Xoves 29.07.2010  | Actualizado 18.52      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

obra

O refuxio do contradiscurso

24.07.2009 John Thompson reivindica a novela como o medio idóneo para lograr espallar na sociedade a memoria histórica

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. DOPICO . SANTIAGO

Para que a memoria da Segunda República, a Guerra Civil e a ditadura se espalle con máis forza na sociedade, é preciso "póla en diálogo coas cuestións sociais, políticas e teóricas que máis a concernen". E a novela pode ser "o medio máis axeitado para brindar experiencias de inmersión na memoria histórica". O profesor da Universidade de Montana John Thompson parte desta tese no seu ensaio As novelas da memoria. Trauma e representación da historia na Galiza contemporánea, (Galaxia), que presentou onte na libraría Couceiro de Santiago.

Para que sectores máis amplos da cidadanía galega se interesen polo que ocorreu, non é suficiente, segundo explica o autor no seu libro, con tentar crear unha "crónica científica e obxectiva da historia". A novela, -coa súa capacidade para "combinar xéneros, tons, estilos, voces e rexistros"-, permite ao ver de Thompson, ademais de achegar datos sobre feitos e procesos, experimentar con emocións e sentimentos, formular hipóteses e experimentar coa súa validez e, en fin, reelaborar a memoria de xeito que poida erixirse en elemento transformador da sociedade actual.

A xénero novelístico é, ademais, para Thompson, "un dos poucos espazos na sociedade onde se puido (e se pode) articular libremente a memoria da experiencia republicana, así como a memoria do trauma causado polo fascismo".

Así, o autor analiza no seu libro, en relación con varias cuestións, 43 novelas galegas que tratan da República, a guerra civil e o franquismo. Unha é a "falacia da Galiza domábel e conservadora" que o aparato de propaganda franquista propagou. O pacto de silencio da Transición favoreceu a amnesia colectiva e cuñou os mitos do "todos tivemos a culpa", salienta Thompson.

Pero as novelas actuaron como "contradiscursos á versión hexemónica", desenmascarando as falacias ao abordar a represión, os avances sociais, asociativos, tecnolóxicos... logrados antes do golpe de Estado do 36... as mentiras do "futuro cheo de paz e promesas" ao que as elites políticas apelaban na Transición... Os principais obstáculos para a recuperación da memoria son, para Thompson, a dereita política, -que se nega aínda a condenar o franquismo-, e uns medios de comunicación de masas que, segundo a dinámica das sociedades neoliberais e posmodernas, promoven a pasividade, o esquecemento do pasado, o consumismo, a frivolidade, o infantilismo, a despolitización, o individualismo...

O autor avoga por reivindicar, máis que a "recuperación da memoria", a "xustiza histórica", xa que, segundo subliña, o obxectivo é "causar na sociedade unha mudanza ideolóxica e política que comporte unha profunda democratización".

A memoria semiperdida reaparece ás veces na novela, segundo Thompson, a través do "espectro", metáfora do trauma que sempre volve ata que a inxustiza é reparada. O autor pon como exemplo, entre outros, a pantasma que en O lapis do carpinteiro de Manolo Rivas visita ao ex paseador Herbal para lembrarlle os seus crimes.

Thompson analiza tamén no seu libro os problemas da representación e transmisión da Historia. Reflexiona sobre o carácter subxectivo e selectivo da memoria, sobre a linguaxe como elemento deturpador do discurso, sobre a relación emocional de calquera autor co seu propio discurso...

Comenta, entre outras cuestións, como un autor-testemuña, de primera xeración -aqueles que viviron os feitos que contan- vaise relacionar dun modo diferente co seu texto que os autores de segunda ou terceira xeración; como na novela galega se explorou pouco a "zona gris": figuras que non representan nin o Bo absoluto nin o Mal absoluto; e como o medo ao revisionismo levou a autores a dotar as súas obras de retóricas de autenticidade a través de pegadas das experiencias traumáticas persoais: fotos, documentos, anacos de xornais... e outros instrumentos.

DATOS

O debate do nacionalismo A achega do feminismo "O sistema neoliberal marxina a maioría a través da amnesia"

"Interesábame a memoria da guerra civil e a República non como un fenómeno illado no pasado, senón como algo que condiciona o futuro e o presente", explicou o autor onte, momentos antes do acto de presentación do seu libro. "Non houbo unha catarse, os criminais non foron castigados, e impúxose o esquecemento, de xeito que se corre o risco non de que a memoria morra, senón de que non sexa algo central", sinalou. "Os medios de comunicación presentaban unha imaxe de festa constante, e por debaixo quedaban os restos dun pasado non resolto", sostivo. "A cuestión preocupábame, non só polo que a amnesia pode perxudicar a democracia, senón porque é parte do sistema neoliberal, que funciona a través da marxinalización da maioría dos cidadáns, igual que en Estados Unidos. A memoria do pasado é unha arma contra a inxustiza, a explotación... Por iso fixen unha tese de doutoramento a partir de catro novelas galegas. Este libro analiza moitas máis obras, e trata a fondo máis cuestións sociais... ademais eu estou máis maduro que daquela, no 2003...", contou Thompson, que comezou a interesarse polo tema do libro polo ano 2000.

DATOS

Thompson subliña como autores novos, malia non reivindicar a nación galega como prioridade, fomentan a conciencia nacional galega e promocionan a lingua con obras que levan a imaxinar unha nova Galiza republicana.

O profesor salienta tamén os estereotipos misóxinos que están presentes en boa parte das novelas que estuda, e reivindica as achegas que á análise literaria pode ofrecer un enfoque feminista.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS