen a "gran pedra de toque" da estratexias culturais galegas no Brasil podería ser o idioma se é presentado como "unha parte da lusofonía" e da "historia da lingua portuguesa", malia que coas súas "imbricacións co castelán". O presidente do CCG, Ramón Villares, anunciou que esta institución tratará de facer realidade, nun ano, a suxerencia da profesora Yara Frateschi de realizar unha exposición sobre lingua e cultura galegas no Museu da Língua Portuguesa en São Paulo. Ao incidir na conveniencia de que as editoras brasileiras publiquen autores e autoras galegos para dalos a coñecer fóra do ámbito universitario, Frateschi introduciu unha cuestión que deu lugar a un amplo debate: se as obras galegas deben ou non ser traducidas ou adaptadas para o mercado brasileiro.

O escritor Luis Ruffato, que recoñeceu que descubrira a actual "revalorización da lingua e cultura orixinais" de Galiza a través da súa participación nun congreso no ano 2005, -antes pensaba que o galego era unha lingua morta-, lembrou que xa se editan algúns autores galegos no Brasil, como Carlos Quiroga. E coincidiu con outros relatores na súa proposta de que se realicen antoloxías de literatura galega contemporánea.

A profesora Dolores Vilavedra aconsellou definir ben tanto o tipo de literatura que se quere levar ao Brasil -época, calidade...-, como a caste de editoras e público ao que se pretende chegar. Amosouse partidaria, ademais, de traducir as obras galegas ao portugués do Brasil, polo menos nun primeiro momento e para acadar ao público xeral, reservando outras posibilidades para obras máis especializadas.

O presidente da Associaçom Galega da Língua (Agal), Valentim R. Fagim, advertiu de que riscar a marca de orixe das obras galegas "sería como presentar un libro da cultura chinesa ou coreana", e avogou pola adaptación dos textos: supresión de castelanismos, mudanzas ortográficas..., mantendo léxico galego que sexa correcto, aínda que non tan habitual, no Brasil. A editora Belén López retrucou que, en calquera caso, "nos créditos non vai pór que o texto orixinal estaba en galego, polo que non imos conseguir que os brasileiros saiban que existe o galego".

Pola súa banda, Carlos Figueiras, de Estaleiro Editora axudou a centrar o debate ao recordar que, na práctica, a actitude de moitos galegos respecto ao Brasil é como "de coreanos", pois só coñecen "modelos e futbolistas" a través dos medios de comunicación...

No encontro abordáronse outros aspectos, como a necesidade de contar co apoio das institucións -ningún representante da Xunta, agás Nacho Varela do Consorcio Audiovisual de Galicia, acudiu ao encontro, malia que "foron convidados" segundo lembrou o coordinador, Elías Torres- e a conveniencia de incentivar as relacións entre editoras "independentes" ou alternativas de Brasil e de Galiza. Ramón Villares comprometeuse a "trasladar" a outras institucións as propostas de iniciativas presentadas neste encontro que o CCG non poida asumir.

Tamén se falou de aproveitar os "cadros" que xurdiron da emigración galega no Brasil -especialistas na nosa cultura, persoas activas nos movementos culturais- , ademais de maximizar o uso das novas tecnoloxías -internet, (Youtube...), libros virtuais, libros-CD...-.

Torres salientou que "é posible que Galiza gañe o seu espazo no Brasil", e anunciou que nun mes se publicaría un documento de planificación da estratexia cultural galega no Brasil que "aos galegos corresponde implementar".

Villares aegurou que o encontro terá "continuidade" e manifestou a súa confianza en que os brasileiros leven consigo a idea de que "Galiza é o berce dunha cultura" con varias formas que se desenvolveron no Brasil, Portugal...

IDEAS

O camiño posible da fusión

A segunda parte da xornada de peche do encontro centrouse na música. Roberto Lazzarini propuxo explorar a posible fusión entre a música galega e a brasileira, cuxo principal nexo de unión é, para el, a importancia da percusión. Suxeriu que se grave, -buscando un nicho de mercado cultural e artístico e non popular e masivo-, un disco de "world music" con músicos emerxentes brasileiros e galegos, -sen descaracterizar ningunha das dúas músicas-, e que a súa distribución se acompañe dun show de presentación en ambos países, utilizando se cadra internet.

Outros relatores apuntaron que tampouco se debe esquecerse das grandes figuras da música de ambos lados, e que mesmo se poderían aproveitar os estereotipos sobre a música galega no Brasil e os tópicos sobre a música brasileira na Galiza.

Fernando Conde, do equipo de Carlos Núñez, opinou que "exportar música galega" a un xigante cultural como Brasil "é unha utopía", pero que, de tentalo, se podería probar coas rexións. Outras propostas que se puxeron enriba da mesa ao longo do encontro foi facer lobby en Madrid e Brasil, publicar a Rosalía, organizar intercambios de xornalistas, estudantes e profesores, crear premios para investigadores brasileiros que se ocupen de Galiza, centros de divulgación da cultura galega, materias nas universidades e un organismo que leve artistas galegos a Brasil.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS